A próxima semana volve o SonRías Baixas a Bueu con máis forza ca nunca
Nesta edición, o SonRías Baixas fusionará diversas disciplinas como música, cinema e gastronomía Bueu, 28 de xullo 2016.- Esta mañá presentouse a XIV edición do Festival SonRías Baixas na Praia da Banda do Río de Bueu coa presenza de Jacobo Sutil -director da AGADIC-, Carmela Silva – presidenta da Deputación de Pontevedra-, Xosé Leal -deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra-, Félix Juncal -alcalde do Concello de Bueu-, Jordi Lauren e Berta Domínguez – membros da organización do SonRías Baixas- e Salvador Vázquez -en representación de Rei Zentolo-. Jacobo Sutil quixo felicitar ao equipo organizador e a “todos os que fan posibles os festivais”, incluíndo ás “administracións que camiñan xuntas na mesma dirección”, idea que tamén quixo compartir Silva. Ademais, a presidenta da Deputación de Pontevedra puxo en valor a “explosión cultural” da provincia e situou ao SonRías Baixas como “un dos festivais que se sitúan como referente galego, estatal e internacional” pola súa modernidade e vangarda. Félix Juncal asegurou que este ano nos agarda “unha das mellores edicións que se teñen celebrado ata o de agora” e celebrou a continuidade do SonRías Baixas tras os seus dous últimos anos de ausencia. Salvador Vázquez, pola súa banda, debullou polo miúdo aspectos da composición da imaxe desta edición, comentando que “dende que debuxamos dúas anduriñas no cartaz non volveu chover en Galicia” ou desvelando que, ante a demanda de parches por parte do público ao velo na moza que aparece nel debuxada, tiveron que fabricalos para a súa venda. Esta edición do SonRías Baixas -que se celebrará os vindeiros 4, 5 e 6 de agosto en Bueu-, combinará artistas que xa son parte da súa historia viva, como Boikot, Soziedad Alkoholika, Heredeiros da Crus ou un dos directos máis desexados do ano en todo o Estado, o de La Gran Pegatina, cunha banda internacional da talla de La Vela Puerca e cunha das voltas aos escenarios máis esperadas dos últimos anos, a de Lendakaris Muertos. Para completar a mestura marca da casa, bandas cun futuro moi prometedor, como Chotokoeu ou Gold & Colt. Ademais, o SonRías Baixas colabora por primeira vez na súa historia co FIC Bueu proxectando seis curtametraxes o sábado pola tarde no Centro Social do Mar. Tal e como destacou Jordi Lauren, “o audiovisual e a música son disciplinas que se complementan dando lugar a unha combinación perfecta”. Ao menú variado de propostas musicais que ofrece o festival e aproveitando a ampla tradición culinaria da terra e maila excelencia do porto de mar da zona, o festival incorpora -como xa o fixeran na súa última edición- un espazo gastronómico no que intervirán cociñeiros de excepción: varios artistas destacados cociñarán os seus pratos favoritos para ofrecerlle ao público.