Archivo | junio 13, 2016

Persoal de Ullastres, subcontrata de Telefónica, mobilízase contra os despidos e os incumprimentos do convenio

A CIG-Industria denuncia que a empresa con sede en Mos pacta diferentes condicións laborais cos traballadores/as
Persoal da empresa Ullastres-Externalización de Contratos, subcontrata de Telefónica na provincia de Pontevedra, desenvolveu hoxe unha concentración diante da compañía no polígono de Mos para denunciar o despedimento de oito traballadores/as e os incumprimentos do convenio colectivo.
2016 06 13 ProtestaDespidosConvenioUllastresMos01

A mobilización ás portas da Ullastres -que se dedica á lectura e substitución de contadores para Telefónica e que conta cun cadro de persoal de 110 persoas- desenvolveuse esta mañá de 8.00 a 9.30 horas. Dende a CIG-Industria explicaron que a compañía vén de despedir a oito traballadores/as elegando baixa produción.

Ao mesmo tempo, denuncian que a dirección aplica unha política interna de discriminación entre o cadro de persoal, xa que pacta distintas condicións laborais cos empregados/as. Por exemplo, nuns casos contan con vehículo de empresa e noutros teñen que facer os desprazamentos no coche particular, tendo que pagar a quilometraxe. Diante disto, anuncian a convocatoria de novas protestas nas vindeiras semanas.

OS ORZAMENTOS PARA 2017 PRIORIZARÁN POTENCIAR OS SECTORES ESTRATÉXICOS E FORTALECER O NOVO MODELO DE CRECEMENTO

  • A Xunta afondará en políticas encamiñadas a favorecer a economía do coñecemento, a mellora da cohesión social, o crecemento sostible e unha administración máis eficiente e próxima ao cidadán
  • Os obxectivos fixados enmárcanse no Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020
  • O proceso de elaboración dos orzamentos estrutúrase en torno á Comisión de análise e avaliación dos obxectivos dos programas de gastos, a Comisión de ingresos propios e finalistas e a Comisión funcional do gasto

 

Santiago, 13 de xuño de 2016.- Os Orzamentos da Xunta priorizarán as políticas de gasto encamiñadas a potenciar os sectores estratéxicos para impulsar o fortalecemento da actividade e o desenvolvemento do novo modelo de crecemento económico que deseña o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020 (PEG). Así o establece a orde da Consellería de Facenda publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

 

Neste marco, as instrucións para a elaboración dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia fixan que as contas para 2017 axustaranse a criterios como a empregabilidade e o crecemento intelixente a través dunha modernización integral do sistema produtivo baseada na innovación, o coñecemento, a internacionalización e a mellora da competitividade das empresas radicadas en Galicia.

 

Destaca tamén a mellora da cohesión social e benestar e a calidade de vida a través da mellora continua do sistema de asistencia social e sanitario da Comunidade para conseguir o desenvolvemento dunha sociedade máis xusta que garanta a igualdade de oportunidades.

 

Igualmente, o Goberno galego apostará polo crecemento sostible que poña en valor o potencial medioambiental e turístico de Galicia, as enerxías renovables e a mellora da eficiencia enerxética, así como o fortalecemento do sector primario como panca de crecemento e instrumento de cohesión territorial.

 

Potenciarase ademais o fomento das competencias dixitais na sociedade e a adaptación dos sistemas produtivos ás novas tecnoloxías por medio dunhas infraestruturas axeitadas. Ademais, recollen obxectivos estratéxicos encamiñados a acadar unha administración que sexa eficiente, moderna e máis próxima ao cidadán, e cada proxecto de gasto deberá contar cos oportunos indicadores que permitan determinar o seu grao de execución, así como a súa contribución á consecución dos obxectivos aos que estean vencellados.

 

O Goberno galego mantén a súa aposta por un modelo de crecemento san baseado no fortalecemento do gasto social e do esforzo investidor, no cumprimento dos obxectivos de estabilidade –mantendo o control do déficit e da débeda- e na axilidade nos pagamentos aos provedores da Xunta, nun contexto de estabilidade política e institucional.

 

Elaboración dos orzamentos

Neste contexto, o proceso de elaboración dos orzamentos estrutúrase en torno a tres comisións. A Comisión de análise e avaliación dos obxectivos dos programas de gastos avaliará os obxectivos estratéxicos e operativos asignados aos distintos programas de gasto e aos seus indicadores de resultado, así como a coherencia dos indicadores de produtividade asignados a cada partida orzamentaria. Estes obxectivos coinciden cos obxectivos marcados polo Plan Estratéxico de Galicia.

 

Pola súa banda, a Comisión de ingresos propios e finalistas encárgase das tarefas de determinación, análise e agregación dos datos precisos para elaborar as previsións sobre taxas e prezos e demais ingresos de dereito público, sobre ingresos de carácter finalista procedentes da Administración do Estado ou doutras administracións públicas e sobre as correspondentes aos organismos autónomos e axencias.

 

Finalmente, a Comisión funcional do gasto determinará en función dos obxectivos e prioridades de gasto establecidas no PEG 2015-2020, a distribución do orzamento por programas, capítulos e proxectos de gasto.