Archive | julio 3, 2016

Talla de tileiros da Praza do Cristo afectados por un fungo

Tileiro3A Concellería de Parques e Xardíns acometerá, de xeito inmediato, a tala de 8 tileiros da Praza do Cristo que, segundo os estudos feitos nas árbores, presentan un avanzado estado de apodrecemento por mor duns fungos parasitos, que provocaron a rotura fibrilar dos mesmos.

Como adiantara o concelleiro Orlándo Márquez, persoal especializado de Adoa fixo un exame polo miúdo dos tileiros para comprobar o seu estado e decidir si os mesmos, plantados hai medio século, se tallan ou se arrincan para evitar riscos aos veciños.

A conclusión dos expertos é que a maioría das árbores, que miden entre 6 e 8 metros, presentan “corpos de fructificación de fungos parasitos graves que veñen de crear aprodrecementos e ocos en todos os exemplares”. O tipo de fungo, ‘Ganoderma sp.’, é de apodrecemento branco ou fibroso, que vai dende o pescozo da árbore e sube polo corpo da mesma.

Á acción do fungo hai que engadir, subliñan os biólogos, “feridas antigas na base dos troncos, seguramente producidas por maquinaria, que causaron un gran apodrecemento interno que implica un debilitamento da árbore, que se reflicte no nivel de vitalidade, non xerando un bo callo que cubra a feridas, e a nivel biomecánico ao quedar unha estrutura susceptible de rotura ante un forte vento”.

Á vista destas conclusións, nos vindeiros días, varios equipos, dirixidos por especialistas, cortarán, nun primeiro momento, oito dos tileiros da Praza do Cristo, os que están en peor estado, e retirarán, as raíces dos mesmos, na súa totalidade, xa que a súa permanencia faría imposible a replantación dado que o fungo sobreviviría e afectaría, nun período de 5 a 6 anos, ás novas árbores que se colocasen no seu lugar.

Entrega de diplomas ás asistentes aos cursos do Concello organizados na Asociación As Mimosas, de Carracido

As Mimosas3A  alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, acompañada polas concelleiras de Educación, Lourdes Moure, e de Benestar, Soledad Girón, fixo entrega, na Asociación Veciñal e Cultural ‘As Mimosas’ de Carracido, dos diplomas dos cursos organizados polo Concello nesta asociación.

As participantes, preto de 30 alumnas, todas elas mulleres de moi diversas idades, estiveron asistindo ás clases Pandeireta, Ximnasia-Pilates e Debuxo, que se impartiron en ‘As Mimosas’, durante varias semanas.

Eva García de la Torre felicitou, unha a unha, ás asistentes e comprometeuse non so a manter os cursos municipais, “porque aquelo que é bo, aínda que non o iniciaramos neste mandato, hai que coidalo”, senón a potencialos con novas propostas, como o teatro.

A alcaldesa salientou a importancia destas iniciativas, “porque fomentan un novo xeito de vivir a diversión ou o lecer pero, sobor de todo, porque son esenciais para garantir e preservar os valores da cultura, do esforzo, do compromiso e facilitan algo importantísimo: as relacións veciñais, que son a base para soster a identidade do Porriño, a nosa identidade”.