Archive | julio 2016

Cancions dos nosos barrios en vigo

Fotos: Manuel Carballo Crespo1 (13) 1 (11) 1 (6) 1 (4) (1) 2 (4) 3 (5) 3 (9)

Os estudantes internacionais de IESIDE manteñen un encontro coa directora de Turismo de Galicia

O grupo de 15 estudantes cursa en Galicia o Diploma Avanzado en Relacións Internacionais de IESIDE

·    FOTOIESIDE  O programa de estudos que cursan ten por obxectivos estratéxicos o apoio ás empresas galegas e a promoción do sector turístico da comunidade en China

·      Nava Castro explicou a importancia de turismo en Galicia, destacou os seus principais recursos e expuxo as claves do Plan Integral de Turismo da comunidade

29.07.2016. O grupo de 15 estudantes chineses chegados a Galicia para cursar o  Diploma Avanzado en Relacións Internacionais (DARI) do Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (IESIDE) mantiveron esta tarde un encontro na sede de Afundación en Vigo con Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, axencia dependente da Xunta de Galicia.

Os estudantes, primeiro grupo internacional que se incorpora aos programas formativos de IESIDE, proceden da Beijing International Studies University (BISU), onde realizan estudos de Grao de Español. O Diploma Avanzado en Relacións Internacionais que cursan en IESIDE ten como obxectivo principal o apoio ás empresas galegas para a súa entrada e posicionamento no mercado chinés, proporcionándolles profesionais dese país multilingües e con formación empresarial. Outro dos seus obxectivos estratéxicos é a promoción do sector turístico galego en China.

Na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou o destino turístico Galicia facendo fincapé nos seus principais recursos, como son o Camiño de Santiago, a natureza, a gastronomía, o termalismo, o patrimonio cultural, as grandes cidades ou o turismo rural.

En la foto, junto a los estudiantes internaciones aparecen Nava Castro y el secretario gerente del IESIDE, Pedro Otero

REY VARELA ASINA CO CONCELLO DE CERVO O CONVENIO PARA O EQUIPAMENTO DO CENTRO DE PROMOCIÓN DA AUTONOMÍA E ATENCIÓN Á DEPENDENCIA SITO EN SAN CIBRAO POR UN IMPORTE DE 160.000 EUROS

  • CervoAsegura que este texto representa “un pulo decidido polo eido rural, pola mellora das súas infraestruturas e pola súa protección social”
  • Segundo o acordado, a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, achegará a cantidade de 150.000 euros (65.000 euros na primeira anualidade de 2016 e outros 85.000 euros en 2017), mentres que o Concello de Cervo aportará os restantes 10.000 euros

 

Cervo (Lugo), 29 de xullo de 2017.- A Consellería de Política Social, na figura do seu titular, José Manuel Rey Varela, vén de asinar o convenio de colaboración co concello lucense de Cervo, representado polo seu alcalde, Alfonso Villares Bermúdez, para o equipamento do centro sito en San Cibrao onde se presten servizos das carteiras de promoción da autonomía e de atención á dependencia por un importe de 160.000 euros. Logo da sinatura do acordo, o responsable da área social do Goberno galego asegurou que este texto representa “un pulo decidido polo eido rural, pola mellora das súas infraestruturas e pola súa protección social”. “O propósito da Consellería de Política Social é que todos os galegos e galegas melloren a súa calidade de vida, especialmente aqueles que pasan maiores dificultades e, neste obxectivo, as xentes, e sobre todo os maiores, do rural representan un colectivo prioritario no noso eido de acción”, engadiu.

 

Coa dotación do equipamento necesario para o edificio de San Cibrao -xa construído e que é de titularidade municipal- o centro de promoción a autonomía e atención á dependencia podería entrar en funcionamento proximamente. Segundo o acordado, a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, achegará a cantidade de 150.000 euros (65.000 euros na primeira anualidade de 2016 e outros 85.000 euros en 2017), mentres que o Concello de Cervo aportará os restantes 10.000 euros.   

 

O convenio asinado hoxe rubrícase ao abeiro do Programa de Desenvolvemento Rural Sostible para o período 2010-2014. Un Plan que, dixo o conselleiro, “contempla o financiamento de proxectos orientados á posta en funcionamento de centros destinados á prestación de servizos sociais, prioritariamente centros de atención diúrna e residencias de maiores dependentes, co fin de incrementar as prazas dispoñibles destes recursos”. Do mesmo xeito, o titular de Política Social asegurou que o convenio asinado dá cumprimento ao Plan grazas ao “equipamento e posta en marcha dun recurso no que as persoas maiores e dependentes poidan recibir coidados e atencións de carácter persoal, terapéutico e social”.  

 

Nesta liña, Rey Varela destacou o incremento das partidas destinadas a maiores como reflicte que a nova Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade teña neste ano 2016 un aumento do 7% con respecto ao orzamento consignado a esta área en 2015. “Unha suba que nos permitirá coidar mellor dos nosos maiores, consignar máis cartos para atención á dependencia ou abrir máis centros para maiores, como estamos a facer no Concello de Cervo”, engadiu.

 

Do mesmo xeito, o conselleiro sinalou a importancia do mantemento das horas do Servizo de Axuda no Fogar que con 12.108 horas acada unha ratio de cobertura do 99,67%. A achega económica que fai a Consellería de Política Social neste eido é de máis de 150.000 euros, unha cifra que case triplica o importe que se concedía en 2009.

 

Ademais, tocante a atención aos menores, Rey Varela comprometeu a axuda da Xunta de Galicia respecto ás melloras da escola infantil municipal.

A DIRECTORA XERAL DE INFANCIA PRESENTA AOS ALCALDES DA PROVINCIA DE OURENSE O CONTIDO DA ORDE PARA O INVESTIMENTO EN ESCOLAS INFANTÍS MUNICIPAIS

  • 20160729_133230 (1)A orde, publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia, está dotada de 1,5 millóns de euros
  • O obxectivo é mellorar as escolas infantís así como os puntos de atención á infancia municipais a través da realización das obras menores e da compra do equipamento necesario
  • Os concellos interesados poden presentar a súa solicitude ata o vindeiro 26 de agosto

 

Ourense, 29 de xullo de 2016.- A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización demográfica, Amparo González, continuou esta mañá en Ourense a súa rolda de encontros con alcaldes para informalos sobre o contido da Orde que regula a concesión de axudas para o investimento en escolas infantís dependentes das corporacións locais. Nesta provincia, existen 19 concellos que contan con escolas infantís municipais.

 

A directora xeral salientou que a orde pola que se regulan as bases que rexerán a concesión de axudas económicas para o investimento en escolas infantís de 0 a 3 anos dependentes de corporacións locais, publicada onte mesmo no Diario Oficial de Galicia por primeira vez, “está dotada de 1,5 millóns de euros” e que “os concellos interesados xa poden presentar a súa solicitude nun prazo dun mes que rematará o vindeiro 26 de agosto”.

 

Durante este encontro que tivo lugar na Delegación Territorial da Xunta, Amparo González salientou que a finalidade da convocatoria é “mellorar as escolas infantís así como os puntos de atención á infancia municipais a través da realización das obras menores e da compra do equipamento necesario”.

Con estas axudas facilitarase a posta en marcha inmediata de recursos de atención á infancia que estean unicamente pendentes da dotación de equipamento, co que se aumentará a dispoñibilidade de prazas de atención á infancia. Igualmente mellorarase a calidade da atención recibida nos que xa veñen funcionando.

 

Esta convocatoria enmárcase no programa operativo FEDER Galicia para o período 2014-2020 e o financiamento articularase a través dunha convocatoria pública de subvencións baixo o réxime de concorrencia competitiva. Os concellos beneficiarios non poderán ter recibido axudas financiadas con fondos Estruturais de Investimento Europeos (EIE) 2007-2013 para o mesmo concepto de gasto e no suposto de recursos que dependan da dotación de equipamento para seren postos en marcha  tampouco poderán ter recibido axudas financiadas cos ditos fondos EIE para a construción da infraestrutura. Ao abeiro desta convocatoria serán subvencionables obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas, obras novas de escasa contía que doten ao edificio de servizos necesarios, adquisición e mellora do equipamento do centro (incluída a compra de mobiliario interior e exterior e de material didáctico e de xogo), e a dotación de conexión a internet e compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula.

 

As axudas poderán financiar ata o 100% do investimento subvencionable e terán unha contía máxima por cada centro de 20.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras e de 15.000 euros para as destinadas á compra de equipamento. Cada concello poderá percibir unha axuda máxima de 35.000 euros, con independencia do número de centros para os que presente solicitude. A actuación é complementaria das accións de investimento para mellora das escolas infantís da rede Galiña Azul.

