#SonRías 2016 | Experiencia SonRías

  • Quique Otero da Band Crebinsky, Juaki de Dakidarría e Tonhito de Poi de Heredeiros da Crus serán os RockChef de SonRías Baixas 2016
  • A música da Casa SonRías correrá da conta de Poetarras e Gold&Colt
  • O SonRías Baixas colabora por primeira vez co FICBUEU nesta edición do festival sumando tamén o audiovisual á súa programación

Bueu, 7 de xullo de 2016.- O SonRías Baixas é un festival organizado por xente que sinte paixón pola música, pero tamén pola gastronomía, dende os fogóns ata a mesa. Por iso, uniron estes dous imprescindibles nas súas vidas dando lugar á Casa SonRías. Ao menú variado de propostas musicais que ofrece o festival e aproveitando a ampla tradición culinaria da terra e maila excelencia do porto de mar da zona, incorporan -como xa o fixeran na súa última edición- un espazo gastronómico no que intervirán cociñeiros de excepción: varios artistas destacados cociñarán os seus pratos favoritos para ofrecerlle ao público. A Casa SonRías abrirá as súas portas no mesmo recinto dos concertos o sábado 6 de agosto en horario de 12h30 a 15h00, onde contará cun espazo propio no que os músicos-cociñeiros disporán de todo o necesario para atoparse co seu público e conquistar os padais dos asistentes.

 

Os RockChef de SonRías Baixas 2016 serán: Quique Otero -de Banda Crebinsky-, que cociñará ‘Purple Rice’, un arroz mariñeiro con marisco que homenaxea á Prince, un artista de referencia; Juaki -de Dakidarría-, que se atreverá con ‘Mexi-Jonh Lennon’, un prato cociñado entre cuncas e mar; e Tonhito de Poi -de Heredeiros da Crus- que se atreverá con ‘Rape Hot Chili Peppers’, unha caldeirada moi especial cun aire picante.

 

A Casa SonRías estará aberta ao público xeral, para que todas as persoas que o desexen poidan vivir esta experiencia única, na que os pratos dos RockChef serán despachados en formato de tapas a prezos moi axustados e en número limitado. Completará a experiencia gastro-musical unha sesión vermú cos concertos de Gold & Colt e Poetarras.

 

Gold& Colt son catro músicos galegos que se xuntaron no 2014 cun único propósito: “interpretar cancións da nai de todas as músicas modernas, o blues”. Medio cento de concertos despois, evolucionaron cara a unha mistura entre o blues e o folk, medraron e afianzaron o seu repertorio, ata converterse na banda de referencia do American folk en Galicia. No seu repertorio hai composicións propias de blues, country e folk americano, pero tampouco perden a oportunidade de recordar a outros grandes músicos do xénero, como Robert Johson, RL Burnside ou John Le Hooker. No SonRías Baixas presentan o seu primeiro LP, Gold&Colt, un traballo con seis temas propios que nos levan ao outro lado do Atlántico subidos na súa guitarra acústica, no dobro, no banjo, no contrabaixo e na batería.

 

Os Poetarras son un colectivo arterrorístico formado por catro mozos que no 2013 decidiron facerse cun cargamento de sketches e de cancións que levan o humor, a música e a retranca por bandeira. Con semellante arsenal levan percorrida a xeografía galega, sementando diversión e festa. Na súa corta historia só presumen dunha cousa: nunca deixaron a ninguén indiferente.

 

Curtametraxes no SonRías Baixas en colaboración co FICBUEU

 

Nesta edición do Festival a Experiencia SonRías medra. O SonRías Baixas incorporará tamén outras disciplinas como o audiovisual, froito dunha colaboración co FICBUEU e a través da cal se poderán visionar seis curtametraxes o mesmo sábado pola tarde no Centro Social do Mar de Bueu. Deste xeito, as proxeccións e música confluirán no SonRías Baixas 2016 complementándose entre elas e enriquecendo a súa mensaxe final.

 

A intención da organización do SonRías Baixas coa Experiencia SonRías é a de ofrecer ao público do Festival unha degustación exclusiva e orixinal da man dos músicos máis rockeiros do panorama actual e unha proposta diferente ás súas actividades habituais utilizando como ferramenta o audiovisual.

 

Curtametraxes que se proxectarán:

 

  • ALLES WIRD GUT | PATRICK VOLLRATH (Austria/Alemaña) *Nominada aos Oscar 2016.
  • 97% | BEN BRAND (Holanda)
  • LA GRAN INVENCIÓN | FERNANDO TRIAS DE BES (España)
  • PÉRE | LOFTI ACHOUR (Tunisia)
  • EL CORREDOR | JOSÉ LUÍS MONTESINOS (España) *Gañadora premio do público FICBUEU2015.
  • NASHORN IN GALOPP | ERIK SCHMITT (Alemaña) *Gañadora do primeiro premio FICBUEU2015.

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: