O CONSELLO GALEGO DA COMPETENCIA IMPONLLE UNHA MULTA DE 68.868 EUROS A UNHA EMPRESA POR FALSEAR DATOS NUN CONCURSO PÚBLICO

  • A empresa, Alcor Seguridade, informou ao órgano de contratación duns custos laborais superiores aos reais co obxectivo de prexudicar ao resto de concursantes
  • Isto provocou que o resto de empresas utilizasen estes custos ‘inflados’ ao presentar as súas ofertas
  • Fronte ás sospeitas de fraude, o Concello de Lugo decidiu deixar o concurso deserto e presentar unha denuncia en Competencia
  • A sanción imposta equivale ao beneficio ilícito que tería acadado a empresa durante a duración do contrato

 

Santiago, 8 de xullo de 2016.- O Consello Galego da Competencia (CGC) vén de impoñerlle á empresa Alcor Seguridade unha multa de 68.868 euros por falsear datos nun concurso público convocado en 2014 polo Concello de Lugo. O organismo autonómico considera que a empresa falseou a competencia ao inflar os custos laborais do servizo que viña prestando, o que prexudicou ás outras empresas que participaban no concurso.

 

En xullo de 2014, o Concello de Lugo sacou a concurso o servizo de vixilancia do fogar do transeúnte municipal. A empresa concesionaria deste servizo ata ese momento -Alcor Seguridade- informou ao órgano de contratación duns custos laborais superiores aos que realmente tiña, co fin de que o resto de empresas concursantes tomasen os devanditos custos ‘inflados’ como base para presentar as súas ofertas económicas.

 

A Lei de Contratos do Sector Público obriga a que, cando se somete a concurso público un determinado servizo, o actual concesionario ten que informar ao órgano de contratación dos custos laborais dos traballadores de obrigada subrogación, de maneira que todos os concursantes poidan coñecer de antemán os custos do servizo para propor as súas ofertas económicas á Administración.

 

Como resultado do sinalado engano, as outras dúas empresas que concorreron ao concurso presentaron ofertas económicas superiores ás de Alcor, que polo tanto resultou adxudicataria do mesmo, ao presentar a oferta economicamente máis beneficiosa.

 

Fronte ás sospeitas de fraude, o Concello de Lugo decidiu deixar o concurso deserto e presentar unha denuncia diante do CGC, a cal deu orixe ao presente expediente sancionador. Xa en 2015 o Concello volveu sacar a concurso o citado servizo, resultando novamente adxudicataria Alcor Seguridade, aínda que cun prezo substancialmente inferior.

 

Enriquecemento ilícito

O Consello Galego da Competencia considera que os feitos descritos constitúen un acto de competencia desleal por violación de normas -as de contratación pública- que vulnera o disposto no artigo 3 da Lei de Defensa da Competencia, ao prexudicar á competencia en prexuízo do interese público.

 

Segundo a xurisprudencia do Tribunal Supremo, a multa pola infracción da Lei de Defensa da Competencia ten que alcanzar, polo menos, o beneficio que ilicitamente obtivese o infractor. Neste caso, o CGC considera que a fraude na contratación permitiríalle a Alcor Seguridade gañar o concurso cun prezo máis elevado do que tería que ofertar nunha situación de competencia non falseada.

 

No primeiro concurso falseado, a empresa fíxose co contrato cunha oferta de 99.207,90 euros (sen IVE), mentres que no segundo -xa en réxime de libre competencia- resultou adxudicataria por importe de 81.990 euros (sen IVE). É dicir, o falseamento do procedemento de licitación teríalle suposto á empresa un enriquecemento ilícito de 17.217 euros que, multiplicados polo catro anos de vixencia que podería chegar a ter o contrato, reflicte un beneficio ilícito de 68.868 euros. Esta é a cantidade na que o Consello Galego da Competencia cuantificou a sanción no presente procedemento.

O Consello Galego da Competencia (CGC) é un organismo dependente da Consellería de Facenda, que ten como finalidade a defensa e a promoción da competencia en Galicia. Entre os seus fins está o de instruír e sancionar as conductas empresariais contrarias á libre competencia ou a resolución dos procedementos que se tramiten sobre condutas abusivas

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: