REY VARELA ANUNCIA EN NOIA 5 NOVAS PRAZAS PARA DISCAPACIDADE NESTA ÁREA E GARANTE UN ESCENARIO MÁIS FLEXIBLE CO DECRETO DE FUNCIONAMENTO DOS SERVIZOS SOCIAIS DE AUTONOMÍA E DEPENDENCIA
O Consello da Xunta aprobou no día de onte o decreto mediante o cal se establecen os requisitos de funcionamento dos servizos para a promoción da autonomía e a atención ás persoas en situación de dependencia
- A Asociación Misela de persoas con discapacidade das comarcas de Noia e Muros conta con 359 persoas asociadas e arredor de 48 usuarios
Noia (A Coruña), 15 de xullo de 2016-. O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado pola directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro, visitou no día de hoxe a Asociación Misela de persoas con discapacidade das comarcas de Noia e Muros. Alí, o conselleiro ratificou o compromiso da Xunta coas persoas que teñen algunha discapacidade, así como coas entidades de toda Galicia que traballan pola integración familiar, escolar, social e laboral destas persoas. Neste eido, o responsable da carteira social do Goberno galego, anunciou que neste ano 2016 a Consellería de Política Social porá a disposición dos galegos 5 novas prazas de atención á discapacidade nesta área. Na súa estadía no concello noiés, o conselleiro tamén visitou o servizo de atención temperá municipal “para os nenos e nenas que máis precisan esa atención que pode corrixir situacións futuras”.
Rey Varela fixo fincapé nas súas verbas que, a partires de agora, as entidades prestadoras de servizos sociais como Misela, contarán cun escenario de actuación máis flexible que lles permitirá “desenvolver novas actividades, dinamizar o seu traballo e optimizar os recursos dispoñibles”. Así, o Consello da Xunta aprobou no día de onte o decreto mediante o cal se establecen os requisitos de funcionamento dos servizos para a promoción da autonomía e a atención ás persoas en situación de dependencia. Unha norma innovadora, dixo o conselleiro, “que ampliará a esfera de servizos que se poñen a disposición das persoas con dependencia e aumentará a posibilidade de actuación das entidades e empresas do sector, permitindo unha maior optimización dos seus recursos no ámbito dos servizos sociais”.
Nesta liña, o conselleiro gabou o traballo da Asociación Misela que procura a promoción da autonomía e a integración das persoas con discapacidade a través da mellor atención, así como o asesoramento, a defensa dos dereitos, a prevención de posibles discapacidades, a inclusión laboral e o exercicio físico destas persoas. Todos eles, dixo o conselleiro, “son obxectivos que compartimos desde a Xunta de Galicia”.
A Asociación Misela de persoas con discapacidade das comarcas de Noia e Muros conta con 359 persoas asociadas e arredor de 48 usuarios. Neste momento ten en funcionamento un centro de día de 20 prazas e un centro ocupacional de outras 10 prazas, ambos dirixidos a persoas con discapacidade maiores de 16 anos.
OS INFORMES DO CONSELLO DE CONTAS MOSTRAN QUE A XUNTA DE GALICIA ESTÁ A MELLORAR A SÚA XESTIÓN FINANCEIRA E ORZAMENTARIA
O órgano fiscalizador destaca que Galicia cumpriu un ano máis os obxectivos de déficit e débeda fixados polo CPFF, polo Estado e polo Parlamento galego
- Contas constata a “diminución significativa” do gasto imputado ao exercicio seguinte, que baixou un 29% no último ano
- Tamén resalta que a Xunta reduciu as modificacións orzamentarias case un 40%
- O resultado orzamentario segue mellorando, cun superávit de 147,9 millóns
- O informe destaca que o risco vivo nos avais do IGAPE reduciuse tamén un 10%
- Subliña que o Goberno galego volve render as contas cumprindo o prazo establecido, que foi máis curto que en anos anteriores
- A Xunta atenderá as recomendacións do Consello de Contas para mellorar a xestión financeira e o control do gasto, como vén facendo dende 2009.
A CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL ENTREGA 15 DIPLOMAS AOS PARTICIPANTES NO CURSO DE PANADERÍA DA ESTRATEXIA DE INCLUSIÓN SOCIAL DA XUNTA EN VIGO
- O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, salienta o valor da formación técnica “que é unha conexión directa entre as persoas e as necesidades reais do mercado laboral”
Vigo, 15 de xullo de 2016-. Un grupo de 15 persoas, que participan a través do equipo de Inclusión de Marín na Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020, impulsada pola Consellería de Política Social e cofinanciada polo Fondo Social Europeo, remataron hoxe un curso de panadería, bolería e canapés, do Concello de Cangas.
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, presidiu esta mediodía a entrega de diplomas nas instalacións da Asociacion Provincial de Panadería e Pastelería da Provincia de Pontevedra (APROINPPA), na cidade de Vigo, onde foi impartido o curso.
Perfecto Rodríguez afirmou que “a formación técnica e práctica, como é o caso, confire ás persoas competencias profesionais que se converten nunha conexión directa entre elas e as necesidades reais do mercado laboral”.
O curso, que comezou o pasado 4 de xullo, tivo unha duración de 50 horas, e o seu contido xirou en torno a técnicas básicas de elaboración de masas de pan e produtos de pastelería, así como de confección de canapés. O obxectivo deste tipo de actuacións é favorecer e posibilitar a inserción laboral dos participantes en sectores concretos da nosa economía, favorecendo ao mesmo tempo a ampliación dos seus currículos.
Este curso forma parte do plan de actuacións, incluído nos itinerarios de inserción socio-laboral da administración autonómica, que os dispositivos técnicos comarcais do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar deseñan para os participantes na Estratexia de Inclusión Social de Galicia.
O departamento de Inclusión do Consorcio -da Consellería de Política Social- conta na actualidade con 18 oficinas comarcais repartidas polo territorio da comunidade autónoma, máis un centro no módulo penal de Teixeiro (A Coruña). No pasado ano 2015, as oficinas de Inclusión da Xunta de Galicia atenderon a 10.230 persoas.
UN TOTAL DE 280 RAPACES DE ESO E BACHARELATO SE BENEFICIAN ESTE MES DE XULLO DE ESTADÍAS DE INMERSIÓN LINGÜÍSTICA NO CRD DE VIGO
O delegado territorial da Xunta, Ignacio López-Chaves, coñeceu esta mañá o programa que desenvolve a Consellería de Cultura e Educación cada ano
- A iniciativa pon en marcha estadías de inmersión lingüística dirixidas a alumnado que desenvolve a súa comunicación en inglés nun contorno real
- Este ano foron ofertadas 682 prazas, das cales 280 impártense na cidade de Vigo
- López-Chaves valorou a importancia desta iniciativa que promove a Xunta cada ano para a educación en idiomas estranxeiros dos alumnos e alumnas.
O DIRECTOR XERAL DE INCLUSIÓN SITÚA O TRABALLO COMO “UN DOS PIARES BÁSICOS NA INSERCIÓN DAS PERSOAS EN SITUACIÓN OU RISCO DE EXCLUSIÓN SOCIAL” NA ENTREGA DE DIPLOMAS DOS CURSOS DE XARELA
Lembra que os orzamentos da Dirección Xeral de Inclusión Social para 2016 medraron un 21% con respecto ás partidas consignadas en 2015
Ourense, 15 de xullo de 2016-. O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou na mañá de hoxe no acto de entrega de diplomas dos cursos de informática e operario/a de limpeza da Asociación Xarela. Alí, insistiu unha vez máis na importancia da integración social plena para todas aquelas persoas que presentan dificultades e apuntou cara o traballo como “un dos piares básicos na inserción daquelas persoas que se atopan en situación de risco ou exclusión social”.
Os cursos de informática e operario/a de limpeza da Asociación Xarela procuran fomentar a inclusión social e o acceso e permanencia no mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social.
Ademais, mediante a realización destes cursos os participantes mellorarán as súas competencias sociais e profesionais, deseñadas para adquirir unha formación básica e de tipo laboral específica e adaptada ás necesidades das persoas en situación de exclusión.
O director xeral garantiu o apoio da Xunta de Galicia a todos os proxectos que “promovan a inclusión social e a loita contra a pobreza mediante o achegamento das persoas á sociedade” e recordou que os orzamentos da Dirección Xeral de Inclusión Social para 2016 medraron un 21% con respecto ás partidas consignadas en 2015.
A DIRECTORA XERAL DE XUVENTUDE VISITA AOS PARTICIPANTES NO CAMPO DE TRABALLO DE FOLGOSO DO COUREL SOBRE CONSERVACIÓN E MELLORA DO CASTRO DA TORRE DE SOBREDO
- Os voluntarios e voluntarias, que proceden de Galicia, do resto de España e de países de todo o mundo, realizarán labores de limpeza e acondicionamento da zona do Castro da Torre, así como unha pequena intervención arqueolóxica
- Esta iniciativa forma parte da Campaña de Verán da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que oferta na provincia de Lugo un total de 1.960 prazas
Folgoso do Courel (Lugo), 15 de xullo de 2016.- A localidade de Folgoso do Courel acolle do 14 ao 25 de xullo un Campo de traballo que colaborará na conservación e mellora do Castro da Torre de Sobredo. Os voluntarios e voluntarias, que proceden de Galicia, do resto de España e de países de todo o mundo, realizarán labores de limpeza e acondicionamento da zona do Castro da Torre, así como unha pequena intervención arqueolóxica.
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou hoxe aos participantes, mozos e mozas de entre 18 e 30 anos de idade, que ademais do traballo voluntario tamén poden participar en actividades como obradoiros de manualidades, rutas de sendeirismo, visitas a lugares de interese da zona e deportes como barranquismo, espeleoloxía ou canoa.
Esta iniciativa forma parte da Campaña de Verán da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que oferta na provincia de Lugo un total de 1.960 prazas. Ademais de en Folgoso, tamén hai campos de traballo en Xermade, Quiroga, Pantón, Becerreá e Pontomarín. Os campamentos para mozos e mozas de entre 9 e 17 anos son en Os Peares de Carballedo, Os Chacotes de Palas de Rei e A Devesa de Ribadeo, o complexo xuvenil LUG II da capital e os albergues Area de Viveiro, Benigno Quiroga de Portomarín e o municipal de Quiroga.
No total galego, na Campaña de Verán toman parte 9.046 mozos e mozas, un 6 % máis que no ano anterior. As actividades están dirixidas a persoas entre 9 e 30 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade.
O departamento autonómico inviste 2,6 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitirán a contratación dunhas 900 persoas entre monitores e directores de tempo libre.
Na programación inclúense: campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.
O CONSELLO GALEGO DA COMPETENCIA EMITIU DESDE 2011 MÁIS DE 100 INFORMES E ABRIU 75 EXPEDIENTES POR POSIBLES INFRACCIÓNS
- O presidente do ente, Francisco Hernández, compareceu hoxe no Parlamento
- Resaltou que está a aumentar a percepción dos beneficios da libre competencia nos sectores industrial e comercial, como revela unha enquisa feita xunto co IGE
Santiago, 15 de xullo de 2016.- O presidente do Consello Galego da Competencia (CGC), Francisco Hernández, destacou que dende 2011 este organismo abriu 75 expedientes por infraccións á normativa de defensa da competencia, e en moitos deles conseguiuse eliminar as restricións á competencia de forma negociada coas partes e sen impoñer sanción. Ademais, emitíronse máis de 100 informes, incluídos informes de mercado, de apertura de grandes superficies ou os solicitados por Administración e asociacións empresariais.
Francisco Hernández, que compareceu esta mañá en comisión parlamentaria, presentou na Cámara a memoria de actividades do organismo. Na súa intervención destacou de xeito especial a elaboración dunha enquisa sobre a situación da competencia en Galicia, en colaboración co Instituto Galego de Estatística (IGE).
Mediante esta enquisa analizouse a percepción da competencia no sector industrial autonómico e no sector comercial, durante o último trimestre do 2015 e o primeiro de 2016. O titular do CGC resaltou que, en comparación cos anteriores datos (de 2010 e 2011), a enquisa amosa “un incremento moi notable da percepción dos beneficios da libre competencia” neses dous sectores.
O resultado das consultas reflicte una elevada concienciación sobre a importancia que a libre competencia ten para os consumidores e para o comercio en xeral. Se na anterior enquisa a porcentaxe de persoas que consideraban que a competencia fai mellorar o comercio era dun 74,9%, agora pasa a un 84,4%, e dicir, case 10 puntos mais.
O mesmo sucede coas preguntas sobre se a competencia é boa para os consumidores e se é un deber das administracións públicas garantir o funcionamento competitivo dos mercados. Nestes casos, as respostas afirmativas pasaron dun 89,4% a un 92,4% na primeira pregunta e dun 82,9% a un 89,9% na segunda.
Polo que respecta ao grao de coñecemento do CGC, a enquisa tamén reflicte un maior coñecemento do actual organismo en comparación co antigo Tribunal Galego de Defensa da Competencia. É relevante o grao de coñecemento, e polo tanto de impacto, dos informes elaborados polo organismo, que nalgúns casos como o do sector lácteo supera o 50%.
Hernández destacou que o informe é unha ferramenta importante para orientar a actividade do Consello, pois tamén proporciona a este organismo información detallada sobre a opinión dos empresarios acerca de posibles prácticas anticompetitivas nos seus sectores.
A CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL ASINA UN CONVENIO DE COLABORACIÓN COA FUNDACIÓN SECRETARIADO XITANO PARA O DESENVOLVEMENTO DO PROGRAMA ACCEDER DE INCLUSIÓN LABORAL
O acordo está dotado cun total de 64.000 euros. Así mesmo, a entidade colaborará co departamento autonómico para a realización do estudo extractado “Mapa da comunidade xitana en Galicia 2016”
- “A elaboración de políticas activas para a poboación xitana co obxectivo de mellorar as súas condicións de vida, e garantir a igualdade de oportunidades no seu acceso aos servizos públicos é unha das nosas prioridades”, explicou o conselleiro José Manuel Rey Varela
Santiago, 15 de xullo de 2016.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o director xeral da Fundación Secretariado Xitano, Isidro Rodríguez, asinaron hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento do programa ACCEDER, de intermediación laboral. Trátase dunha iniciativa que ten como obxectivo principal conseguir a incorporación efectiva da poboación xitana ao emprego. Este acordo está dotado cun total de 64.000 euros por parte da Consellería de Política Social.
O novo acordo de colaboración que subscribiron a Consellería de Política Social e a Fundación Secretariado Gitano ten entre os seus obxectivos xerais o acceso ao emprego das persoas novas desempregadas e en situación de exclusión social, dando prioridade a aquelas con idades comprendidas entre os 16 e os 25 anos. Ademais, preténdese fomentar os servizos de proximidade aos empregados e as ocupacións vinculadas a actividades que poidan repercutir na mellora das condicións de vida da poboación participante; capacitar ás persoas destinatarias nunha profesión ou oficio; e aumentar a empregabilidade das persoas a través do adestramento en habilidades e técnicas de busca de emprego.
Para conseguir estes obxectivos, o programa ACCEDER contempla o deseño e desenvolvemento de itinerarios personalizados de inserción laboral. Trátase de proxectos individuais que se adaptan a cada participante e á súa contorna; e neles trabállase de xeito especial a motivación para a realización de accións formativas. Tamén se levarán a cabo accións dirixidas á mellora da cualificación para aumentar as posibilidades dos beneficiarios de acceder a un emprego en igualdade; así como se realizará un traballo de intermediación con empresas para xestionar as ofertas e demandas e procurar o axuste entre elas.
Dende a súa orixe no ano 2001 e ata o exercicio pasado, o programa ACCEDER atendeu unha media de 900 persoas anuais. Así mesmo, máis de 1.500 participantes formáronse no marco dos seus itinerarios e 933 persoas acadaron a súa inserción laboral. Nestes quince anos de traxectoria deste recurso para o emprego, a administración autonómica ten achegado ao financiamento da mesma un importe acumulado dun total de 962.240,36 euros.
“A elaboración de políticas activas para a poboación xitana co obxectivo de mellorar as súas condicións de vida, e garantir a igualdade de oportunidades no seu acceso aos servizos públicos é unha das nosas prioridades, por damos hoxe continuidade a este acordo”, explicou Rey Varela.
Así mesmo, a partir do mes de setembro a Fundación Secretariado Gitano colaborará coa consellería de Política Social elaborando o estudo “Mapa da comunidade xitana en Galicia 2016”, que conterá datos relativos á comunidade xitana no territorio galego para o fomento de plans territorializados de apoio. A realización do estudo enmárcase na Estratexia de Inclusión Social da Poboación Xitana en Galicia 2014-2020, que ten entre os seus obxectivos aumentar o coñecemento da situación da poboación xitana en Galicia no que respecta aos denominados catro ámbitos clave, entre os que se atopa o relativo á vivenda e á inserción laboral.
Fundación Secretariado Gitano Galicia
A FSG é unha entidade social intercultural sen ánimo de lucro que presta servizos para o desenvolvemento da comunidade xitana en Galicia. Dende o ano 2001, desenvolve programas e accións que pretenden fomentar a participación social e a incorporación laboral da comunidade xitana en Galicia, e apoiar as iniciativas que, dende distintas entidades, teñen por obxecto a mellora das condicións de vida das persoas xitanas. Na actualidade atende a preto de 2.000 persoas e conta con sedes en Lugo, Santiago, A Coruña, Narón, Pontevedra e Vigo. Ademais de programas como ACCEDER, a FSG desenvolve outros programas a nivel local, de equipamento para a acción social, de intervención social, de busca de emprego, de muller, de drogodependencias ou de educación de persoas adultas entre outros.
Presentación del libro «Guía perversa del viajero en el tiempo»
El próximo martes 19 de julio a las 19:30h. La Fábrica acoge la presentación del libro «Guía perversa del viajero en el tiempo«, de Jorge Fernández Gonzalo. Durante el acto, el autor estará acompañado de Miguel «Cuervo Blanco», sociólogo y activista.
El libro, editado por Sans Soleil, supone un peculiar acercamiento al cruce entre filosofía y ciencia ficción cinematográfica. ¿Cómo relacionar los conflictos del colonialismo con el guion de El planeta de los simios? ¿Qué puede decir Terminator de nuestra relación con las máquinas y la tecnología? No estamos ante una guía sobre series o películas sino ante un catálogo donde se hilvanan la ciencia ficción y la filosofía como horizonte interpretativo.
¡Te esperamos!
MÁIS DE 70 PARTICIPANTES NA ESTRATEXIA DE INCLUSIÓN SOCIAL DA XUNTA DE GALICIA REALIZAN CURSOS DE MANIPULACIÓN DE ALIMENTOS EN NOIA, A ESTRADA E PONTEVEDRA
Noia (A Coruña), 14 de xullo de 2016.- Un total de 71 persoas, que participan a través dos equipos de inclusión de Noia, Marín e Lalín na Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020 do Goberno galego -impulsada pola Consellería de Política Social e cofinanciada polo Fondo Social Europeo-, asistiron onte e hoxe a tres cursos para a obtención do carné de manipulación de alimentos.
O primeiro deles, ao que asistiron 23 persoas, foi impartido hoxe coa colaboración do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) no edificio administrativo de Noia no que opera o equipo de Inclusión do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O segundo curso, tamén con 23 participantes e igualmente nesta xornada, tivo lugar nas instalacións de ALFER en Pontevedra. E o terceiro, onte, contou con 25 persoas e foi impartido no edificio do novo mercado de A Estrada.
O contido dos cursos xirou entorno a conceptos relacionados coa manipulación hixiénico-sanitaria de alimentos: intoxicacións alimentarias de orixe bacteriano, limpeza, desinfección, sistemas de autocontrol, tipos de alérxenos, etc.
Os coñecementos que adquiriron esas 71 persoas, non só facilitan a obtención do carné de manipulación de alimentos, senón que amplían as súas competencias laborais e posibilidades de acceso ao mercado laboral en distintos sectores como o da industria alimentaria, a atención a persoas ou a comercialización de produtos pero, nomeadamente, naqueles vinculados coa hostelería.
Os tres cursos forman parte do plan de actuacións, incluído nos itinerarios de inserción socio-laboral da administración autonómica, que os dispositivos técnicos comarcais do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar deseñan para os participantes na Estratexia de Inclusión Social de Galicia.
O departamento de Inclusión do Consorcio -da Consellería de Política Social- conta na actualidade con 18 oficinas comarcais repartidas polo territorio da comunidade autónoma, máis un centro no módulo penitenciario de Teixeiro (A Coruña). No pasado ano 2015, as oficinas de Inclusión da Xunta de Galicia atenderon a 10.230 persoas.