A DIRECTORA XERAL DE INFANCIA PRESENTA AOS ALCALDES DA PROVINCIA DE OURENSE O CONTIDO DA ORDE PARA O INVESTIMENTO EN ESCOLAS INFANTÍS MUNICIPAIS
A orde, publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia, está dotada de 1,5 millóns de euros
- O obxectivo é mellorar as escolas infantís así como os puntos de atención á infancia municipais a través da realización das obras menores e da compra do equipamento necesario
- Os concellos interesados poden presentar a súa solicitude ata o vindeiro 26 de agosto
Ourense, 29 de xullo de 2016.- A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización demográfica, Amparo González, continuou esta mañá en Ourense a súa rolda de encontros con alcaldes para informalos sobre o contido da Orde que regula a concesión de axudas para o investimento en escolas infantís dependentes das corporacións locais. Nesta provincia, existen 19 concellos que contan con escolas infantís municipais.
A directora xeral salientou que a orde pola que se regulan as bases que rexerán a concesión de axudas económicas para o investimento en escolas infantís de 0 a 3 anos dependentes de corporacións locais, publicada onte mesmo no Diario Oficial de Galicia por primeira vez, “está dotada de 1,5 millóns de euros” e que “os concellos interesados xa poden presentar a súa solicitude nun prazo dun mes que rematará o vindeiro 26 de agosto”.
Durante este encontro que tivo lugar na Delegación Territorial da Xunta, Amparo González salientou que a finalidade da convocatoria é “mellorar as escolas infantís así como os puntos de atención á infancia municipais a través da realización das obras menores e da compra do equipamento necesario”.
Con estas axudas facilitarase a posta en marcha inmediata de recursos de atención á infancia que estean unicamente pendentes da dotación de equipamento, co que se aumentará a dispoñibilidade de prazas de atención á infancia. Igualmente mellorarase a calidade da atención recibida nos que xa veñen funcionando.
Esta convocatoria enmárcase no programa operativo FEDER Galicia para o período 2014-2020 e o financiamento articularase a través dunha convocatoria pública de subvencións baixo o réxime de concorrencia competitiva. Os concellos beneficiarios non poderán ter recibido axudas financiadas con fondos Estruturais de Investimento Europeos (EIE) 2007-2013 para o mesmo concepto de gasto e no suposto de recursos que dependan da dotación de equipamento para seren postos en marcha tampouco poderán ter recibido axudas financiadas cos ditos fondos EIE para a construción da infraestrutura. Ao abeiro desta convocatoria serán subvencionables obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas, obras novas de escasa contía que doten ao edificio de servizos necesarios, adquisición e mellora do equipamento do centro (incluída a compra de mobiliario interior e exterior e de material didáctico e de xogo), e a dotación de conexión a internet e compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula.
As axudas poderán financiar ata o 100% do investimento subvencionable e terán unha contía máxima por cada centro de 20.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras e de 15.000 euros para as destinadas á compra de equipamento. Cada concello poderá percibir unha axuda máxima de 35.000 euros, con independencia do número de centros para os que presente solicitude. A actuación é complementaria das accións de investimento para mellora das escolas infantís da rede Galiña Azul.
Cómpre destacar que esta convocatoria enmárcase no Plan de Dinamización Demográfica para Galicia 2013-2016, Horizonte 2020, e forma parte do Programa de apoio á natalidade (PAN), un programa integral da administración autonómica que ten como obxectivo apoiar ás familias galegas ofrecendo respostas globais ás súas necesidades.
A atención á infancia e o apoio ás familias é unha das liñas estratéxicas de actuación da Consellería de Política Social. Investir na atención á infancia aumenta a equidade dos resultados educativos e reduce os custes para a sociedade en perda de talento e en gasto público en benestar, sanidade e incluso xustiza. Así mesmo, contar con estes recursos de conciliación contribúe significativamente a acadar obxectivos políticos fundamentais, en especial en canto a crecemento e emprego, integración social de grupos vulnerables e igualdade de xénero. O desenvolvemento dunha política de conciliación eficaz tamén constitúe unha resposta clave aos retos demográficos a longo prazo.
O orzamento consignado para as actuacións de conciliación por parte da Consellería de Política Social ascende a 67.124.923 euros, o que supón un incremento de case o 70% con respecto ao exercicio 2015. Grazas a esta aposta decidida do departamento autonómico Galicia xa é un referente de servizos de apoio á natalidade e á familia no contexto español.