Archive | junio 11, 2016

Aumenta en máis dun 40% o número de peregrinos que fan o Camiño de Santiago que usaron o ano pasado o albergue do Porriño

O número de peregrinos que pasaron polo Albergue do Porriño aumentou nun 42% o ano pasado con respecto a 2014. En total, en 2015 durmiron no mesmo un total de 4.828 persoas, 1.435 máis que o ano anterior, no que buscaron acomodo no albergue 3.393 camiñantes.

O Porriño ocupa un lugar ‘clave’ no Camiño Porugués xa que é o final da primeira etapa do itinerario que vai de Tui e Compostela. Por iso, a vila conta, segundo subliña o propio Goberno de Galicia, cun dos albergues máis modernos do país, no Parque do Rubio, con 52 prazas en total e “unha variada oferta de servizos para peregrinos”, entre eles “conexión a Internet, zonas verdes e calefacción, lavandería, comedor ou dereito a cociña”.

A maioría das persoas que chegan ao albergue son españois, fundamentalmente madrileños, andaluces, vascos e cataláns; en segundo lugar, os máis numerosos son os portugueses, seguidos dos alemáns, franceses, británicos e italianos, aínda que chegan nacionais de Xapón, Australia, Estados Unidos, Corea, China, Rusia ou Canadá, principalmente nos meses de verán, de xuño a setembro, nos que , o pasado 2015, se concentraron o 73% de todas as estancias do ano.

O albergue do Porriño viuse beneficiado polo incremento dos peregrinos do Camiño Portugués a Compostela que, segundo os datos da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, chegou o ano pasado a 9.206 persoas que saíron de Portugal, 2.200 máis que en 2014.

Aínda que dende o Concello aumentou o coidado e baixaron os casos de destrucióne  manipulacións dos sinais oficiais do Camiño ao seu paso polo Porriño, estes actos de barbarie seguen producíndose polo que, ademais de rematar os traballos de limpeza do treito do camiño ao seu paso pola vila, se estreitará a vixianza para rematar con estes feitos

O Concello inicia a mellora do alumeado das parroquias de Mosende, Pontellas, Torneiros e Budiño

Grazas a unha subvención de 150.000 € aprobada pola Deputación de Pontevedra, o Concello do Porriño poderá acometer a mellora das instalacións de alumeado público exterior en distintos puntos das parroquias de Mosende, Pontellas, Torneiros e Budiño.

Segundo explica o concelleiro de Vías e Obras, Manuel Carrera, estas actuacións teñen varios obxectivos: a adaptación das instalación exterior á lexislación vixente, regularizar a modalidade de contratación do subministro, que está obsoleta, garantir as inspeccións regulamentarias e, sobre de todo, que o nivel de iluminación sexa notablemente mellor nas estradas, pistas e rúas da vila, pola que pasan os veciños todos os días.

Ademais de todo isto, o novo alumeado, formado por 460 novas luminarias de tecnoloxía LED de 30 e 60 W, permitirá un aforro de máis de 90.000 kWh, máis de 10.000 € anuais na factura da luz que ten que pagar o Concello e suporá unha diminución da emisión de 20.000 quilos de CO2 á atmosfera cada ano.

Nos vindeiros días empezará a retirada e substitución das vellas lámpadas de vapor de sodio de 150 e 70 W e as de vapor de mercurio de 80 W que, ademais de contaminar moito máis que as novas LED, ofrecen rendementos moito menores. Ao mesmo tempo, se executarán redes de terra e  se colocarán novos cadros de mando e protección, equipados cos elementos que permitirán adaptar a nova instalación ao regulamento legal.

Manuel Carrera engade que o cambio do alumeado se realizará garantindo que non haberá partes que queden a escuras e, por suposto, garantindo a seguridade dos veciños e dos seus bens e propiedades.

Campamentos de verán do Porriño

A Concellería de Benestar pon en marcha os ‘Campamentos de Verán’ dirixidos a rapaces nados de 2004 a 2010, que ten coma obxectivo principal facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante o período estival.

Os campamentos, que teñen un custo de 10 €, e nos que se reservan prazas de balde para rapazas e rapaces integrantes de familias en situación de necesidade, se desenrolarán en 7 semanas, ocuparán aos máis cativos da casa en distintas tarefas de lecer e formativas dende finais de xuño á metade de agosto.

As quendas serán as seguintes: 1ª semana: do 27 de xuño ao 1 de xullo; 2ª semana: do 4 ao 8 de xullo; 3ª semana: do 11 ao 19 de xullo; 4ªsemana: do 18 ao 22 de xullo; 5ª semana: do 25 ao 29 de xullo; 6ª semana: do 1 ao 5 de agosto e 7ª semana: do 8 ao 12 de agosto.

As persoas interesadas deben formalizar a inscrición no Centro de Información á Muller (CIM), no terceiro andar do Concello. Alí deberán cubrir a folla de inscrición, indicando a semana na que queren que participen as pequenas e pequenos.

4 Festival de Bandas de Escolas de Música, do Porriño

IMG-20160605-WA0002Este domingo, día 12 de xuño, ás 12:30 h., na Praza do Concello, terá lugar o ‘4º Festival de Bandas de Escolas de Música do Porriño’, organizada pola Escola Muncipal de Música, coa colaboración do Concello, a Deputación de Pontevedra, o Círculo Recreativo e Cultural e a Agrupación Musical do Porriño.

No mesmo participarán a Banda de Escola Unión Musical de Cabral e a Banda da Escola de Música do Porriño.

VINTE PERSOAS DESEMPREGADAS DO PORRIÑO PODERÁN FORMARSE, MENTRES COBRAN UN SOLDO, NUN OBRADOIRO QUE REMATARÁ COA REFORMA DA ESCOLA UNITARIA DE COVELO, EN ATIOS

Escola Unitaria de Covelo en AtiosA Concellería de Emprego organiza un Obradoiro para 20 persoas, todas elas desempregadas, que serán seleccionadas na Oficina do antigo INEM. Os participantes recibirán formación, teórica e práctica, en albanelería, restauración e xardinería e durante 6 meses, cobrarán unha retribución mentres fan obras de reforma da Escola Unitaria do lugar de Covelo, na parroquia de Atios.

Como salienta a concelleira Soledad Girón, polo que atangue á preparación en xardinería, as alumnas e alumnos, ademais de recuperar o entorno da Escola de Covelo, asumirán a restauración medio ambiental do centro de avistamento de Aves de As Gándaras.

Girón subliña que esta iniciativa, que é posible logo dunha achega de 180.000 € da Xunta de Galicia máis a aportación de 42.000 € do propio Concello, permite “ademais da formación das alumnas e alumnos, que teñan un traballo remunerado durante 6 meses e que rematen proxectos dos que poderán beneficiarse todos as veciñas e veciños do Porriño”.

Este modelo, indica Soledad Girón, é o que quere potenciar o goberno local dentro dos plans de emprego municipais, “contribúen á integración laboral, están remunerados, contribúen a completar a formación, aumentan a experiencia de persoas que están en situación de desemprego e redundan en beneficio da vila”.