 

Cómpre destacar que esta convocatoria enmárcase no Plan de Dinamización Demográfica para Galicia 2013-2016, Horizonte 2020, e forma parte do Programa de apoio á natalidade (PAN), un programa integral da administración autonómica que ten como obxectivo apoiar ás familias galegas ofrecendo respostas globais ás súas necesidades.

 

A atención á infancia e o apoio ás familias é unha das liñas estratéxicas de actuación da Consellería de Política Social. Investir na atención á infancia aumenta a equidade dos resultados educativos e reduce os custes para a sociedade en perda de talento e en gasto público en benestar, sanidade e incluso xustiza. Así mesmo, contar con estes recursos de conciliación contribúe significativamente a acadar obxectivos políticos fundamentais, en especial en canto a crecemento e emprego, integración social de grupos vulnerables e igualdade de xénero. O desenvolvemento dunha política de conciliación eficaz tamén constitúe unha resposta clave aos retos demográficos a longo prazo.

 

O orzamento consignado para as actuacións de conciliación por parte da Consellería de Política Social ascende a 67.124.923 euros, o que supón un incremento de case o 70% con respecto ao exercicio 2015. Grazas a esta aposta decidida do departamento autonómico Galicia xa é un referente de servizos de apoio á natalidade e á familia no contexto español.

 

UN TOTAL DE 15 EMPRESAS PRESENTAN AS SÚAS OFERTAS PARA A REDACCIÓN DO PROXECTO DE CONSTRUCIÓN DO ENLACE DE AREAS, NA VÍA DE ALTA CAPACIDADE TUI- A GUARDA

  • A redacción do proxecto permitirá, a continuación, licitar as obras do enlace que suporá un investimento da Xunta de preto de  12 millóns de euros
  • Considérase prioritario este treito, xa que nel conflúen a futura VAP á Guarda; a A-55, que une Vigo con Portugal e dá saída á rede nacional de autovías; a N-551 que leva á ponte internacional; e e a PO-552 que vertebra o Baixo Miño
  • Co novo enlace que se integra na VAC Tui – A Guarda posibilítase a conexión do polígono empresarial que xera tráficos pesados derivados das actividades industriais, como un elevado número de vehículos particulares que se achegan ás diferentes zonas comerciais

 

Santiago, 29 de xullo de 2016.- Un total de 15 empresas presentan as súas ofertas para a redacción do proxecto de construción da Vía de Alta Capacidade (VAC) de Tui-A Guarda, treito enlace A-55 – enlace de Areas.

 

Este contrato licitouse por un importe de máis de 75.000 euros e prevese un prazo de execución de 8 meses. A continuación da redacción deste proxecto será posible licitar as obras do enlace que suporán un investimento por parte da Xunta de arredor de 12 millóns de euros.

 

A Xunta está a avanzar na súa determinación por completar o eixo de altas prestacións entre Tui e A Guarda, comezando pola conexión do enlace de Areas coa N-551 e a A-55, necesario para solucionar os tráficos e mellorar as conexións dun polígono que rexistra unha importante actividade económica, industrial e comercial. Cómpre lembrar que con data 6 de maio foi sometido a información pública a efectos expropiatorios o proxecto de trazado do enlace de Areas, que se desenvolverá nivel construtivo e se integrará co da VAC Tui – A Guarda mediante o contrato que hoxe se licita.

 

A Xunta, tras unha fonda análise técnica, funcional e social, detectou que este treito é o máis urxente nesta infraestrutura, xa que nel conflúen a Autovía A-55, que une Vigo con Portugal e dá saída á rede nacional de autovías; a N-551 que leva á ponte internacional; e e a PO-552 que vertebra o Baixo Miño. Ademais posibilítase a conexión dun polígono empresarial, o de Areas, que xera tanto tráficos pesados derivados das actividades industriais, como un elevado número de vehículos particulares que se achegan ás diferentes zonas comerciais.

 

O Goberno galego xa ten acadado unha solución que posibilita movementos directos sen necesidade de meter os tráficos no núcleo de Areas.

 

Cómpre lembrar que dende o 2014 está en servizo o treito entre Goián e A Guarda, 10 quilómetros de vía de altas prestacións cos que máis de 6.000 vehículos cada día ven mellorados os tempos de percorrido e, sobre todo, a súa seguridade viaria.

 

A DIRECTORA XERAL DE XUVENTUDE DESTACA AS TAREFAS AMBIENTAIS QUE SE ESTÁN A REALIZAR NO CAMPO DE TRABALLO INTERNACIONAL DE COTOBADE

  • Os voluntarios e voluntarias están a acondicionar a ruta de “Foxo do Lobo” e tamén participan en obradoiros relacionados co emprendedurismo xuvenil aproveitando os recursos da zona
  • Cecilia Vázquez destacou que “os campos de traballo contribúen á difusión de valores como a participación, a solidariedade, o coñecemento do contorno e o traballo en equipo entre os participantes”

 

Cotobade (Pontevedra), 27 de xullo de 2016.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou aos participantes no campo de traballo de Cotobade, que forma parte da Campaña de Verán da Consellería de Política Social. Esta iniciativa ten lugar do 27 de xullo ao 7 de agosto e nel participan mozos e mozas de Galicia, do resto de España e de varios países de todo o mundo.

Os voluntarios e voluntarias realizan tarefas ambientais na ruta “Foxo do Lobo” ao seu paso pola parroquia de Carballedo, que consisten na limpeza e acondicionamento das zonas de tránsito do sendeiro. Ademais, realizan obradoiros relacionados co emprendedurismo xuvenil aproveitando os recursos da zona, que poden servir de base para futuros proxectos laborais e de autoemprego.

Os e as participantes tamén contan con actividades complementarias como obradoiros de liderado, coaching e traballo en equipo, sendeirismo, xeolocalización, veladas, visitas culturais a lugares de interese da comarca, tiro con arco e dinámicas grupais.

Cecilia Vázquez destacou que “os campos de traballo contribúen á difusión de valores como a participación, a solidariedade, o coñecemento do contorno e o traballo en equipo entre os participantes”. Así mesmo, “fomentan a mobilidade, pois ofrecen aos mozos e mozas a oportunidade de tomar parte en campos doutras Comunidades e países”.

Galicia é a comunidade de referencia en materia de Campos de traballo. O ano pasado a nosa comunidade organizou o 34% dos campos de traballo internacionais que se celebraron en toda España, segundo o balance realizado polo Injuve. Este ano a Consellería de Política Social organiza un total de 23 campos de traballo na comunidade galega nos meses de verán e os mozos e mozas galegos dispoñen de 575 prazas para participar nestas iniciativas. Destas prazas, 120 son para Campos noutras comunidades autónomas, 250 para Campos en 34 países de Europa, Asia, África e América e 205 para Campos en Galicia.

No total galego, na Campaña de verán toman parte 9.046 mozos e mozas, un 6 % máis que no ano anterior. As actividades están dirixidas a persoas entre 9 e 30 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade.

O departamento autonómico inviste 2,6 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitirán a contratación dunhas 900 persoas entre monitores e directores de tempo libre.

Na programación inclúense: campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

 

MÁIS DO 80% DOS MOZOS E MOZAS QUE PARTICIPARON EN PROGRAMAS DE EDUCACIÓN NON FORMAL DA DIRECCIÓN XERAL DE XUVENTUDE AMÓSANSE SATISFEITOS COA FORMACIÓN E COMPETENCIAS ADQUIRIDAS

  • Así o sinala o estudo sobre “Os programas de educación non formal e a empregabilidade da Xuventude en Galicia”, elaborado polo grupo de investigación ESCULCA da Universidade de Santiago de Compostela
  • A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, fixo referencia a este e outros datos relevantes na charla coloquio sobre os retos da mocidade, celebrada no marco do curso Políticas de inclusión e comportamento social

 

Sada (A Coruña), 29 de xullo de 2016.- Máis dun 80% dos mozos e mozas que participaron nos programas de educación non formal da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado están satisfeitos coa formación e competencias adquiridas, segundo sinala o estudo sobre “Os programas de educación non formal e a empregabilidade da Xuventude en Galicia”. Este documento, que foi presentado este mesmo mes de xullo, foi elaborado polo grupo de investigación ESCULCA da Universidade de Santiago de Compostela tras analizar os programas Galeuropa, Iniciativa Xove e Voluntariado Xuvenil.

Este dato foi posto de manifesto pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, na charla coloquio sobre os retos da xuventude, no marco do curso Políticas de inclusión e comportamento social que organizan a Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago no Auditorio da casa da cultura Pintor Llorens de Sada.

Cecilia Vázquez tamén dixo que segundo este estudo as competencias adquiridas máis valoradas polos participantes no programa de mobilidade Galeuropa, que permite a realización de prácticas laborais en empresas europeas son a disposición a asumir novas funcións e tarefas, a adaptación con facilidade a outros ambientes culturais, o traballo en equipo, a disposición a explorar novas oportunidades e emprender cambios para mellorar as cousas e a comunicación nunha lingua estranxeira.

Pola súa banda, os participantes no programa de participación xuvenil a través do desenvolvemento de proxectos Iniciativa Xove sinalaron como competencias adquiridas máis valoradas a mellora da relación con outras persoas, a mellora na coordinación dun grupo de persoas e , de novo, a disposición a asumir novas funcións e tarefas, a adaptación con facilidade a outros ambientes culturais e o traballo en equipo.

Finalmente, as competencias adquiridas máis valoradas polos participantes no programa de Voluntariado Xuvenil, que aporta mozos e mozas como voluntarios a proxectos solidarios de entidades e concellos, foron tamén a disposición a asumir novas funcións e tarefas, a adaptación con facilidade a outros ambientes culturais, o traballo en equipo, a mellora na relación con outras persoas e a disposición a explorar novas oportunidades e emprender cambios para mellorar as cousas.

En definitiva, concluíu Cecilia Vázquez, este estudo pon de manifesto que os mozos e mozas que participan nos programas de Educación non formal da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado “melloran o seu capital social e cultural en termos de empregabilidade, co desenvolvemento de competencias transversais, tales como as habilidades comunicativas, a adaptabilidade, o traballo en equipo, ou as habilidades interculturais”.

 

A XUNTA PUBLICA HOXE O ANUNCIO POLO QUE SE SOMETE AO TRÁMITE DE INFORMACIÓN PÚBLICA O PROXECTO DE CONSTRUCIÓN DUN ITINERARIO PEONIL E CICLISTA NA PO-331, EN ATÍN, NO CONCELLO DE MOS

  • A Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, financia estas actuacións mediante a achega económica dun investimento de 450.000€
  • O Diario Oficial de Galicia somete a información pública durante trinta días hábiles
  • A nova senda executarase ao longo de case un quilómetro na marxe esquerda da PO-331
  • Con esta actuación mellorarase a accesibilidade peonil das vivendas e núcleos de poboación da zona de Atín, dando continuidade ao itinerario peonil existente que chega ata Porriño
  • Ademais, a actuación prevé un novo acceso peonil e ciclista, directo dende a PO-331, ao colexio público de Atín, a mellora da seguridade dunha intersección da PO-331, e a execución dun colector de saneamento

 

Santiago, 29 de xullo de 2016.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción dun itinerario peonil e ciclista ao longo da estrada autonómica PO-331 na zona de Atín, no Concello de Mos. No seguinte enlace pódese consultar a información relativa ao anuncio que publica hoxe o DOG: http://goo.gl/qqaf50

 

Este documento sométese a información pública durante trinta días hábiles, dende o día seguinte á publicación deste anuncio no DOG, para que se podan formular as observacións precisas. A exposición ao público, aos efectos da presente resolución, realízase na Axencia Galega de Infraestruturas, no Servizo de Infraestruturas de Pontevedra (Rúa Fernández Ladreda, 43-1º-4º – 36071 Pontevedra) e na Casa do Concello de Mos (Rúa Reguengo, s/n, 36416 Petelos,Mos, Pontevedra) e de Porriño (Rúa Antonio Palacios, 1, 36400 O Porriño, Pontevedra).

 

A senda contará cunha lonxitude de 920 metros, que implicará un investimento de 450.000€ cuns fondos que a día de hoxe xa están garantidos para a execución da actuación dentro do Plan de Sendas de Galicia. Deste modo, farase posible a comunicación peonil das vivendas e núcleos máis próximos a este treito da PO-331 coa capitalidade do concello de Porriño, e dotará dun novo acceso peonil e ciclista, directo dende a estrada autonómica, ao colexio público de Atín.

 

A sección que se vai executar contará cun firme de formigón con cor e garantirá un ancho mínimo de 1,8 m libres para o tránsito. Isto permitirá que as persoas que se despracen pola senda teñan un espazo suficiente como para transitar e cruzarse comodamente.

 

Para poder acometer a actuación será necesaria a expropiación de 1.453 m2, cun custo estimado de adquisición dos terreos de 10.152 €. Para elo, o documento que se somete o día 29 a información pública inclúe a relación de bens e dereitos afectados pola actuación.

Actuacións complementarias de mellora da estrada

A maiores da senda en si mesma, mellorarase a seguridade viaria e a funcionalidade da propia estrada con actuacións complementarias importantes en canto á súa transcendencia:

 

  • Destaca o novo acceso peonil e ciclista ao colexio de Atín, directo dende a estrada PO-331, cun ancho de 3 metros e 200 de lonxitude.
  • Mellorarase a intersección da estrada de Pereiras, habilitando un cambio de sentido que mellora a funcionalidade da PO-331.
  • Habilitaranse rebaixes nos treitos existentes de beirarrúa da marxe dereita da PO-331.
  • Instalarase un colector de saneamento que permitirá conectar as vivendas da zona co sistema de saneamento do Louro.

 

Esta actuación enmárcase no Plan de Sendas de Galicia, que prevé a execución de 170 quilómetros de sendas sostibles, seguras e integradas na paisaxe ata 2020. Os itinerarios propostos para a comarca de Vigo foran presentados o pasado 16 de marzo pola Conselleira de Infraestruturas e vivenda, e suman 12 quilómetros en 11 novas sendas. Como se indicou naquel momento, encargáronse os proxectos construtivos das actuacións e agora iníciase a tramitación do correspondente á senda da PO-331.

 

REY VARELA AVANZA CO CONCELLO DE FOZ (LUGO) NA CESIÓN DA XESTIÓN DO FOGAR RESIDENCIAL E CENTRO DE DÍA PARA A ATENCIÓN DE PERSOAS MAIORES E DEPENDENTES PARA A SÚA APERTURA NESTE ANO

  • Asegura que grazas a esta infraestrutura “axudamos a mellorar a calidade de vida de dous colectivos que ocupan un lugar fundamental nas nosas políticas como son os galegos e as galegas con menos recursos e os que sofren unha situación de vulnerabilidade pola súa dependencia”
  • Anuncia que o convenio que permitirá esta cesión está en fase de tramitación e que será asinado proximamente para a inmediata posta en funcionamento do centro
  • O centro conta con 80 prazas (40 de centro de día e 40 de fogar residencial), ten unha superficie de 2.317,21 metros cadrados e atópase completamente equipado. As obras de construción foron recibidas en novembro de 2015 e a Xunta de Galicia realizou un investimento total de 2.340.603,16 euros cofinanciados con fondos FEDER (80%) e fondos propios do Goberno galego (20%)

 

Foz (Lugo), 29 de xullo de 2017.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela reuniuse na mañá de hoxe co alcalde do Concello de Foz, Javier Jorge Castiñeira para departir acerca da situación actual do centro de día do municipio lugués. Alí, os representantes de ambas as dúas entidades avanzaron na cesión da xestión do fogar residencial e centro de día para a atención das persoas maiores do concello e da súa comarca, co obxectivo de prestar o servizo a persoas sen recursos e con alto grao de dependencia. Do mesmo xeito, coa cesión da xestión do inmoble ao Concello de Foz, as persoas maiores que se atopan na actual residencia do Concello serán acollidas no fogar residencial. A cesión realizarase polos vindeiros dous anos, coa posibilidade de prórroga doutros dous anos máis. Grazas a este acordo o centro de día e fogar residencial poderá abrir as súas portas neste mesmo ano.   

 

O responsable da área social do Goberno galego salientou que o obxectivo da Consellería de Política Social é “trasladar a recuperación das contas públicas ás familias galegas, priorizando a aquelas persoas que máis dificultades teñen”. “Grazas ao centro de día de Foz axudamos a mellorar a calidade de vida de dous colectivos que ocupan un lugar fundamental nas nosas políticas como son os galegos e as galegas con menos recursos e os que sofren unha situación de vulnerabilidade pola súa dependencia”, explicou.

 

O centro conta con 80 prazas (40 de centro de día e 40 de fogar residencial), ten unha superficie de 2.317,21 metros cadrados e atópase completamente equipado. As obras de construción foron recibidas en novembro de 2015 e a Xunta de Galicia realizou un investimento total de 2.340.603,16 euros cofinanciados con fondos FEDER (80%) e fondos propios do Goberno galego (20%).

 

Na súa visita a Foz, o conselleiro de Política Social valorou moi positivamente a cesión do centro ao concello lucense xa que, deste xeito, “garántese a inmediata posta en funcionamento do novo centro e o cumprimento dos fins para os que foi proxectado como centro de atención ás persoas maiores”. Nesta liña, Rey Varela anunciou que o convenio que permitirá esta cesión está en fase de tramitación e que será asinado proximamente para a posta en marcha do centro.

 

Outras liñas de colaboración

Ambos mandatarios sinalaron o acordo acadado respecto ao centro de día e fogar residencial como unha nova liña de colaboración entre Xunta e concello que ten beneficiado aos veciños de Foz. Neste aspecto cómpre sinalar o incremento de 2.784 horas anuais no Servizo de Axuda no Fogar ata acadar as 37.548 horas anuais e unha ratio de atención do 95,95%. Este incremento débese a un aumento da partida consignada ao SAF que no 2009 era de 140.000 euros e agora ascende ata os 360.000 euros.

 

Tocante a atención aos máis pequenos, a Xunta de Galicia investiu preto de 18.000 euros nas obras de mellora e mellora do equipamento na Escola Infantil Nosa Señora da Purificación. Cómpre subliñar que a ratio de prazas públicas en escolas infantís é do 52% cun total de 117 prazas, moi por riba da taxa aconsellada pola Unión Europea que é do 33%. Así tamén, o Concello de Foz é beneficiario de numerosas axudas para os recén nacidos, como é o caso da Tarxeta Benvida.   

 

A XUNTA CUMPRE O MANDATO DO PARLAMENTO E INSTA AO CONCELLO DE VIGO A SUMARSE AO PROGRAMA DE VIVENDAS BALEIRAS

  • A iniciativa parlamentaria aprobada o 12 de xullo solicita ao Concello que propoña as vivendas de propiedade municipal que non se atopen ocupadas e que xestione a posible incorporación de inmobles de terceiros
  • O Programa de Vivendas Baleiras é unha das 12 medidas que desde o Goberno galego se activou para facer fronte aos desafiuzamentos e en defensa do dereito á vivenda
  • Este programa ten como fin facer dun conxunto de vivendas desocupadas unha bolsa de inmobles, incorporando casas de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitadas para destinalas a alugueiros sociais
  • A Xunta achega garantías a estas vivendas, a través dun seguro de multirrisco do fogar e outro de cobro que inclúe asistencia xurídica

 

Santiago, 29 de xullo de 2016.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, vén de remitirlle ao Concello de Vigo unha misiva na que se insta a sumarse ao Programa de Vivendas Baleiras da Xunta, en cumprimento coa proposición non de lei que debateu e aprobou o Pleno do Parlamento de Galicia o pasado 12 de xullo.

 

A iniciativa parlamentaria aprobada solicita ao Concello de Vigo que propoña, para a inclusión no dito programa, as vivendas de propiedade municipal que non se atopen ocupadas e que estean en disposición de ser habitadas, e que xestione a posible incorporación de inmobles de terceiros.

 

O Programa de Vivendas Baleiras é unha das 12 medidas que desde o Goberno galego se activou para facer fronte aos desafiuzamentos e en defensa do dereito á vivenda. Estas medidas están recollidas nun díptico informativo enviado aos municipios galegos, entre eles o de Vigo, e tamén foron abordadas na xornada celebrada na cidade olívica o pasado mes de abril.

 

Este programa ten como obxectivo facer dun conxunto de vivendas desocupadas unha bolsa de inmobles, incorporando casas de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitadas para destinalas a alugueiros sociais.

 

Para que o alugueiro resulte de interese para o arrendatario, a Xunta achega garantías a estas vivendas, a través dun seguro de multirrisco do fogar e outro de cobro que inclúe asistencia xurídica. E, por outra banda, o inquilino pode acceder en condicións vantaxosas a unha vivenda de forma compatible con outras axudas autonómicas, como o Bono de Alugueiro Social.