A XUNTA VOLVE SOLICITAR AO CONCELLO DE VIGO A CESIÓN DOS TERREOS PARA A AMPLIACIÓN DO CEIP RODRÍGUEZ CASTELAO DE NAVIA
O delegado territorial en Vigo, Ignacio López-Chaves, reuniuse está mañá con responsables do equipo directivo do centro
- López-Chaves insistiu en que o Concello debe remitir a documentación requirida para poder firmar o convenio, solicitada xa dende hai 5 meses
- Trátase dun proxecto que da resposta ao aumento dun 25% da poboación escolar do entorno de Navia e a previsión de crecemento futuro
- Educación ten previsto licitar a primeira fase das obras este verán, para o que é ter os terreos a disposición da Xunta
- Na primeira fase de obras executarase o aulario infantil por un importe superior ao millón de euros e onde haberá 9 aulas de 55m2 cada unha, aula de psicomotricidade, zona de xogos exterior de 300 m2 e 2 pistas polideportivas
Vigo, 1 de xullo de 2016.- O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitou esta mañá o CEIP Alfonso Rodríguez Castelao de Navia con motivo do proxecto de ampliación do centro. Xunto ao xefe territorial da Consellería de Educación, César Pérez Ares, e persoal da unidade técnica, estivo reunido con responsables do equipo directivo do CEIP para explicarlles de primeira man a situación da ampliación. “O Concello de Vigo aínda non cedeu os 8.000 m2 necesarios para ampliar o colexio. Estamos a esperar por esa cesión”, explicou López-Chaves. A este respecto solicitou ao alcalde da cidade, Abel Caballero, a documentación necesaria para continuar co procedemento e firmar canto antes o convenio de colaboración.
Dentro da documentación requirida solicítase a posta a disposición dos terreos, requisito indispensable para poder formalizar o convenio de cooperación entre Consellería e Concello. Ditos informes xa se pediron dende o departamento que dirixe o conselleiro Román Rodríguez fai 5 meses e, sen ir máis lonxe, reiterouse nunha visita do conselleiro á cidade olívica no mes de abril e, outra vez máis, hai dez días nunha comparecencia pública do delegado territorial ante os medios de comunicación.
Curiosamente, un día despois, o Concello comezou a dar pasos coa tramitación do expediente para levar á xunta de goberno local a segregación e agrupación da parcela de 8.000 m2 en Navia para dita ampliación. Sen embargo, dende a Xunta se continúa á espera dos terreos, que será efectivo cando se firme o convenio de colaboración. “A cesión rematará cando se firme o convenio”, explicou o delegado.
Se ben é certo que dende o Concello se comezou a dar pasos, coma lembrou López-Chaves, aínda falta a remisión de documentación necesaria coma é, por exemplo, a escritura de propiedade da parcela, a declaración do secretario municipal de que a mesma está no inventario de bens e o acordo municipal, entre outros.
Sen estes trámites non se poderá levar a cabo a licitación das obras da primeira fase do CEIP de Navia e que pasarán pola construción dun aulario infantil. “Cando rematen todos os trámites que agora parece que iniciaron, será cando a Xunta poderá licitar a obra”. Dende o departamento educativo se teñen previsto licitar estas obras nestes meses de verán, pero é requisito indispensábel a entrega destes documentos que se solicitan ao Concello así coma a firma do convenio.
Así, unha vez que o documento de colaboración estea rubricado, se licitarán de xeito inmediato estas primeiras obras para o aulario infantil, que contará con 9 aulas de 55m2 cada unha, unha aula de psicomotricidade e un porche-zona de xogos de máis de 300 m2. Terá tamén acceso directo dende a rúa ademais de contemplar a urbanización exterior coa construción de 2 pistas polideportivas. Coma recalcou o delegado, esta primeira fase de obra suporá un investimento superior ao millón de euros.
López-Chaves insistiu así na necesidade de que o Concello continúe coa tramitación para ampliar o centro educativo canto antes. Os datos así o xustifican xa que a Consellería ten constancia dun aumento do 25% da poboación escolar do entorno ademais dunha previsión de crecemento futuro.
A actuación total neste CEIP, coma explicou, permitirá ampliar a súa capacidade de unha liña por curso escolar a 3, polo que se crearán 450 novas prazas cun orzamento total de máis de 3,5 millóns de euros.
A obra total suporá a demolición da cuberta para posibilitar a ampliación do edificio existente en 1.434,90 m² para 11 aulas –9 delas polivalentes, 1 de música e outra de informática– de educación primaria e 7 de apoio. Por outra banda, construirase o novo módulo independente de educación infantil, con 9 aulas con aseos incorporados, sala polivalente, 3 aulas de desdobre, espazos comúns e instalacións.