ETHEL VÁZQUEZ DESTACA QUE A XUNTA LICITARÁ ESTE ANO AS OBRAS DE EXECUCIÓN DA INTERMODAL DE VIGO, PARA O QUE É IMPRESCINDIBLE QUE O CONCELLO SE IMPLIQUE NOS ACCESOS

  • image001Vázquez Mourelle sinala que nos vindeiros días remitirase o proxecto a Fomento, ADIF e ao Concello para avanzar no desenvolvemento da estación intermodal que Vigo necesita, asumindo cadaquén os compromisos adquiridos
  • Subliña que o Goberno galego financiará o 100 % da construción da estación de autobuses mediante uns fondos que xa están garantidos
  • Salienta que a Xunta traballa para impulsar un proxecto estratéxico e decisivo para Vigo, os vigueses e os cidadáns da área de influencia, para que esta cidade teña unha intermodal adaptada ás necesidades de transporte
  • A nova terminal de autobuses, con dúas plantas e 29 dársenas, contará cunha superficie de 15.500 metros cadrados e un investimento de 11,7 millóns de euros
  • A área de servizos terá arredor de 570 metros cadrados de superficie útil e acollerá información e a venda de billetes, consigna, oficinas, aseos, almacén, sala de limpeza e cuartos técnicos
  • A conselleira concreta que o proxecto leva unha proposta de accesos á terminal de autobuses que deberá analizar o Concello, a quen lle corresponden a reordenación dos accesos viarios e as necesidades urbanísticas

 

Vigo, 16 de xuño de 2016.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, presentou hoxe o proxecto básico e o deseño da terminal de autobuses integrada na de ferrocarril, dando un paso máis para rematar este ano o proxecto construtivo e licitar as obras coas que Vigo se converterá na primeira cidade galega con estación intermodal, para o que é imprescindible que o Concello se implique nos accesos.

 

Vázquez Mourelle subliñou que a nova terminal de autobuses de Vigo contará cunha superficie de case 15.500 metros cadrados e suporá un investimento de 11,7 millóns de euros. Concretou que a Xunta financiará o 100 % da construción da estación mediante uns fondos que xa están garantidos.

 

A titular de Infraestruturas indicou que nos vindeiros días o proxecto será remitido ao Ministerio de Fomento, ADIF e ao Concello de Vigo para seguir avanzando no desenvolvemento da estación intermodal que Vigo necesita, asumindo cadaquén os compromisos adquiridos e acometendo as actuacións establecidas.

Este proxecto básico é un documento técnico completo que analiza os distintos aspectos a ter en conta na construción da nova terminal de autobuses e a súa integración no que será o gran complexo da rúa Urzáiz, con terminal de ferrocarril e zona comercial. Así, recolle unha memoria descritiva, con información previa, definición do proxecto, as prestacións do edificio e os seus usos e os movementos que realizarán os autobuses; tamén, unha memoria urbanística, que analiza as necesidade de encadre urbanístico da estación; e unha construtiva, onde se analizan os aspectos como o deseño, a distribución e os materiais da nova terminal, a cimentación, os forxados e a cuberta. Ademais disponse dunha completa cartografía e de planos de situación, emprazamento, deseño, ou definición das plantas.

 

A conselleira explicou que a Xunta traballa para impulsar un proxecto estratéxico e decisivo para Vigo, os vigueses e os cidadáns da súa área de influencia, para que esta cidade teña unha intermodal adaptada ás necesidades de transporte.

 

O Goberno galego xa realizou os estudos previos necesarios para a correcta definición da nova terminal de autobuses, licitou e asinou o contrato de servizo para a redacción dos proxectos básico e de execución e levou a cabo as actuacións necesarias para obter un coñecemento detallado do terreo e para poder definir axeitadamente os distintos elementos construtivos da nova terminal.

 

Para a construción da nova terminal de autobuses de Vigo a Xunta aposta por un deseño eficiente e funcional, cunha estética singular, que ten en conta as peculiaridades do terreo, que busca responder á súa idiosincrasia e adaptarse á identidade de Vigo e dos vigueses. Trátase dun deseño acorde co contorno e que tamén garante a plena integración no proxecto deseñado por Thom Mayne, no Centro Vialia.

 

Características técnicas

A nova estación de autobuses de Vigo disporá de dúas plantas para salvar o desnivel existente, de sete metros, entre a Praza da Estación e o acceso á terminal de ferrocarril. Na superior, situaranse as dársenas para os autobuses e na inferior quedará emprazado o edificio de servizos.

 

A zona de dársenas está concibida como un circuíto exterior arredor dunha illa central na que se distribuirán as 29 dársenas proxectadas, distribuídas en dúas tipoloxías: en forma de dente de serra, que favorece a entrada e saída dos autobuses sen necesidade de efectuar manobras de retroceso e aumenta a eficiencia e a capacidade da terminal; e en espiña de peixe, máis propicias para servizos de longo percorrido, con períodos de estacionamento máis longo e con menos rotación por dársena.

 

A zona de servizos terá arredor de 570 metros cadrados de superficie útil e acollerá, entre outros: información e a venda de billetes, consigna, oficinas, aseos, almacén, sala de limpeza e cuartos técnicos, así como o vestíbulo de espera e circulación, desde o que se accede á illa de dársenas, que ocupará a meirande parte do espazo, case a metade, arredor duns 250 metros cadrados. Este edificio de servizos ao viaxeiro será contiguo ao edificio de oficinas existente, que será necesario manter mentres non se execute o Centro Vialia, aínda que despois poderá ser destinado a locais comerciais.

 

Ambas as edificacións delimitan unha praza peonil cuberta a través da cal circularán os fluxos peonís asociados á estación intermodal.

Vázquez indicou que o proxecto básico vai acompañado dunha proposta de accesos á terminal de autobuses que agora deberá analizar e valorar o Concello de Vigo, por canto é á Administración local a quen lle corresponde a reordenación dos accesos viarios e das necesidades urbanísticas.

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: