A XUNTA DE GALICIA INCREMENTARÁ A OFERTA DE PRAZAS CONCERTADAS PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL NO CENTRO DE DÍA DA ASOCIACIÓN “CON ELES”

  • A administración autonómica subirá de 27 a 30 o número de prazas financiadas con fondos públicos que xestiona “Con Eles”, aumentando tamén en máis dun 11% o presuposto que destina a esta entidade que presta servizo ás comarcas de Caldas e O Salnés
  • Rey Varela enmarcou este aumento da oferta no proceso de despregamento de novas prazas para persoas con discapacidade intelectual que ten iniciado o Goberno galego nas catro provincias

 

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 6 de xullo de 2016.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá en Vilagarcía de Arousa as instalacións da Asociación de Discapacitados Psíquicos “Con Eles”, acompañado da directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro Vázquez. Rey Varela reuniuse cos responsables desta entidade e anunciou o incremento no número de prazas concertadas no centro de día que esta xestiona, e que da servizo a persoas con discapacidade intelectual das comarcas de Caldas e O Salnés.

 

En concreto, a Xunta de Galicia aumentará en tres máis as prazas concertadas en devandito centro pasando das 27 actuais ás 30, e todas elas co servizo de transporte incluído. O titular de Política Social enmarcou esta mellora da oferta no proceso de despregamento de novas prazas para persoas con discapacidade intelectual que ten iniciado o Goberno autonómico e que suporá que a finais deste ano estean dispoñibles novas prazas distribuídas nas catro provincias.

 

Rey Varela apuntou que esta mellora da oferta de é posible debido á subida do orzamento destinado á área de discapacidade, que neste ano 2016 ascende a case 94 millóns de euros, o que supón un crecemento de case o 24% nos dous últimos exercicios. “Hoxe en Galicia dispoñemos de máis recursos económicos o que nos está permitindo ampliar os servizos e prazas en centros de día, residenciais e centros ocupacionais para persoas con discapacidade”. Así, no caso de “Con Eles”, Política Social incrementou en 2016 en máis dun 11% o presuposto que destina ao financiamento de prazas residenciais diúrnas con respecto ao ano pasado, chegando aos 368.000 euros.

 

Obxectivo común

O conselleiro encomiou o traballo que realizan asociacións como “Con Eles”, que considerou “básico para promover a integración social, laboral e a normalización das persoas con discapacidade, un obxectivo que compartimos o conxunto do goberno”. Neste sentido, engadiu que para a Xunta de Galicia “é fundamental coordinarse e traballar conxuntamente con outras administracións e entidades para poder avanzar na igualdade de dereitos e oportunidades deste colectivo”.

 

Ademais, Rey Varela apuntou que dende a Consellería de Política “continuaremos a apoiar as medidas necesarias para conseguir a inclusión social, efectiva e real, das persoas con discapacidade”. Neste sentido está a traballar a administración autonómica coa próxima convocatoria de novas liñas de subvención dirixidas ás persoas, para a adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal e servizos complementarios de asistencia persoal; aos concellos, para a promoción da accesibilidade e a eliminación de barreiras arquitectónicas; e ás entidades, para o desenvolvemento de accións de asesoramento e formación de persoas con discapacidade.

 

E, por último, o conselleiro referiuse á Estratexia Galega sobre Discapacidade 2015-2020 como “mostra da aposta decidida da Xunta polo benestar de todos os galegos e galegas”. Trátase dun documento elaborado coa participación dos axentes e colectivos implicados no ámbito da atención e servizos de discapacidade que contén 460 medidas centradas en seis liñas de intervención prioritarias: accesibilidade, autonomía persoal, educación, formación e emprego, saúde e servizos sociais.

 

Asociación

“Con Eles” é unha asociación formada por familiares e amigos das persoas con discapacidade intelectual que ten por obxectivo principal a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, fomentando e desenrolando actividades encamiñadas a asistencia e recuperación das persoas con discapacidade  intelectual.

 

O centro de día da entidade de iniciativa social “Con Eles”  ten un total de 50 prazas, das cales a Xunta de Galicia ofertará a partir deste mesmo ano 30 concertadas. Nestas instalacións, que levan funcionando dende o ano 2006, ofrecen os seguintes servizos: transporte; actividades de ocio, socioculturais e deportivas; asistencia ás actividades da vida cotiá; fisioterapia; obradoiros formativos e servizo de comedor.

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: