A CAMPAÑA MÁIS CLARO AUGA CHEGA A VIGO PARA CONCIENCIAR AOS CIDADÁNS SOBRE O CONSUMO RESPONSABLE DESTE RECURSO
Esta mañá instalouse na cidade olívica un expositor informativo para proporcionar consellos sobre o aforro de auga
- Tamén se distribuíron redutores de caudal, para fomentar a redución de consumo deste recurso
- As principais recomendacións de aforro son sinxelas, como revisar que as billas pechen ben, lavar os dentes ou fregar a louza coa billa pechada; ou instalar nas billas dispositivos de aforro de auga
Vigo, 12 de agosto de 2016.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio presentou esta mañá na cidade de Vigo a campaña Máis claro auga, coa que se fai fincapé na necesidade de facer un uso responsable da auga. A secretaria territorial da Xunta en Vigo, Yolanda Lesmes, visitou esta mañá o expositor informativo instalado na intersección entre a rúa Príncipe e Urzáiz, onde sinalou que o obxectivo primordial desta iniciativa é informar aos cidadáns de cómo poden contribuír ao aforro de auga no seu día a día. O expositor informativo proporcionará consellos para o aforro de auga e distribuiranse redutores de caudal.
Neste sentido, destácanse pequenas accións tan sinxelas como revisar que as billas pechen ben, lavar os dentes ou fregar a louza coa billa pechada, pechar a chave de paso en períodos como o verán, no que se deixan de usar as vivendas habituais; ou instalar nos billas dispositivos de aforro de auga.
Con esta iniciativa a Xunta de Galicia pretende concienciar á cidadanía da importancia de non desperdiciar a auga, xa que ademais de traducirse nun aforro importante de cartos para familias; garante a dispoñibilidade de auga a medio prazo, e é vital para a preservación dos hábitats e ecosistemas fluviais.
A campaña divulgativa con información na rúa insírese nunha acción de Goberno encamiñada a acadar un aforro deste recurso natural. A campaña destaca ademais, en contra do que se poida pensar, a idea de que en Galicia non sobra a auga, polo que é importante que cidadáns e administracións asimilen esta realidade e compartan a preocupación.