COMEZA A PRIMEIRA QUENDA DAS ESTADÍAS NOS CAMPAMENTOS DA CAMPAÑA DE VERÁN NA QUE PARTICIPARÁN MÁIS DE 1.400 MOZOS E MOZAS GALEGOS
Un total de 13 instalacións das catro provincias galegas acollerán dende hoxe a centos de participantes nesta iniciativa da Consellería de Política Social
- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, tamén participou na despedida a 83 mozas e mozos galegos, que partiron hoxe de intercambio para participar en campamentos no País Vasco, Madrid e na Rioxa
Santiago, 1 de xullo de 2016.- Os campamentos da Campaña de Verán 2016 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, comezan nesta xornada en diversos puntos de Galicia. Na primeira quenda, participarán un total de 1.423 mozos e mozas.
Os campamentos inícianse nas seguintes instalacións: As Mariñas (Bergondo), Furelos (Melide), Virxe de Loreto (Porto do Son), A Espiñeira (Boiro); Area (Viveiro), Os Chacotes (Palas de Rei), Benigno Quiroga (Portomarín), Os Peares, Quiroga; Penedos de Xacintos; Pontemaril (Forcarei), Illa de Ons (Bueu), As Sinas (Vilanova de Arousa). Así mesmo, hoxe tamén arrancan os Campos de Traballo de Cíes e da Peroxa.
Ademais, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou na despedida a 83 mozas e mozos galegos, que partiron hoxe de intercambio para participar en campamentos no País Vasco, Madrid e na Rioxa. Tamén hoxe chegan a Galicia a primeira quenda dos participantes nos campamentos procedentes da emigración.
En total, na campaña de verán tomarán parte 9.046 mozos e mozas, un 6% máis que no ano anterior. As actividades están dirixidas a persoas entre 9 e 30 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade.
O departamento autonómico inviste 2,6 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitirán a contratación dunhas 900 persoas entre monitores e directores de tempo libre.
Na programación inclúense: campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.