OITO PAÍSES DE AMÉRICA CONTARÁN CON 179 NOVOS DIVULGADORES DE GALICIA, OS MOZOS DA DIÁSPORA QUE ESTE VERÁN FORTALECEN AS LIGAZÓNS COA TERRA A TRAVÉS DO PROGRAMA ‘CONECTA CON GALICIA’

  • 02Reforzando os vínculos -mediante experiencia persoal- coa orixe dos seus proxenitores e coñecendo a realidade e actualidade galegas, convértense en caixa de resonancia para a promoción de Galicia nos lugares onde residen
  • A iniciativa desenvólvese en dúas modalidades en función da idade, unha de actividades ao aire libre e outra en campos de traballo

Santiago, 1 de xullo de 2016.- Os primeiros participantes da edición deste ano do programa da Campaña de Verán ‘Conecta con Galicia’, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de galegos e que residan no Exterior, aterraron nas últimas horas na Galicia territorial. En ausencia do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, de viaxe en Sudamérica, foron recibidos polo subdirector xeral da Emigración e das Comunidades Galegas, Ramón Brigos.

Trátase dunha iniciativa da propia Secretaría Xeral en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, da Consellería de Política Social, pola que se pretende que este colectivo teña oportunidade de coñecer de primeira man a realidade galega, e atoparse cos seus familiares da outra beira do Atlántico no marco da Campaña de Verán da Consellería.

O programa ten como obxectivo fortalecer esas ligazóns que relacionan a estes mozas e mozos coa terra dos seus familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia ao mesmo ou superior nivel dos países onde naceran. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.

Así, o programa permite que 179 descendentes de cidadáns galegos podan coñecer a realidade da mocidade galega a través da convivencia e das experiencias que lles acheguen as actividades previstas, e sobre todo da convivencia persoal e humana cos seus coetáneos desta parte do océano, pois a estadía realízase conxuntamente cun colectivo de rapaces e rapazas residentes na Galicia territorial.

 

Actividades de aire libre

‘Conecta con Galicia’ desenvolvese en dúas modalidades. A primeira delas son actividades de aire libre, modalidade da que se beneficiarán 160 mozos e mozas galegos residentes fóra de Galicia, distribuídos en dous grupos de idade, de 14 a 17 anos e de 18 a 20 anos. Compartirán con mozos e mozas residentes en Galicia, en dúas quendas de doce días, do 1 ao 12 de xullo e do 15 ao 26 de xullo, as residencias e albergues xuvenís situados en Galicia e dependentes da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, da Consellería de Política Social.

 

Nestas instalacións  realizarán dúas actividades, de seis días cada unha. Durante a primeira, denominada “Cultura e Camiño”, os participantes aloxaranse nas residencias xuvenís Lug II de Lugo, e Florentino López Cuevillas de Ourense, onde participarán en actividades dirixidas a coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas, e percorrerán o Camiño de Santiago en varias etapas ata o destino final en Compostela. O segundo grupo de actividades, tamén de seis días de duración, desenvólvese baixo o paraugas do epígrafe “O mar de Galicia” no albergue xuvenil de Gandarío en Bergondo (A Coruña) onde realizarán actividades de náutica de lecer e de coñecemento do medio mariño.

 

Campos de traballo

A segunda modalidade son os campos de traballo, da que se benefician 19 mozas e mozos da diáspora, que durante a súa estadía conviven tamén con compañeiros residentes na Comunidade Autónoma. É unha modalidade concibida para participantes con idade comprendidas entre os 20 e 30 anos, na que desenvolven actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da cultura galega, da mellora ambiental da contorna, e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico.

 

Con carácter previo á realización da viaxe a Galicia, os mozos e mozas seleccionados, tanto nunha modalidade como na outra, asistiron a sesións informativas nos seus países de orixe, especificamente encamiñadas ao coñecemento da realidade galega en xeral e das actividades a desenvolver no programa en particular. Tamén foron informados das súas obrigas respecto do cumprimento do réxime interno das residencias ou albergues en que serán  aloxados.

 

Por países

Na edición deste ano 2016, un total de 79 participantes no programa proceden da Arxentina (71 para actividades ao aire libre, e 8 para campos de traballo), 45 do Uruguai (42 e 3), 22 de Venezuela (20 e 2), 16 de Brasil (13 e 3), 8 de Cuba (6 e 2), 8 para actividades de aire libre do resto de América (4 de Perú, 2 de México, 1 de Estados Unidos e 1 de Chile) e 1 para campos de traballo (procedente doutra Comunidade Autónoma española).

 

Campaña de Verán

Conecta con Galicia enmárcanse dentro da Campaña de Verán 2016 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado cun orzamento de 2,6 millóns de euros. Esta campaña é a máis inclusiva e importante dos últimos anos no que se refire a número de prazas ofertadas, xa que son en total 9.046, un 6% máis que o ano pasado.

 

A campaña de verán inclúe albergues, campamentos, campos de traballo e actividades de ocio e tempo libre para a mocidade. Cómpre destacar que outro dos aspectos positivos da campaña está no impulso ao emprego que leva aparellada. Grazas ao desenvolvemento destas actividades, as empresas de ocio e tempo libre de Galicia darán traballo a máis de 900 monitores e directores de campamentos.

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: