Archive | julio 7, 2016

A ALCALDESA INVITA A TODOS OS VECIÑOS DA ÁREA METROPOLITANA A DISFRUTAR, DENDE ESTE VENRES, DE CATRO DÍAS DE FESTA EN HONOR DE SAN BENITO

san_benito_2016_programaA alcaldesa, acompañada por representantes da Comisión Organizadora, presentou este xoves o programas das Festas de San Benito,que se celebrarán no Porriño dende este venres, día 8, ata o vindeiro luns, 11 de xullo, día grande das mesmas e festivo na vila.

Eva García de la Torre subliñou a importancia de San Benito como “berce mesmo do Porriño”, e o feito de que esta celebración sexa día de lecer para todos as veciñas e veciños do concello, o cal, salientou, amosa a querenza que teñen por estas datas.

García de la Torre asegurou que as actividades deste 2016 abranguen a todos os grupos de idades, dende os cativos aos avós, e animou non so ás porriñesas e porriñeses senón a todos os veciños da Área Metropolitana a achegarse a O Porriño os vindeiros días e a gozar “da nosa compaña, a festa e a alegría”.

Pola súa banda, a presidenta da Comisión, logo de agradecer ao goberno local a súa achega, “nunca antes outro goberno colaborara tanto e é o primeiro en dicir que debe ser o Concello o que garanta a organización desta celebración”, lembrou que a Comisión encárgase das celebracións do 21 de marzo e, en especial do 11 de xullo con “moito esforzo” por parte dos organizadores que “chaman porta por porta” para facer posíbel que San Benito teña as súa festa.

Polo que se refire ao programa deste ano, a alcaldesa destacou a importancia do sábado, ‘Día dos nenos’, da actuación do ‘Orfeón Porriñés’, “un auténtico espectáculo”, o luns, “día grande das festas”, ou as actuacións de dúas orquestras, ‘Distrito 7’ e ‘Talismán’, na verbena do domingo.

A XUNTA DE GALICIA ULTIMA A POSTA EN FUNCIONAMENTO DO CENTRO DE DÍA DE REDONDELA QUE TERÁ 40 PRAZAS E QUE ENTRARÁ EN SERVIZO AO LONGO DO VERÁN

  • O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, o alcalde da vila pontevedresa e responsables de COGAMI supervisaron hoxe os últimos detalles

 

Redondela (Pontevedra), 7 de xuño de 2016.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, ultima a posta en funcionamento -que se producirá ao longo do verán- do centro de día de Redondela, en Cesantes, que terá unha capacidade máxima de 40 prazas e que forma parte da rede autonómica do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

 

Esta mañá, o xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, o alcalde de Redondela, Javier Bas, e responsables de COGAMI -a adxudicataria da xestión do centro- visitaron o edificio no que se prestará o servizo aos maiores para supervisar os últimos traballos e detalles de posta a punto. Neste senso, nas últimas semanas realizáronse algunhas reparacións e, nos últimos días, labores de limpeza.

 

A entrada en servizo do centro de atención diúrna será gradual -como é habitual nestes casos-, abrindo as súas portas inicialmente con 20 prazas.Antes de que comece o proceso de adxudicación de prazas, o Goberno galego xa enviou ao Concello de Redondela o convenio de colaboración para a xestión e financiamento do novo centro de día.

 

O convenio de colaboración axústase aos novos criterios económicos que establece o Acordo Marco subscrito pola Consellería de Política Social e pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) o pasado 11 de maio, que fixa un custo por usuario e ano para todos os centros de día e escolas infantís dependentes do Consorcio.

 

Cando entre en funcionamento o centro de día de Redondela, a rede de centros de titularidade autonómica estará formada por un total de 55 (con capacidade para 2.144 usuarios). A oferta da Xunta de Galicia complétase con 6 fogares residenciais e 1 residencia (con capacidade para 170 usuarios) e 6 vivendas comunitarias (cun máximo de 96 persoas).

A Consellería de Política Social está a acometer ademais un plan de obras de mellora de instalacións e mobiliario en centros de maiores, no que inviste máis de 600.000 euros, e que é posible grazas ao cumprimento por parte da comunidade autónoma do obxectivo do déficit.

 

XUNTA ACOLLE NA SÚA DELEGACIÓN EN VIGO UN CONGRESO SOBRE AS IMPLICACIÓNS XURÍDICAS DAS CRISES HUMANITARIAS PROVOCADAS POR CONFLITOS ARMADOS

  • 07072016_CongresoUvigoEsta tarde tivo lugar o acto inaugural e as actividades prolongaranse durante toda a xornada de mañá
  • O obxecto da xornada é analizar e debater sobre a problemática que suscita o Dereito Internacional humanitario en relación cos conflitos armados
  • Está organizado pola área de Dereito Procesal da Universidade de Vigo en colaboración co Ministerio de Defensa e a Xunta de Galicia

 

Vigo, 7 de xullo de 2016.- O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, participou esta tarde no acto inaugural do Congreso sobre implicación xurídicas das crises humanitarias provocadas por conflitos armados no salón de actos da Delegación Territorial de Vigo. Compartiu mesa coa directora do congreso, Esther Pillado, o capitán de Fragata César Barros Fraga, da Subdelegación do Ministerio de Defensa en Pontevedra, e o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel José Fernández Iglesias.

 

O congreso está organizado pola área de Dereito Procesal da Universidade de Vigo xunto co Ministerio de Defensa e a Xunta de Galicia. O obxecto da xornada é analizar e debater sobre a problemática que suscita o Dereito Internacional humanitario en relación cos conflitos armados, así como os retos xurisdicionais aos que se enfronta a protección da seguridade nacional e a persecución universal de certos crimes.

 

As actividades do congreso distribúense en dúas xornadas, neste primeiro día, ademais  do acto inaugural, tratouse o tema do Dereito Internacional ante o conflito armado, coas exposicións sobre o Dereito Internacional humanitario, a Protección da poboación civil, en especial mulleres e nenos vítimas do conflito e a Protección do patrimonio cultural e medio ambiente en caso de conflito armado.

 

Na segunda xornada, que terá lugar mañá entre as 11,00 horas e as 20,00 horas, os temas a tratar serán as Implicacións Xurisdicionais e problemática dos refuxiados. Respecto a este asunto haberá exposicións sobre Os Tribunais Penais Internacionais ante os conflitos armados; unha presentación de comunicacións; unha mesa redonda sobre as implicacións do Principio de Xurisdición Universal na seguridade e defensa españolas; e unha charla sobre Refuxiados e Desprazados: o Dereito de asilo. A xornada rematará coa clausura do congreso e a entrega de certificados ás 19:30 horas.

 

A XUNTA CONCEDE A REDONDELA O OBRADOIRO ECOSOSTIBLE II PARA OFRECER FORMACIÓN E TRABALLO A 20 PERSOAS DESEMPREGADAS

  • 07072016_OOEERedondelaA Xunta de Galicia destina 180.000 euros a este programa mixto que conta con dúas especialidades: cantería e xardinería e agricultura ecolóxica
  • O alcalde de Redondela destacou a “efectividade” das políticas que está a pór en marcha a Xunta de Galicia no concello
  • O delegado territorial da Xunta en Vigo explicou a dobre finalidade que aportan estes OOEE ofrecendo formación á vez que garanten traballo remunerado

 

Vigo, 07 de xullo de 2016.- O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitou esta mañá o Concello de Redondela con motivo da resolución dos obradoiros de emprego (OOEE) para beneficio dos concellos pertencentes a área territorial de Vigo, como o de Redondela, onde impartiranse o obradoiro ordinario Ecosostible II e o obradoiro xuvenil Emprega Xove II.

 

O alcalde de Redondela, Javier Bas, agradeceu as políticas activas da Xunta en materia de emprego e, concretamente, o apoio que se está a outorgar ao municipio. O alcalde destacou que “as políticas que está a pór en marcha a Xunta de Galicia en Redondela están sendo efectivas” e recordou que actualmente a Vila dos Viadutos é o concello, con máis de 10.000 habitantes, coa menor taxa de paro da provincia, un 17%. Isto “conseguiuse despois da posta en marcha de seis plans de emprego e de seis obradoiros”, explicou.

