A DIRECTORA XERAL DE INFANCIA CONTINUA EN LUGO A ROLDA DE ENCONTROS COS ALCALDES PARA INFORMALOS DO CONTIDO DA ORDE PARA O INVESTIMENTO EN ESCOLAS INFANTÍS MUNICIPAIS
A orde, publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia, está dotada de 1,5 millóns de euros
- O obxectivo é mellorar as escolas infantís así como os puntos de atención á infancia municipais a través da realización das obras menores e da compra do equipamento necesario
- Os concellos interesados poden presentar a súa solicitude ata o vindeiro 26 de agosto
Lugo, 28 de xullo de 2016.- A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización demográfica, Amparo González, continuou esta mañá en Lugo a súa rolda de encontros con alcaldes para informalos sobre o contido da Orde que regula a concesión de axudas para o investimento en escolas infantís dependentes das corporacións locais. Nesta provincia, existen máis de 23 concellos que contan con escolas infantís municipais. Na xuntanza, Amparo González estivo acompañada da delegada territorial da Xunta de Galicia na provincia lucense, Raquel Arias Rodríguez.
A directora xeral salientou que a orde pola que se regulan as bases que rexerán a concesión de axudas económicas para o investimento en escolas infantís de 0 a 3 anos dependentes de corporacións locais, publicada onte mesmo no Diario Oficial de Galicia por primeira vez, “está dotada de 1,5 millóns de euros” e que “os concellos interesados xa poden presentar a súa solicitude nun prazo dun mes que rematará o vindeiro 26 de agosto”.
Durante este encontro que tivo lugar na Delegación Territorial da Xunta, Amparo González salientou que a finalidade da convocatoria é “mellorar as escolas infantís así como os puntos de atención á infancia municipais a través da realización das obras menores e da compra do equipamento necesario”.
Con estas axudas facilitarase a posta en marcha inmediata de recursos de atención á infancia que estean unicamente pendentes da dotación de equipamento, co que se aumentará a dispoñibilidade de prazas de atención á infancia. Igualmente mellorarase a calidade da atención recibida nos que xa veñen funcionando.
Esta convocatoria enmárcase no programa operativo FEDER Galicia para o período 2014-2020 e o financiamento articularase a través dunha convocatoria pública de subvencións baixo o réxime de concorrencia competitiva. Os concellos beneficiarios non poderán ter recibido axudas financiadas con fondos Estruturais de Investimento Europeos (EIE) 2007-2013 para o mesmo concepto de gasto e no suposto de recursos que dependan da dotación de equipamento para seren postos en marcha tampouco poderán ter recibido axudas financiadas cos ditos fondos EIE para a construción da infraestrutura. Ao abeiro desta convocatoria serán subvencionables obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas, obras novas de escasa contía que doten ao edificio de servizos necesarios, adquisición e mellora do equipamento do centro (incluída a compra de mobiliario interior e exterior e de material didáctico e de xogo), e a dotación de conexión a internet e compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula.
As axudas poderán financiar ata o 100% do investimento subvencionable e terán unha contía máxima por cada centro de 20.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras e de 15.000 euros para as destinadas á compra de equipamento. Cada concello poderá percibir unha axuda máxima de 35.000 euros, con independencia do número de centros para os que presente solicitude. A actuación é complementaria das accións de investimento para mellora das escolas infantís da rede Galiña Azul.
Cómpre destacar que esta convocatoria enmárcase no Plan de Dinamización Demográfica para Galicia 2013-2016, Horizonte 2020, e forma parte do Programa de apoio á natalidade (PAN), un programa integral da administración autonómica que ten como obxectivo apoiar ás familias galegas ofrecendo respostas globais ás súas necesidades.
A atención á infancia e o apoio ás familias é unha das liñas estratéxicas de actuación da Consellería de Política Social. Investir na atención á infancia aumenta a equidade dos resultados educativos e reduce os custes para a sociedade en perda de talento e en gasto público en benestar, sanidade e incluso xustiza. Así mesmo, contar con estes recursos de conciliación contribúe significativamente a acadar obxectivos políticos fundamentais, en especial en canto a crecemento e emprego, integración social de grupos vulnerables e igualdade de xénero. O desenvolvemento dunha política de conciliación eficaz tamén constitúe unha resposta clave aos retos demográficos a longo prazo.
O orzamento consignado para as actuacións de conciliación por parte da Consellería de Política Social ascende a 67.124.923 euros, o que supón un incremento de case o 70% con respecto ao exercicio 2015. Grazas a esta aposta decidida do departamento autonómico Galicia xa é un referente de servizos de apoio á natalidade e á familia no contexto español.