POLÍTICA SOCIAL SITÚA Á CONCILIACIÓN COMO A CHAVE PARA FOMENTAR A NATALIDADE E LEMBRA QUE ESTE ANO HABERÁ 2.300 PRAZAS PÚBLICAS DE ESCOLAS INFANTÍS A DISPOSICIÓN DAS FAMILIAS GALEGAS

  • IMG_3069Na súa intervención, a directora xeral destacou ademais a posta en marcha de novos recursos como as Casas Niño no rural ou o Bono Coidado, entre outros
  • A Xunta de Galicia destinará este ano de 2016 máis de 66 millóns de euros a iniciativas que faciliten a conciliación e que contribúan ao desenvolvemento afectivo, psicolóxico e físico das e dos menores

 

Madrid, 10 de xuño de 2016.- A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, participou como membro dunha mesa de expertos no I Foro #Stop Suicidio Demográfico no que se debateron as chaves para fomentar a natalidade e a familia. Alí, a directora xeral falou sobre os novos recursos e liñas de financiamento que está a desenvolver a Xunta de Galicia para favorecer a conciliación e xerar un ambiente social favorable no que sexan compatibles as responsabilidades de coidado dos fillos e fillas co acceso e permanencia no mercado de traballo.

 

No acto organizado por ABC, formuláronse cuestións relativas aos valores como familia e natalidade como solución ao problema do inverno demográfico, as sociedades ProFamilia, as familias numerosas, as propostas lexislativas factibles e reais en países ou lugares concretos, ou como acadar o compromiso lexislativo e normativo de institucións públicas e partidos políticos, organizacións privadas con e sen ánimo de lucro, e de medios de comunicación.

 

No acto que tivo lugar no Salón de Actos de ABC Vocento, Amparo González respondeu a estas preguntas explicando as distintas actuacións do Goberno galego en materia de familia, nas que as familias numerosas gozan dunha especial atención, recoñecendo a súa especial problemática e a súa contribución ao relevo xeracional. Entre elas destacou a mellora da rede autonómica de escolas infantís como un dos piares fundamentais para facer posible unha verdadeira conciliación. Así, Galicia alcanzará o vindeiro curso 2016-2017 unha cobertura superior ao 37% en prazas sostidas con fondos públicos. Esta ratio supón poñer a disposición das familias galegas con nenos/as de 0 a 3 anos de idade máis de 22.300 prazas, superando en catro puntos a aconsellada pola Unión Europea (UE). Asemade, este aumento e diversificación de recursos no ámbito do apoio ás familias e á infancia tradúcese en accións como a posta en marcha das Casas Niño, de escolas infantís en contornos empresariais e do Bono Coidado ou a reserva dunha partida orzamentaria específica para apoiar aos concellos na conservación e mellora das escolas infantís e dos puntos de atención á infancia da súa titularidade.

 

A directora xeral referiuse máis polo miúdo ás Casas Niño, sobre as que explicou que constitúen  un novo recurso para os pais e nais que residen en núcleos rurais onde se proporcionará atención aos nenos e nenas de ata tres anos de idade en pequenos grupos, de xeito flexible e con garantías de seguridade e calidade. O Goberno galego planifica a entrada en servizo, de maneira experimental, dun máximo de 30 Casas Niño que proporcionarán 150 novas prazas de atención a menores no territorio. E no que atinxe a outras das novas liñas de actuación –as achegas para financiar a construción de escolas infantís en polígonos industriais ou parques empresariais, encargándose a asociación empresarial da súa xestión- González Méndez indicou que a Xunta prevé financiar a posta en marcha de cando menos sete escolas infantís nestes centros empresariais, sendo cada unha delas dun mínimo de 3 unidades -41 prazas por escola-.

 

Atención de menores nas súas casas

Dentro da nova política social do Goberno galego para facilitar a conciliación e a responsabilidade compartida na vida familiar e laboral, así como, ao mesmo tempo, mellorar os recursos de atención á infancia, a titular de Familia, Infancia  e Dinamización Demográfica deu conta da próxima posta en funcionamento do Bono Coidado. Trátase dun recurso complementario de apoio ás familias para a atención e coidado puntual no domicilio familiar dos e das menores de 12 anos cando circunstancias imprevistas e debidamente xustificadas impidan ou dificulten a súa realización ás persoas que habitualmente desenvolven esta función. O programa do Bono Coidado consistirá nunha axuda económica directa que cubrirá unha porcentaxe do custe do servizo e cuxa contía se fixará en función da renda per cápita da unidade familiar podendo chegar ao 100% do prezo por hora no caso das rendas máis baixas.

 

Por último, González Méndez indicou que a atención á infancia e ás familias constitúe unha das liñas estratéxicas da acción da Xunta de Galicia en materia social. De feito, o Goberno autonómico destinará a este ámbito máis de 66 millóns de euros ao longo deste ano 2016. Ao respecto, sinalou que estas medidas forman parte da área de conciliación do Programa de Apoio á Natalidade (PAN Galicia), un ambicioso paquete integral de actuacións que, ademais das antes citadas, contempla outras como o Bono Concilia; a Tarxeta Benvida; a dedución fiscal por nacemento ou adopción; o pago único pon neno ou nena menor de tres anos ou o impulso de medidas de conciliación e do teletraballo na función pública.

 

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: