Os estudantes internacionais de IESIDE manteñen un encontro coa directora de Turismo de Galicia
O grupo de 15 estudantes cursa en Galicia o Diploma Avanzado en Relacións Internacionais de IESIDE
·
O programa de estudos que cursan ten por obxectivos estratéxicos o apoio ás empresas galegas e a promoción do sector turístico da comunidade en China
· Nava Castro explicou a importancia de turismo en Galicia, destacou os seus principais recursos e expuxo as claves do Plan Integral de Turismo da comunidade
29.07.2016. O grupo de 15 estudantes chineses chegados a Galicia para cursar o Diploma Avanzado en Relacións Internacionais (DARI) do Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (IESIDE) mantiveron esta tarde un encontro na sede de Afundación en Vigo con Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, axencia dependente da Xunta de Galicia.
Os estudantes, primeiro grupo internacional que se incorpora aos programas formativos de IESIDE, proceden da Beijing International Studies University (BISU), onde realizan estudos de Grao de Español. O Diploma Avanzado en Relacións Internacionais que cursan en IESIDE ten como obxectivo principal o apoio ás empresas galegas para a súa entrada e posicionamento no mercado chinés, proporcionándolles profesionais dese país multilingües e con formación empresarial. Outro dos seus obxectivos estratéxicos é a promoción do sector turístico galego en China.
Na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou o destino turístico Galicia facendo fincapé nos seus principais recursos, como son o Camiño de Santiago, a natureza, a gastronomía, o termalismo, o patrimonio cultural, as grandes cidades ou o turismo rural.
En la foto, junto a los estudiantes internaciones aparecen Nava Castro y el secretario gerente del IESIDE, Pedro Otero