Archive | agosto 4, 2016

AS PERSOAS CUN GRAO DE DISCAPACIDADE IGUAL OU SEUPERIOR AO 33% PODEN SOLICITAR DENDE HOXE A TARXETA ACREDITATIVA

  • A Consellería de Política Social impulsa esta iniciativa coa finalidade de que as persoas con discapacidade legalmente recoñecida poidan acreditar de forma áxil e práctica o seu grao de discapacidade e facilitarlles así o acceso a determinados servizos que poidan mellorar a súa calidade de vida

 

Santiago, 4 de agosto de 2016.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se crea a tarxeta acreditativa do grao de discapacidade e se regula o procedemento para a súa obtención. Esta iniciativa impulsada pola Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, ten como finalidade que as persoas con discapacidade legalmente recoñecida poidan acreditar de forma áxil e práctica o seu grao de discapacidade e facilitarlles así o acceso a determinados servizos que poidan mellorar a súa calidade de vida por medio dun instrumento máis práctico e cómodo.

 

Así, esta tarxeta acreditativa non creo de por si mesma novos beneficios ou a maiores dos que actualmente xa pode optar a persoa que teña recoñecida un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%: prestacións económicas por invalidez; vantaxes na asignación de prazas en centros educativos e no acceso a ciclos formativos; fomento do emprego na empresa ordinaria e reserva de prazas na administración pública ou beneficios en materia fiscal, vivenda e transporte; entre outras medidas de apoio que se poden consultar no portal de benestar da Consellería: http://benestar.xunta.es/web/portal/portada-de-discapacidade.

 

Poderán ser titulares desta tarxeta as persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, cuxo expediente conste en poder da administración autonómica. Esta é persoal e intransferible e serve de documento substitutivo, para todos os efectos, da resolución pola que se recoñece o devandito grao, e que ten validez en todo o territorio do Estado. Ademais, a súa presentación deberá ir acompañada do documento nacional de identidade, número de identificación de estranxeiro ou pasaporte, no suposto en que así o requira o organismo ou entidade competente. As persoas titulares menores de 14 anos poderán acreditar a súa identidade mediante a presentación dunha certificación literal de nacemento expedida polo rexistro civil.

 

Procedemento de emisión

A tarxeta acreditativa de discapacidade expedirase de oficio para os expedientes de actualmente en tramitación, ben sexan solicitudes iniciais de recoñecemento ou de revisión. Asemade,  a devandita tarxeta expedirase por petición expresa das persoas interesadas nos seguintes dous supostos: nos casos de solicitude dunha nova tarxeta por perda ou subtracción e para as persoas que  a día de hoxe teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33% e que non teñan un expediente de revisión en tramitación.

 

No que atinxe á vixencia da tarxeta, esta constará expresamente na mesma. Esta poderá ser de carácter definitivo ou temporal, de acordo co prazo de vixencia que figure na resolución que recoñeza o grao de discapacidade.

 

REY VARELA RECOÑECE O TRABALLO DA ASOCIACIÓN CIDADÁ PARA A LOITA CONTRA A DROGA E SAÚDA AS SÚAS INICIATIVAS DE ATENCIÓN INTEGRAL PARA OS USUARIOS E AS SÚAS FAMILIAS

  • REUNION COA ASOCIACION CIUDADANA DE LUCHA CONTRA LA DROGA , ACLAD.

    REUNION COA ASOCIACION CIUDADANA DE LUCHA CONTRA LA DROGA , ACLAD.

    A entidade coruñesa que presta atención a máis de 700 persoas

 

Santiago, 4 de agosto de 2016.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo cos responsables da Asociación Cidadá para a loita contra a droga (ACLAD).

 

Nesta reunión o responsable da carteira social recoñeceu o traballo da entidade coruñesa que presta atención a máis de 700 persoas ao día. Do mesmo xeito, o conselleiro salientou a conxunción de obxectivos de ACLAD e a Xunta de Galicia no que respecta ao apoio das persoas con problemas de adicións e da súa integración social e laboral. Cómpre destacar as actividades e proxectos cos que conta ACLAD complementarios aos de desintoxicación.

 

No encontro de traballo, Rey Varela saudou o programa de ACLAD e destacou a iniciativa de atención integral no ámbito social tanto para os usuarios como para as súas familias ou o pulo dunha política sociosanitaria adecuada para este colectivo.

 

Homenaxe do Concello aos deportistas do Club León &Fam-Carrera de Kung-Fu

Recepcin no ConcelloA alcaldesa e o concelleiro de Deportes, Manuel Carerra, recibiron este xoves no Salón de Plenos do Concello aos integrantes do  Club León &Fam-Carrera de Kung-Fu  que ven de proclamarse Campión Absoluto do Campionato Ibérico desta especialidade.

Entres os seus integrantes, Anxo Canitrot, Andrés Alves e Alejandro Alves, levan cinco anos consecutivos quedando primeiros nos Campionatos de Galicia, España e Ibérico. Ademáis o equipo fíxose, esta tempada, co Campionato Provincial e Campionato de Galicia Escolar.

Outros dos deportistas deste club porriñés, Erika Álvarez, Adrian Pestonit, Yara Iglesias, Ana Muñiz, Rubén Novo, Cristian Domínguez, Pablo Lemos, ou Sephane Fernándes, entre outros, levan copando os podios das principais citas deportivas desta especialidade en categorías alevín, infantil e benxamín.

Eva García de la Torre amosou o “orgullo” de todos as porriñesas e porriñeses de ter entre os seus veciños a “deportistas como vos que sodes un exemplo de entrega, esforzo, dedicación e sacrificio”.

A alcaldesa salientou a importancia do deporte de base, como “canle de valores tan importantes como o compañeirismo, a amizade e solidariedade”, e lembrou que o Concello do Porriño adica a totalidade do seu orzamento de Deportes á potenciación e desenrolo do mesmo, en todas as modalidades nas que “somos, como vos, unha referencia a nivel nacional e internacional”.

FIN DE SEMANA DE CONCERTOS EN DETRÁS DO MARCO CON SERVAL E ONLY 4 HUMANS

13903406_1143610905709934_2057483297140339555_n 13913613_1142355279168830_9029130151748974749_oVigo, 4 de agosto de 2016. Fin de semana musical en Detrás do Marco. Venres e sábado teremos concertos na nosa terraza e poderemos gozar das actuacións de Serval (o venres) e de Only 4 Humans (o sábado). O venres 5 de agosto (21:00 horas) a banda viguesa Serval ofrecerá un concerto en Detrás do Marco. Serval é unha banda de post-hardcore formada Vigo no verán de 2014 por Fer Pereiro, Adrián Pérez e Hugo Torres, músicos de grupos como His Anxiety, 2Sisters e The Chaos Is Coming. En xuño de 2015 lanzou o seu primeiro EP Alsace, presentando o en varias salas da cidade e arredor da rexión. En xuño de 2016 publicou o LP Idle mind / Devil’s playground. Este VENRES en DETRÁS DO MARCO a partir das 21:00 horas. Entrada gratuíta. E o sábado 6 de agosto (20:30 horas) teremos a oportunidade de escoitar ao grupo madrileño Only 4 Humans. Esta é unha nova banda de rock formada por David Miguel, Raúl Miguel, Jesús Guardiola e Miguel Carretero. O grupo ten como principais influencias grandes grupos de rock coma Led Zeppelin, AC/DC, Guns and Roses, Extremoduro, Red Hot Chili Pppers, Nirvana… A pesar de ser unha banda que leva xa 6 anos en activo é a primeira vez que tocan na nosa cidade. Este SÁBADO en DETRÁS DO MARCO, a partir das 20:30 horas. Entrada gratuíta

Programa de actividades durante o mes de Agosto

O Concello do Porriño ofrece unha completa Programación Cultural durante todo o mes de agosto, con actuacións, bailes, animación na rúa, espectáculos, obradoiros e festas veciñais ue se desenrolarán por varios lugares da vila.

Este mércores día 3, empeza a Animación na rúa, a cargo de Animar-T, ás 21:00 h., na Praza de Antonio Palacios; o xoves, día 4, no mesmo lugar,ás 22:00 h. ‘Baile de Sevillanas’ dirixida pola Casa de Andalucía en Vigo; o venres, día 5, ás 12:00 h., na Praza do Cristo, Animación na rúa, con ‘A lingua: na boca’, espectáculo cómico-poético sobre Castelao.

O venres, día 5, ás 23:00 h, na Praza de Antonio Palacios, la pianista Ana Belén Rodríguez García e o seu  equipo técnico e artístico, mergulla ao público nunha experiencia sensorial “chea de intres apoteósicos que non se poden describir”.

O sábado, 6, ás 21:00 h., e domingo, 7,ás 11:00h, na Praza de Antonio Palacios, é a hora do ‘Xadrez na rúa’.

A programación retómase o mércores, dia 10 con ‘A bailar!’, ás 21:00 h. na Praza de Antonio Palacios; os días 11, xoves, ás 21:00 h., e 12, venres, ás 22:00 h. no mesmo lugar, Festival Musical a cargo de MasQMusica.

O mércores día 17, tamén na Praza de Antonio Palacios, Obradoiro, ás 20:00 h; o xoves, día 18, as 22:00 h. na Praza de Antonio Palacios, Concerto da Banda de Música de Taboadela, a cargo da Asociación Musico-Cultural Brisas de Sandomedio. O mércores, día 24, ás 20:00 h., no mesmo lugar Obradoiro.

Para rematar, o sábado día 27, ás 20:30 horas empeza a fin de semana da Festa de San Sebastián con ‘Sardiñada e Música’; ese mesmo día ás 00:00 h. Queimada da fachada e fogos artificiais. O día seguinte, domingo día 28, Misa e Procesión, dende Santa María do Porriño, ás 12:00 h.

A XUNTA DE GALICIA PON A DISPOSICIÓN DE ESTABLECEMENTOS E FIRMAS COMERCIAIS E DE SERVIZOS A POSIBILIDADE DE ADHERIRSE Á TARXETA BENVIDA

  • O obxectivo é ofrecerlle ás familias titulares deste recurso unha mellora dos seus beneficios ao presentala nos establecementos que se sumen a esta iniciativa

 

Santiago, 3 de agosto de 2016.- A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, vén de convocar un procedemento de adhesión ao desenvolvemento do programa Tarxeta Benvida. A finalidade desta iniciativa é ofertarlle ás familias titulares da mesma unha ampliación e mellora dos seus beneficios ao presentala nos establecementos que se sumen a este programa.

 

Neste programa poderán participar todas aquelas persoas físicas ou xurídicas que teñan oficinas ou establecementos na Comunidade Autónoma. Os participantes fixarán as vantaxes que terán os beneficiarios da Tarxeta Benvida a través de descontos, ofertas especiais ou obsequios, entre outros, sempre e cando se axusten aos obxectivos da Tarxeta. As peculiaridades deste proceso poden consultarse na páxina web da Consellería de Política Social.    

 

A Tarxeta Benvida é unha das accións de dinamización demográfica que forman parte do Programa de apoio á natalidade (PAN-Galicia), que persegue dar respostas ás necesidades das familias, garantir o seu benestar e apoialas de maneira integral e continua. En concreto, trátase dunha axuda económica destinada ás familias que este ano 2016 teñan un fillo/a ou adopten un neno/a menor dun ano, co fin de contribuír a sufragar os gastos derivados da súa crianza durante o primeiro ano de vida.

 

A devandita axuda faise efectiva a través dunha tarxeta moedeiro que se pon a disposición das familias e que se carga cunha contía de 100 euros mensuais durante os primeiros doce meses de vida do neno/a, sendo pois a contía total da axuda de 1.200 euros. A dita tarxeta serve para a compra de produtos de necesidade básica para o neno/a como leite e outros alimentos infantís, cueiros, produtos de hixiene e produtos farmacéuticos; e poderase empregar en farmacias, parafarmacias, supermercados e tendas de alimentación.