 

López-Chaves, pola súa parte, agradeceu ao Concello de Redondela a súa “colaboración en todos os programas e o seu compromiso coas políticas activas no ámbito da creación de emprego”. O delegado territorial da Xunta destacou a necesidade da colaboración das entidades locais para poder cumprir o compromiso da Xunta neste ámbito. Tamén felicitou ao alcalde e á Corporación Municipal pola súa eficacia en materia de emprego. Ademais, destacou a dobre finalidade destes programas mixtos porque “aportan formación” á vez que garanten un traballo remunerado para as persoas en situación de desemprego.

 

O obradoiro ordinario Redondela Ecosostible II ofrecerá formación e emprego a 20 persoas desempregadas durante 6 meses e contará con dúas especialidades: cantería e xardinería e agricultura ecolóxica. O persoal a cargo do curso estará formado por un director, un titor, dous docentes e unha persoa administrativa de apoio. O fin do obradoiro é a formación nestas especialidades e, concretamente, levarán a cabo a colocación de bordos de pedra e mobiliario urbano decorativo, así como o mantemento de xardíns e espazos verdes e o cultivo ecolóxico. Os lugares destinados para desenvolver as actividades serán a alameda de Redondela e a finca de Pousadouro.

 

Obradoiros de Emprego na área de Vigo

A Xunta vén de conceder os Obradoiros de Emprego aos concellos da área metropolitana. Diferenciaranse en ordinarios e de garantía xuvenil, para menores de 30 anos. Concedéronse oito obradoiros ordinarios e catro de garantía xuvenil para un total de 10 concellos da área metropolitana. No caso de Redondela outorgouse o obradoiro ordinario, cun investimento de 180.000 euros e outro de garantía xuvenil ao que se destinarán 130.000 euros e do cal se beneficiarán 15 desempregados e desempregadas do Concello.

 

Estes obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibilitan un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procura a súa cualificación profesional e favorece a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.

 

As partidas orzamentarias que a Xunta destina para cada un dos obradoiros ordinarios son de 180.000 euros e de 130.000 euros por cada obradoiro xuvenil, chegando a un total de 1,9 millóns de euros investidos nos 12 obradoiros dos concellos da área metropolitana.

 

Ademais do Concello de Redondela, os municipios beneficiados onde se impartirán os obradoiros son Vigo, O Porriño, Cangas, Mos, Moaña –Padroado Municipal de Beiramar-, Soutomaior e os tres concellos da Mancomunidade do Val Miñor (Baiona, Nigrán e Gondomar). Os xuvenís terán lugar en Redondela, Vigo, Mos e Val Miñor. En total se verán beneficiadas 220 persoas en situación de desemprego das que 160 realizarán as súas tarefas nos OOEE ordinarios e 60 nos de garantía xuvenil co obxectivo de mellorar a súa inserción laboral.

 

A DIRECTORA XERAL DE XUVENTUDE VISITA O CAMPAMENTO DO POBOADO DOS PEARES QUE OFRECE UNHA PROGRAMACIÓN DE PRIMEIRO NIVEL PARA O DESENVOLVEMENTO E OCIO DE MOZOS E MOZAS

  • “Adventure Camp” é o único da Campaña de Verán que conta con clases en inglés todos os días, visitas culturais e excursións en catamarán entre outras accións
  • A provincia de Lugo, a través da Consellería de Política Social, oferta este ano un total de 1.960 prazas na campaña de verán

 

Carballedo (Lugo), 7 de xullo de 2016.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou hoxe o campamento xuvenil do Poboado dos Peares “Adventure Camp”, o único da Campaña de Verán que conta con clases e actividades en inglés todos os días, visitas culturais, actividades deportivas e acuáticas, obradoiros creativos e veladas. Este campamento conta con catro quendas ata o 8 de agosto e nel participan 200 mozos e mozas de 9 a 14 anos.

Cecilia Vázquez destacou durante a súa visita a auténtica opción de futuro que representan os campamentos de idiomas coma o dos Peares, onde os participantes gozan dunha programación de ocio educativo e tempo libre de primeiro nivel ao tempo que melloran os seus coñecementos de inglés.

Ademais das actividades en inglés, os participantes tamén realizan probas de orientación e gps, rappel, tiro con arco, kaiak, paddleboard, aula de natureza, nodería, piscina, papaventos de fío e rutas.

No que respecta ao total provincial, Lugo oferta este ano un total de 1.960 prazas na campaña de verán. Ademais da instalación dos Peares, tamén participan desta iniciativa os campamentos Os Chacotes de Palas de Rei e A Devesa de Ribadeo, o complexo xuvenil LUG II da capital e os albergues Area de Viveiro, Benigno Quiroga de Portomarín e o municipal de Quiroga.

Ademais, esta provincia tamén conta con Campos de traballo para mozas e mozos de entre 18 e 30 anos en Folgoso do Courel, Quiroga, Pantón, Becerreá e Pontomarín.

En total, en toda a Campaña de verán tomarán parte 9.046 mozos e mozas, un 6 % máis que no ano anterior. As actividades están dirixidas a persoas entre 9 e 30 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade.

O departamento autonómico inviste 2,6 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitirán a contratación dunhas 900 persoas entre monitores e directores de tempo libre.

Na programación inclúense: campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

 

#SonRías 2016 | Experiencia SonRías

  • Quique Otero da Band Crebinsky, Juaki de Dakidarría e Tonhito de Poi de Heredeiros da Crus serán os RockChef de SonRías Baixas 2016
  • A música da Casa SonRías correrá da conta de Poetarras e Gold&Colt
  • O SonRías Baixas colabora por primeira vez co FICBUEU nesta edición do festival sumando tamén o audiovisual á súa programación

Bueu, 7 de xullo de 2016.- O SonRías Baixas é un festival organizado por xente que sinte paixón pola música, pero tamén pola gastronomía, dende os fogóns ata a mesa. Por iso, uniron estes dous imprescindibles nas súas vidas dando lugar á Casa SonRías. Ao menú variado de propostas musicais que ofrece o festival e aproveitando a ampla tradición culinaria da terra e maila excelencia do porto de mar da zona, incorporan -como xa o fixeran na súa última edición- un espazo gastronómico no que intervirán cociñeiros de excepción: varios artistas destacados cociñarán os seus pratos favoritos para ofrecerlle ao público. A Casa SonRías abrirá as súas portas no mesmo recinto dos concertos o sábado 6 de agosto en horario de 12h30 a 15h00, onde contará cun espazo propio no que os músicos-cociñeiros disporán de todo o necesario para atoparse co seu público e conquistar os padais dos asistentes.

 

Os RockChef de SonRías Baixas 2016 serán: Quique Otero -de Banda Crebinsky-, que cociñará ‘Purple Rice’, un arroz mariñeiro con marisco que homenaxea á Prince, un artista de referencia; Juaki -de Dakidarría-, que se atreverá con ‘Mexi-Jonh Lennon’, un prato cociñado entre cuncas e mar; e Tonhito de Poi -de Heredeiros da Crus- que se atreverá con ‘Rape Hot Chili Peppers’, unha caldeirada moi especial cun aire picante.

 

A Casa SonRías estará aberta ao público xeral, para que todas as persoas que o desexen poidan vivir esta experiencia única, na que os pratos dos RockChef serán despachados en formato de tapas a prezos moi axustados e en número limitado. Completará a experiencia gastro-musical unha sesión vermú cos concertos de Gold & Colt e Poetarras.

 

Gold& Colt son catro músicos galegos que se xuntaron no 2014 cun único propósito: “interpretar cancións da nai de todas as músicas modernas, o blues”. Medio cento de concertos despois, evolucionaron cara a unha mistura entre o blues e o folk, medraron e afianzaron o seu repertorio, ata converterse na banda de referencia do American folk en Galicia. No seu repertorio hai composicións propias de blues, country e folk americano, pero tampouco perden a oportunidade de recordar a outros grandes músicos do xénero, como Robert Johson, RL Burnside ou John Le Hooker. No SonRías Baixas presentan o seu primeiro LP, Gold&Colt, un traballo con seis temas propios que nos levan ao outro lado do Atlántico subidos na súa guitarra acústica, no dobro, no banjo, no contrabaixo e na batería.

 

Os Poetarras son un colectivo arterrorístico formado por catro mozos que no 2013 decidiron facerse cun cargamento de sketches e de cancións que levan o humor, a música e a retranca por bandeira. Con semellante arsenal levan percorrida a xeografía galega, sementando diversión e festa. Na súa corta historia só presumen dunha cousa: nunca deixaron a ninguén indiferente.

 

Curtametraxes no SonRías Baixas en colaboración co FICBUEU

 

Nesta edición do Festival a Experiencia SonRías medra. O SonRías Baixas incorporará tamén outras disciplinas como o audiovisual, froito dunha colaboración co FICBUEU e a través da cal se poderán visionar seis curtametraxes o mesmo sábado pola tarde no Centro Social do Mar de Bueu. Deste xeito, as proxeccións e música confluirán no SonRías Baixas 2016 complementándose entre elas e enriquecendo a súa mensaxe final.

 

A intención da organización do SonRías Baixas coa Experiencia SonRías é a de ofrecer ao público do Festival unha degustación exclusiva e orixinal da man dos músicos máis rockeiros do panorama actual e unha proposta diferente ás súas actividades habituais utilizando como ferramenta o audiovisual.

 

Curtametraxes que se proxectarán:

 

  • ALLES WIRD GUT | PATRICK VOLLRATH (Austria/Alemaña) *Nominada aos Oscar 2016.
  • 97% | BEN BRAND (Holanda)
  • LA GRAN INVENCIÓN | FERNANDO TRIAS DE BES (España)
  • PÉRE | LOFTI ACHOUR (Tunisia)
  • EL CORREDOR | JOSÉ LUÍS MONTESINOS (España) *Gañadora premio do público FICBUEU2015.
  • NASHORN IN GALOPP | ERIK SCHMITT (Alemaña) *Gañadora do primeiro premio FICBUEU2015.

 

ARTURO PARRADO INAUGURA O FORO INSERTA RESPONSABLE DE ANÁLISE DAS OPORTUNIDADES QUE OFRECE A INCLUSIÓN LABORAL DE PERSOAS CON DISCAPACIDADE

  • O evento, organizado pola Fundación ONCE, reúne a empresas que apostan polo talento das persoas que forman este colectivo

 

Santiago, 7 de xullo de 2016.- O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou hoxe na inauguración do Foro Inserta Responsable, celebrado pola Fundación ONCE. Trátase dun espazo de traballo en rede para o análise e a innovación social en torno ás oportunidades que ofrece a incorporación da Responsabilidade Social- Discapacidade como estratexia de mellora da competitividade e creación de valor compartido.

 

O Foro Inserta Responsable comparte coa Xunta de Galicia o desenvolvemento de diferentes iniciativas orientadas a axudar ás empresas a potenciar o talento das persoas con discapacidade e a súa inclusión laboral. “Coa formación e preparación necesaria, as persoas con discapacidade son competitivas e por elo, cada día máis empresas apostan polo seu talento a través da contratación”, afirmou o director xeral. Parrado recoñeceu o traballo das empresas presentes no fomento do emprego e formación das persoas con discapacidade e na promoción da accesibilidade en todos os ámbitos da vida. Así mesmo, destacou a gran implicación empresarial, “proba delo, é a representación de importantes empresas que constitúen este Foro”.  

 

Parrado rematou a súa intervención destacando a gran implicación empresarial con este Foro e felicitando ás empresas galegas presentes polo seu traballo en prol da inclusión.