MÁIS DO 80% DOS MOZOS E MOZAS QUE PARTICIPARON EN PROGRAMAS DE EDUCACIÓN NON FORMAL DA DIRECCIÓN XERAL DE XUVENTUDE AMÓSANSE SATISFEITOS COA FORMACIÓN E COMPETENCIAS ADQUIRIDAS
- Así o sinala o estudo sobre “Os programas de educación non formal e a empregabilidade da Xuventude en Galicia”, elaborado polo grupo de investigación ESCULCA da Universidade de Santiago de Compostela
- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, fixo referencia a este e outros datos relevantes na charla coloquio sobre os retos da mocidade, celebrada no marco do curso Políticas de inclusión e comportamento social
Sada (A Coruña), 29 de xullo de 2016.- Máis dun 80% dos mozos e mozas que participaron nos programas de educación non formal da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado están satisfeitos coa formación e competencias adquiridas, segundo sinala o estudo sobre “Os programas de educación non formal e a empregabilidade da Xuventude en Galicia”. Este documento, que foi presentado este mesmo mes de xullo, foi elaborado polo grupo de investigación ESCULCA da Universidade de Santiago de Compostela tras analizar os programas Galeuropa, Iniciativa Xove e Voluntariado Xuvenil.
Este dato foi posto de manifesto pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, na charla coloquio sobre os retos da xuventude, no marco do curso Políticas de inclusión e comportamento social que organizan a Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago no Auditorio da casa da cultura Pintor Llorens de Sada.
Cecilia Vázquez tamén dixo que segundo este estudo as competencias adquiridas máis valoradas polos participantes no programa de mobilidade Galeuropa, que permite a realización de prácticas laborais en empresas europeas son a disposición a asumir novas funcións e tarefas, a adaptación con facilidade a outros ambientes culturais, o traballo en equipo, a disposición a explorar novas oportunidades e emprender cambios para mellorar as cousas e a comunicación nunha lingua estranxeira.
Pola súa banda, os participantes no programa de participación xuvenil a través do desenvolvemento de proxectos Iniciativa Xove sinalaron como competencias adquiridas máis valoradas a mellora da relación con outras persoas, a mellora na coordinación dun grupo de persoas e , de novo, a disposición a asumir novas funcións e tarefas, a adaptación con facilidade a outros ambientes culturais e o traballo en equipo.
Finalmente, as competencias adquiridas máis valoradas polos participantes no programa de Voluntariado Xuvenil, que aporta mozos e mozas como voluntarios a proxectos solidarios de entidades e concellos, foron tamén a disposición a asumir novas funcións e tarefas, a adaptación con facilidade a outros ambientes culturais, o traballo en equipo, a mellora na relación con outras persoas e a disposición a explorar novas oportunidades e emprender cambios para mellorar as cousas.
En definitiva, concluíu Cecilia Vázquez, este estudo pon de manifesto que os mozos e mozas que participan nos programas de Educación non formal da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado “melloran o seu capital social e cultural en termos de empregabilidade, co desenvolvemento de competencias transversais, tales como as habilidades comunicativas, a adaptabilidade, o traballo en equipo, ou as habilidades interculturais”.