A XUNTA DE GALICIA ULTIMA A ENTRADA EN FUNCIONAMENTO DO CENTRO DE DÍA DE MACEDA O VINDEIRO MES DE SETEMBRO

  • REUNIÓN ALCALDES CENTRO DÍA MACEDA6 (28 XULLO 2016)Alcaldes dos concellos da área xunto co xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar visitaron esta mañá as instalacións que terán unha capacidade máxima de 60 prazas
  • O Consorcio e o Concello de Maceda coordinaron nas últimas semanas a posta a punto de centro, ao que os municipios da zona poderán desviar maiores

Maceda (Ourense), 28 de xullo de 2016.- O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños, xunto con alcaldes, concelleiros da área de Benestar e traballadores dos servizos sociais dos concellos de Maceda, Paderne de Allariz, Baños de Molgas, Montederramo, Esgos, Xunqueira de Espadañedo, Vilar de Barrio, Pereiro de Aguiar e Nogueira de Ramuín, visitaron hoxe o centro de día desa localidade, incluído na rede autonómica da Xunta de Galicia. Na visita, tamén estiveron presentes o xefe territorial da Consellería de Política Social, José Selas Souto, e o rexedor de Maceda, Rubén Quintas Rodríguez.

Está previsto que esas instalacións para a atención diúrna de maiores, que terán unha capacidade máxima de 60 prazas, abran as súas portas xa no próximo mes de agosto, para recibir aos seus primeiros usuarios en setembro. Como é habitual nestes casos, o centro de día de Maceda botará andar de xeito gradual, con 30 prazas.

No encontro de hoxe, alcaldes, concelleiros e traballadores sociais coñeceron en persoa as dependencias do edificio no que se asenta o centro e recibiron información concreta -por boca dunha técnico do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar desprazada para tal fin a Maceda- sobre como será o seu funcionamento. De feito, a Xunta de Galicia proxectou e executou ese centro para dar cobertura, non só aos veciños de Maceda, senón que poderá recibir tamén a usuarios derivados polos servizos sociais dos concellos limítrofes ou cercanos.

Nas últimas semanas, o Consorcio e o Concello de Maceda traballaron de xeito coordinado para ultimar a posta a punto do centro, composto por catro módulos, levando a cabo pequenas reparacións, limpeza integral e arranxos de xardinería, entre outras tarefas. O pasado 13 de xullo o xerente do Consorcio, a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, o rexedor de Maceda e responsables da empresa Troncoso S.L. -adxudicataria da xestión do centro- xa visitaran o centro de día desa localidade para avanzar na súa posta en funcionamento e supervisar os últimos detalles.

Cando entre en funcionamento o de Maceda, a rede de centros de día de titularidade autonómica estará integrada por un total de 57 (con capacidade máxima para 2.244 usuarios). A oferta da Xunta de Galicia para os maiores complétase con 6 fogares residenciais, 1 residencia (con capacidade para 170 usuarios) e 6 vivendas comunitarias (cun máximo de 96 persoas).

A Consellería de Política Social está a acometer ademais un plan de obras de mellora de instalacións e mobiliario en centros de maiores, no que inviste máis de 600.000 euros, e que é posible grazas ao cumprimento por parte da comunidade autónoma do obxectivo de déficit.

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: