Archivo | agosto 9, 2016

XUNTA DE GALICIA E CONCELLO DE MOS ASINAN UN ACORDO DE COLABORACIÓN PARA A CONSTRUCIÓN DUNHA NOVA ESCOLA INFANTIL

  • _PHG8922O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, avanza que esta escola de 82 prazas e 6 unidades poderá entrar en funcionamento no curso 2017-2018

 

Mos (Pontevedra), 9 de agosto de 2016.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinou esta mañá un convenio de colaboración coa alcaldesa de Mos, Nidia Mª Arévalo Gómez, para a construción dunha nova escola infantil neste concello pontevedrés. Deste xeito, o municipio mosense pasará de ter dúas escolas infantís a tres.

 

O acordo para a construción e equipamento da escola infantil en  Mos, que será xestionada polo Consorcio Galego de Servizos de  Igualdade e Benestar e que será integrada na rede autonómica ‘Galiña Azul’ permitirá, como indicou o conselleiro, que “o número de prazas públicas en escolas infantís no concello se duplique ao pasar de 82 a 164”. O responsable social do Goberno galego apuntou tamén que con esta nova infraestrutura, o concello de Mos “pasará de ter unha ratio de cobertura do 22% ao 44%, superando a media aconsellada pola Unión Europea”.

 

O responsable da carteira social salientou que esta nova escola infantil completará a oferta xa existente xa que na actualidade o concello conta con outras dúas escolas infantís na rede autonómica -A Porteliña e Coto Torrón- de 41 prazas cada unha. “As administracións temos a obriga de axudar á conciliación e ao benestar das familias galegas, a sumar esforzos, porque os nosos nenos e as nosas nenas son a nosa esperanza e o noso futuro”, aseguraba Rey Varela tras a sinatura do convenio de colaboración, ao tempo que subliñaba que “coa construción deste novo equipamento o Concello de Mos situarase como un concello de referencia en canto a número de prazas en escolas infantís en Galicia”.

 

Rey Varela asegurou que esta escola de 82 prazas e 6 unidades poderá entrar en funcionamento no curso 2017-2018. O orzamento previsto será de 1.031.141,55 euros dos que a Xunta de Galicia a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar achegará 800.000 euros e o Concello de Mos os restantes 231.141,55.

 

A XUNTA DE GALICIA ASINA UN CONVENIO DE COLABORACIÓN CO CONCELLO DE A ESTRADA PARA A POSTA EN MARCHA DUNHA ESCOLA INFANTIL

  • reyvarelaaestrada7municipio pontevedrés, José Carlos López Campos, rubricaron esta mañá o documento
  • A futura infraestrutura, de 74 prazas e 5 unidades,  permitirá incrementar a ratio de cobertura recomendada pola Unión Europea ao pasar de 132 prazas sostidas con fondos públicos a 206

 

A Estrada (Pontevedra), 9 de agosto de 2016.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinou esta mañá un acordo de colaboración co alcalde do Concello de A Estrada, José Carlos López Campos, para a posta en marcha dunha escola infantil. Unha infraestrutura que será xestionada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e que será integrada na rede autonómica ‘Galiña Azul’.

 

Tras a firma do acordo para a construción e equipamento da escola infantil estradense, o conselleiro destacou que grazas a esta nova infraestrutura social destinada á infancia, “aumentará a oferta en escolas infantís sostidas con fondos públicos neste concello ao pasar de 132 a 206 prazas, co que A Estrada superará a ratio recomendada pola Unión Europea, que é do 33%, e situarase no 46%”. Así mesmo, Rey Varela gabou o “traballo conxunto dos últimos meses do Concello de A Estrada xunto co Consorcio para sacar adiante un equipamento que será todo un referente en escolas infantís na comunidade”.

 

O responsable da carteira social salientou que esta nova escola infantil completará a oferta existente xa que na actualidade o concello conta cunha escola infantil municipal con 102 prazas cun custo de 300.000 euros anuais, cofinanciados pola Xunta de Galicia, e cunha escola de iniciativa social de trinta prazas.

 

Rey Varela adiantou que esta escola de 74 prazas e 5 unidades poderá entrar en funcionamento no curso 2017-2018. O orzamento previsto será de 1.060.000 euros dos que a Xunta de Galicia a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar achegará 740.000 euros e o Concello de A Estrada os restantes 320.000.

 

Notas Policía Local do Porriño

A POLICÍA LOCAL DO PORRIÑO DETÉN A TRES INDIVIDUOS ACUSADOS DE ROUBAR NUNHA CASA ACHEGADA AO CEMITERIO DE CANS

Axentes da Policía Local do Porriño detiveron, a madrugada do pasado domingo a tres individuos por un presunto delito de roubo con forza. Segundo informa a Xefatura da Policía, os suxeitos foron sorprendidos “in fraganti” logo de que entrasen nunha vivenda achegada ao cemiterio de Cans, tras forzar a pechadura da porta principal da casa.

Foi un veciño quen deu aviso de que había no lugar un “vehículo sospeitoso”, que non era habitual no lugar e do cal baixaron uns individuos que, axiña, entraron na casa.

Logo de facer as primeiras dilixencias, os arrestados foron entregados no cuartel da Garda Civil de O Porriño. O vehículo utilizado polos presuntos ladróns está no depósito municipal a dispor do Xulgado.

DOUS AXENTES DA POLICÍA LOCAL ATENDIDOS POR PROBLEMAS RESPIRATORIOS LOGO DE SOFOCAR UN INCENDIO NUNHA CASA DE TORNEIROS

Este domingo, ao redor das 23:45 horas, unha patrulla da Policía Local do Porriño, alertada polo 112 Galicia, acudiu a unha vivenda da Fase III de Torneiros para sufocar un incendio que empezara na casa, ao parecer debido a un fallo eléctrico.

Ao chegar ao lugar, os axentes comprobaron que había persoas no domicilio e, entrando na mesma, foron quen de apagar, cun extintor, as chamas que se orixinara no interior da casa. Axiña dan aviso aos Bombeiros do Porriño que, minutos máis tarde, chegan á vivenda procedendo a asegurar o inmoble.

Unha vez que se aseguraron de que os moradores da casa estaban en bo estado, os dous axentes tiveron que ser atendidos no Centro de Saúde do Porriño por problemas respiratorios leves que non lles impediron seguir co seu traballo.

Xuntanza da alcaldesa do Porriño co conselleiro de Economía, Emprego e Industria

Xuntanza conselleiro 1A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, acompañada pola concelleira de Emprego, Soledad Girón, entrevistouse este luns pola mañá, en Santiago de Compostela, co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, para tratar varios asuntos relacionados co desenrolo económico e industrial da vila e coa problemática laboral de Frigolouro.

Eva García de la Torre plantexou ao conselleiro varias das necesidades dos polígonos industriais de A Granxa e As Gándaras, en especial o arranxo e mellora de infraestructuras de os mesmos, e a “axilización” dos distintos trámites legais que deben de cumprir as empresas que queren radicarse neles.  

A alcaldesa agredeceu o interese de Francisco Conde, o seu coñecemento desta circunstancia e a súa disposición a que as partidas orzamentarias xa previstas para acometer estas melloras, sexan transferidas unha vez se presenten os correspondentes plans e proxectos de reforma, de xeito que as obras poidan realizarse coa maior axilidade.

Do mesmo xeito, o conselleiro coincidiu na  necesidade de facilitar o máximo posibel a tramitación dos permisos que precisan os empresarios que queiran instalarse no Porriño e, como pediulle a rexedora, ao mesmo tempo considerar as diferentes alternativas para a redución do custe do solo para facer máis “atractiva” a chegada de máis firmas ao concello, ás que “recibiremos con brazos abertos”, subliñou García de la Torre.

Conde e García de la Torre cincidiron na necesaidade de impulsar medidas para a mellora da contratación e a reducion do paro, coma o obradoiro de que na actualidade se está a desenvolver no concello nas especialidades de albanelería e xardinería.

Os alumnos e alumnas que están a participar nesta iniciativa rehabilitarán a escola unitaria de Covelo en Atios e levarán a cabo a restauración medioambiental do Centro de Avistamento de Aves das Gándaras.

A alcaldesa e o consellleiro salientaron a importancia dos obradoiros de emprego que ademais de impulsar a formación de calidade fomentan a colaboración institucional entre Concello e Goberno de Galicia, xa que se levan a cabo coa coordinación da Administración local.

O momento máis intenso da reunión foi o referido ás condicións laborais de Frigolouro que, como indicou García de la Torre, veñen de ser denunciadas, en constantes manifestacións e mobilizacións, polos trabaladores.

O conselleiro, salientou a alcaldesa, garantiu que cada denuncia estaba en mans da Inspeción de Traballo, subliñou que coñecía “polo miudo” as queixas dos empregados, posto que moitas delas chegaron á Consellería, e asegurou que estas denuncias seguirían os seu trámite legal.

Pola súa banda, a rexedora sinalou que hai unha evidente precarización do emprego, coa redución de traballadores con contrato laboral fixo que foron substituidos por autónomos que, “como veñen alertando, están nunhas condicións laborais moi precarias, duras e difíciles” nas que dependen dunha empresa interposta que establece uns requisitos “intolerabeis”.

En base a isto, García de la Torre incidiu na necesidade de unha maior vixiancia para que non se empreguen fórmulas contractuais contrarias á lei e que, obrigatoriamente, se respecten os dereitos dos traballadores dunha industria que leva moitos anos no Porriño e que, lembrou a alcaldesa, ocupa chan municipal nunha zona na que limita o desenrolo urbanístico.

 

A DIRECCIÓN XERAL DE XUVENTUDE, PARTICIPACIÓN E VOLUNTARIADO PON EN VALOR A MOCIDADE GALEGA CUNHA INICIATIVA EN FACEBOOK E TWITTER PARA CONMEMORAR O DÍA INTERNACIONAL DA XUVENTUDE

  • O obxectivo desta acción é dar a coñecer esta efeméride, que se conmemora en todo o mundo o vindeiro venres día 12, ao tempo que se fomenta a participación activa da mocidade a través das redes sociais

 

Santiago, 8 de agosto de 2016.- A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pon en marcha hoxe unha iniciativa nas redes sociais con motivo do Día Internacional da Xuventude, que se conmemora o vindeiro venres día 12. O obxectivo é dar a coñecer esta efeméride ao tempo que se fomenta a participación activa da mocidade a través das redes socias.

 

Deste xeito, durante os vindeiros cinco días os seguidores nos perfís das redes sociais da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado recibirán catro imaxes ao día representativas da mocidade galega, xunto a frases motivadoras de grandes líderes e escritores. Asemade, recibirán información sobre as conclusións do Plan Estratéxico de Xuventude Galicia 2014-2016. As imaxes irán acompañadas dos hashtags #Xuventude12A e #YouthDay. Con este último conmemorarse a devandita xornada a nivel internacional. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado conta con 22.500 seguidores nos seus perfís institucionais nas redes sociais, dos que 14.000 son en facebook e 8.500 en twitter.

 

O Día Internacional da Xuventude celébrase todos os anos o 12 de agosto dende 1998, tras unhas resolución das Nacións Unidas. O programa anima aos mozos e mozas de todo o mundo para organizar actividades que creen conciencia sobre a situación da xuventude do seu país. O tema do Día Internacional deste ano é “O camiño a 2030: erradicar a pobreza e lograr un consumo e unha produción sostibles”.