 

LÓPEZ-CHAVES LEMBRA QUE O RETRASO NA CONSTRUCIÓN DO APARCADOIRO DO ÁLVARO CUNQUEIRO DÉBESE Á PRESENTACIÓN TARDÍA DA DOCUMENTACIÓN POR PARTE DO CONCELLO DE VIGO

  • O delegado territorial da Xunta explicou esta mañá que o Concello de Vigo “presentou a documentación cun retraso de sete meses”
  • Recorda que a Xunta de Galicia lle solicitara previamente a documentación ata en dúas ocasións
  • Insiste en que o aparcadoiro disuasorio xa se contemplaba no proxecto sectorial, pero o Concello “non o construíu” a tempo
  • López-Chaves afirmou que este retraso pon de manifesto “unha vontade, por parte de Caballero, de retrasar deliberadamente a construción deste aparcadoiro”

 

Vigo, 08 de xaneiro de 2016.- O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, falou hoxe en rolda de prensa, do relativo ao aparcadoiro do Hospital Público Álvaro Cunqueiro. O delegado territorial da Xunta dixo que estaba sorprendido pola “falta de educación” do Alcalde de Vigo e que no pensaba contestar aos calificativos e exabruptos recibidos.

 

López-Chaves negou que a Xunta de Galicia estea retrasando o aparcadoiro e explicou que “para solicitar algo é necesario presentar a documentación”. O delegado territorial da Xunta recordou que o alcalde Abel Caballero, en setembro do ano pasado , anunciou a construción dun aparcadoiro municipal para o hospital que, segundo dixo naquela ocasión, estaría rematado na primavera de 2016. Sen embargo, e coma explicou, foi tan só hai unhas semanas – concretamente o 9 de xuño – cando o Concello presentou o proxecto.  Recordou ademais que dende a Consellería de Infraestruturas se lle solicitara previamente, e  ata en dúas ocasións: 9 de novembro e 4 de decembro, que presentase o proxecto.

 

O delegado territorial da Xunta afirmou que este “retraso de 7 meses”, desde o 9 de novembro, manifesta que existe “unha vontade, por parte de Caballero, de retrasar deliberadamente a construción deste aparcadoiro”. “Foi máis rápido construír o hospital Álvaro Cunqueiro que o aparcadoiro que tiña que facer o Concello de Vigo”, insistiu o delegado. López-Chaves recordou que dende a posta en marcha do hospital xa se puxeron de manifesto melloras sanitarias e de equipamentos e tamén se reduciron as listas de espera. O único que falta é o aparcadoiro disuasorio que xa se contemplaba no proxecto sectorial, pero que o Concello “non construíu”.

 

A XUNTA REMÍTELLE AO CONCELLO DE VIGO UNHA PROPOSTA DE CONVENIO DE COLABORACIÓN PARA FINANCIAR CON 260.000 EUROS AO ANO A MELLORA DO SERVIZO MUNICIPAL DE AUTOBÚS A PEINADOR

  • 160803 EthelVazquezVigoSalienta que a Xunta está a traballar con intensidade para ofrecerlles aos veciños de Vigo o mellor servizo de bus ao aeroporto, para que lle sexa máis doado chegar a Peinador empregando o transporte público
  • Sinala que a Xunta promocionará este servizo no marco do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, facilitando máis e mellor información aos cidadáns e impulsando un billete directo entre os diferentes modos de transporte
  • Destaca que o servizo deberá ofrecer frecuencias e horarios axeitados e conectar a estación de autobuses, marítima e as dúas de ferrocarril
  • Dende o Goberno galego tamén destacan como obxectivo primordial un mínimo de 18 expedicións diarias con orixe e destino na terminal aeroportuaria, todos os días da semana, dando servizo aos voos comerciais
  • A conselleira subliña que o servizo deberá prestarse cun autobús adaptado ao transporte de persoas con mobilidade reducida e con dispoñibilidade de maleteiro interior, para atender as necesidades dos viaxeiros

 

Vigo, 3 de agosto de 2016.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López- Chaves, salientou hoxe nunha rolda de prensa que a Xunta remitiulle ao Concello de Vigo unha proposta de convenio de colaboración para financiar con 260.000 euros ao ano a mellora do servizo municipal de autobús a Peinador.

 

O texto remitido ao rexedor da cidade olívica senta as bases de colaboración entre as dúas administracións – Xunta e Concello de Vigo – para mellorar a conectividade do aeroporto de Peinador, mediante o establecemento dunha nova conexión entre a terminal e os principais modos de comunicación da cidade.  

 

Cómpre lembrar que se trata dunha liña de titularidade municipal e en consecuencia é responsabilidade do Concello de Vigo. Só as liñas de autobús aos aeroportos de         Lavacolla, en Santiago, e de Alvedro, na Coruña, son de titularidade autonómica – pero a Xunta sempre manifestou a súa disposición a cooperar co Concello de Vigo para mellorar este servizo.

 

A titular de Infraestruturas indicou que aínda que esta é unha liña de competencia municipal, a Xunta financiará o servizo de transporte público ao aeroporto de Vigo. Precisou que será a única ruta municipal financiada polo Goberno galego, pero a vontade de ofrecer solucións de calidade aos vigueses e aos usuarios do aeroporto está por riba de todo.

 

Ethel Vázquez subliñou que dende o Executivo autonómico promocionarase este servizo de transporte público ao aeroporto de Vigo no marco do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia. Neste sentido, concretou que se facilitará máis e mellor información aos cidadáns sobre a nova liña a Peinador e impulsarase o establecemento dun billete directo entre os diferentes modos de transporte que facilite o traslado desde distintas localidades de Galicia, coa adquisición dun único billete de transporte.

 

Obxectivos

A conselleira explicou que hai uns obxectivos que son imprescindibles para lograr que o servizo de autobús ao aeroporto sexa do interese dos usuarios: ofrecer frecuencias e horarios axeitados; que os tempos de percorrido sexan atractivos; que os autobuses estean adaptados ás necesidades dos usuarios; e que a liña conecte entre si a estación de autobuses, marítima e as dúas de ferrocarril.

 

A Xunta proponlle ao Concello que incremente a oferta de transporte público ao aeroporto, implantando unha nova liña que garanta a intermodalidade e dea conexión aos principais centros de transporte de Vigo. Trátase dun servizo que debe ser deseñado polo propio Concello e no que cumpra determinadas características que garantan a calidade: a amplitude de horarios para dar servizo ao maior número de voos; e a conexión intermodal, unindo Peinador cos principais nós de transporte (as estacións de ferrocarril Vigo-Urzáiz e Vigo-Guixar, a Estación Marítima e a Estación de Autobuses), pero que tamén os conecte entre si.

 

Dende o Goberno galego tamén destacan como obxectivo primordial que se deberán realizar un mínimo de 18 expedicións diarias con orixe e destino na terminal aeroportuaria, todos os días da semana, dando servizo á totalidade dos voos comerciais; e o servizo prestarase cun autobús adaptado ao transporte de persoas con mobilidade reducida e con dispoñibilidade de maleteiro interior, para atender as necesidades dos viaxeiros.  

 

Diálogo e cooperación

Vázquez Mourelle subliñou que a Xunta está a traballar con intensidade para ofrecerlles aos veciños de Vigo o mellor servizo de bus ao aeroporto, para que lle sexa máis doado chegar a Peinador empregando o transporte público.

 

A responsable de Infraestruturas destacou que o entendemento, o diálogo e a cooperación forman o camiño acaído para dar resposta ás necesidades das persoas. Lembrou que no marco desta cooperación impulsada polo Goberno galego, e sempre a solicitude da Xunta, celebráronse diversas xuntanzas, entre representantes da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta e da Área de Transportes do Concello de Vigo, para abordar e analizar as diferentes propostas.  

 

A Xunta, unha vez recibida a documentación solicitada á Administración local, plantexou a celebración dun novo encontro de traballo para axilizar a toma de decisións e pechar definitivamente a colaboración, unha reunión que dende o Concello non viron conveniente.

150 clientes de dez países asisten á segunda Xornada de Fiscalidade e Oportunidades de Investimento de ABANCA

  • Juan Carlos Escotet Rodríguez sinalou a necesidade de “minimizar riscos sen deixar de aproveitar as oportunidades”
20160803-abanca-jornadasfiscales
De esquerda a dereita, Guillermo Díez Iglesias, decano do Colexio de Economistas de Ourense, e Juan Carlos Escotet Rodrígez, vicepresidente de ABANCA.

 

20160803-abanca-jornadasfiscales-3
De esquerda a dereita, Guillermo Díez Iglesias, decano do Colexio de Economistas de Ourense, e Juan Carlos Escotet Rodrígez, vicepresidente de ABANCA.

 

20160803-abanca-jornadasfiscales-2
Juan Carlos Escotet Rodríguez, no centro da imaxe, cos ponentes e asistentes á Xornada de Fiscalidade e Oportunidades de Investimento para No Residentes celebrada no Centro Social ABANCA da Praza de Cervantes de Santiago de Compostela.

ABANCA celebrou hoxe a segunda edición da súa Xornada de Fiscalidade e Oportunidades de Investimento para Non Residentes, evento de apoio dirixido a clientes da entidade financeira residentes noutros países. O evento, celebrado no Centro Social ABANCA de Santiago de Compostela, reuniu a 150 clientes de orixe española, na súa maioría de Galicia pero tamén de Asturias, León e Madrid, procedentes de dez países de Europa e América.

A Xornada contou coa intervención de Juan Carlos Escotet Rodríguez, vicepresidente de ABANCA, quen á hora de realizar investimentos sinalou a necesidade de “minimizar riscos sen deixar de aproveitar as oportunidades existentes no actual contexto”.

Como bases da relación de ABANCA cos seus clientes non residentes, Escotet destacou o modelo diferencial co que a entidade presta servizo a este colectivo, a súa presenza internacional, que na actualidade esténdese a nove países de Europa e América, e a súa solvencia, unha das máis elevadas do sector.

A Xornada de Fiscalidade e Oportunidades de Investimento de ABANCA ten por obxectivo ofrecer aos clientes non residentes da entidade apoio en materia fiscal e de investimento para a adecuada planificación e xestión do seu patrimonio. Entre outros asuntos, o evento tratou o novo marco de transparencia na información financeira, a fiscalidade dos investimentos financeiros, os requisitos para a xustificación da non residencia, a fiscalidade das sucesións, as oportunidades para a realización de investimentos económicos e financeiras en España e o control dos investimentos.

Entidades colaboradoras

No deseño e organización da Xornada de Fiscalidade e Oportunidades de Investimento para Non Residentes, ABANCA contou coa colaboración do Consello Galego de Economistas, o Consello Xeral de Economistas, o Colexio de Economistas de Ourense e a Confederación Empresarial de Ourense.

O DIRECTOR XERAL DE INCLUSIÓN SOCIAL DESTACA A FORMACIÓN COMO “UNHA DAS MELLORES ARMAS PARA LOITAR CONTRA A EXCLUSIÓN” NA ENTREGA DE DIPLOMAS DA FUNDACIÓN AMIGOS DE GALICIA

  • image5A Xunta de Galicia investiu nesta asociación un total de 150.943,97 euros no durante o curso 2015-2016

 

A Pobra de Caramiñal (A Coruña), 3 de agosto de 2016.- O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, asistiu á entrega de diplomas da Fundación Amigos de Galicia do curso de operario de conservas financiado pola Consellería de Política Social cun importe de 18.120 euros. No acto, o director xeral sinalou cara a formación como “unha das mellores armas para loitar contra a exclusión social” e incidiu en que as “melloras educativas son o vehículo ideal para mellorar a calidade de vida das persoas”. Nesta liña insistiu en que a formación orientada ao traballo é “un dos piares básicos na inserción daquelas persoas que se atopan en situación de risco ou exclusión social”.  

 

Arturo Parrado valorou o gran labor de acción social que leva a cabo a Fundación de Amigos de Galicia, e gabou o seu traballo en prol da inserción laboral e da integración social das persoas que máis o precisan. Así destacou o curso de operario de conserva que foi impartido a persoas da zona do Barbanza, co fin de conseguir a súa integración laboral no principal sector da zona, o conserveiro. Todas as persoas que participaron neste curso foron derivadas polos Servizos Sociais dos concellos da comarca.

 

Deste xeito, o director xeral de Inclusión Social lembrou que a Xunta de Galicia investiu nesta asociación un total de 150.943,97 euros no durante o curso 2015-2016. Ademais do curso xa citado, a Xunta de Galicia subvencionou o curso de restauración de mobles; o plan de cobertura de necesidades básicas a familias en situación de carencia de recursos; información sobre recursos e prestacións ás persoas inmigrantes e máis itinerarios para persoas en risco de exclusión e persoas inmigrantes.