A CIG iniciará mobilizacións no sector das ambulancias para reclamar un convenio xusto

A central convoca tamén dous días de folga nas bases xestionadas por Ambuibérica ante os incumprimentos en materia laboral
A FGAMT-CIG anunciou hoxe que iniciará mobilizacións no sector das ambulancias para reclamar un convenio colectivo xusto e denunciar que as conversas para a súa renovación permanecen paralizadas pola actitude intransixente da patronal. Ao mesmo tempo, a central ten convocadas dúas xornadas de folga nas bases que xestiona Ambuibérica para rexeitar os constantes incumprimentos en materia laboral por parte da empresa.
2016 06 10 ManifaConvenioAmbulanciasSantiago

Segundo adiantou Xabier Aboi, da FGAMT-CIG de Pontevedra, está mañá en rolda de prensa a primeira das mobilizacións consistirá nunha manifestación que terá lugar o vindeiro martes día 14 en Santiago de Compostela (sairá da Praza Roxa ás 11.00 horas).

Nela participarán os técnicos/as de emerxencias de todo o país que non se atopen da garda. A decisión foi adoptada polo sector nas concorridas asembleas celebradas a semana pasada. Ao mesmo tempo, amosaron a súa intención de convocar folga no caso que a partir do día 15 non se produza un cambio de actitude por parte da patronal.

Neste senso, Aboi indica que as conversas para negociar o convenio permanecen totalmente paralizadas “ante as propostas inasumíbeis dos empresarios/as xa que suporían unha clara involución nas condicións laborais”. O responsábel sindical, que compareceu diante dos medios de comunicación acompañado de Rodrigo Pazos, técnico do 061 e delegado da CIG nas ambulancias da zona do Salnés, lembra que a patronal accedeu a sentarse a negociar tras a presión exercida polos/as traballadores/as “mais non achegaba ningunha proposta, e cando o fixo foi para presentar unha serie de cuestións inaceptábeis”.

Folga en Ambuibérica

Ao mesmo tempo, o responsábel da FGAMT-CIG adiantou a convocatoria de dúas xornadas de folga, para os días 21 e 23 de xuño, en bases do servizo de urxencias sanitarias do 061 que xestiona a empresa Ambuibérica: Lalín, Silleda, Baiona, Tui, A Guarda, Nigrán, Mos, Ponteareas, Teixeiro, Cerceda, Negreira, Santa Comba, Muros e nas localidades da Costa da Morte.

Os motivos da convocatoria teñen que ver cos incumprimentos en materia laboral que a empresa, que está a facerse coas concesións públicas do servizo de ambulancias galego da man do PP, acumula dende o mes de decembro, ademais de ter contraídas importantes débedas salariais cos traballadores/as, aos que non lles paga os atrasos. Dende a central denuncian que estes impagos achéganse en moitos casos aos 4000 euros por empregado/a. Ademais, recentemente a empresa achegou unha proposta para modificar substancialemente as condicións de traballo, “algo que non imos permitir”, sosteñen dende a CIG.

Uso electorialista das ambulancias

Por outra banda, Aboi criticou o uso electorialista que fai o PP do servizo de ambulancias de soporte vital básico, xa que, segundo revelou, nos próximos días a Xunta vai anunciar a ampliación da cobertura de emerxencias sanitarias en distintas localidades do país. “Primeiro recortan, sen facer nin caso ás demandas sociais, e agora, curiosamente, a poucas semanas dun proceso electoral van anunciar que aumentan as dotacións”.

Así, asegurou que a CIG tivo acceso a información da propia Consellería de Sanidade de que se ampliará catro horas diarias a ambulancia de Marín que fora recortada 12 horas, polo que pasará a estar operativa durante 16 horas; Vilagarcía terá unha máis que dará cobertura 12 horas (pero non será medicalizada, tal e como demanda a veciñanza e os colectivos sociais, políticos e sindicais); no caso de Vigo, as tres ambulancias que estaban a 12 horas pasarán a funcionar 14; Tomiño, que non tiña ambulancia, contará cunha durante 12 horas; A Coruña e Ourense tamén contarán cun novo vehículo durante 12 horas diarias.

Mención aparte merece o caso de Baiona, “curiosamente a localidade natal do conselleiro de Sanidade e onde tamén exereceu como alcalde”. Para este concello o departamento autonómico anunciará unha nova ambulancia que estará operativa os sete días da semana durante 24 horas ao longo dos tres meses de verán.

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: