O paro baixa no Porriño das 1.900 persoas por primeira vez en sete anos
O paro baixou o mes de agosto en O Porriño, unha caída que se suma ás 118 persoas que atoparon traballo en xullo, 67 en xuño, 41 en maio ou 46 en abril e que supón que o número de porriñesas e porriñeses desempregados sitúase, a día 31 do mes pasado, en 1.896, por debaixo das 1.900 persoas por primeira vez dende hai 7 anos.
Dacordo cos datos sobre a evolución do paro do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, dende que actual Goberno local tomara posesión, o paro en O Porriño reduciuse en 243 persoas, pasando de 2.139 desempregados en xuño de 2015 a 1.896 a finais de agosto deste ano.
Esta baixada, que prolongouse durante un mes especialmente malo para o emprego coma o de agosto-hai que lembrar que no conxunto do Estado medrou en máis de 14.000 persoas- , deixa a porcentaxe de desempregados na vila no 21,4%, tres puntos menos que cando comezou o actual mandato municipal.
No que vai de 2016, o número de parados descendeu no concello do Porriño en 209 persoas, dos 2.105 veciños que estaban na procura de traballo a principios de xaneiro aos 1.896 que están anotados na oficina de emprego na actualidade.
Un mes máis, a alcaldesa, Eva García de la Torre quere coller esta baixado no desemprego do Porriño con moita prudencia e subliña que a aposta do Goberno local na loita contra o paro seguirá sendo a formación, con máis cursos, actividades e propostas que melloren a empregabilidade das veciñas e veciños que están buscando traballo.
Asimesmo, o Concello seguirá incrementando a cooperación coas empresas radicadas na vila, de xeito que esa formación se achegue ás necesidades de persoal destas firmas e, como ven de facer o Goberno municipal dende o primeiro día, facilitar, potenciar e favorecer a actividade económica do comercio local como base da economía porriñesa.
“Os Atallos non serven para nada”
A Plataforma de Afectadas e Afectados pola Anulación do PXOM de Vigo e en Defensa da Legalidade Urbanística – SOS PXOM desexa facer pública a seguinte análise sobre a Resolución do Consello Consultivo de Galicia:
Entende SOS PXOM que os responsables de conducir o urbanismo do Concello de Vigo fracasaron estrepitosamente ao intentar buscar un atallo tramposo para intentar saltarse “á toureira” a Avaliación Ambiental Estratéxica aplicable ao Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo, anulado por sentenza do Tribunal Supremo de data 10 de novembro de 2015.
Para SOS PXOM a escusa esfarrapada que consideraba impracticable ou imposible o trámite da Avaliación Ambiental Estratéxica desembocou de xeito determinante na definitiva nulidade do plan impugnado e iso porque, no seu momento, non se puideron demostrar os motivos esgrimidos para a exoneración da devandita Avaliación Ambiental Estratéxica.
SOS PXOM comparte a argumentación do Consello Consultivo de Galicia e opina que a proposta presentada polo Concello de Vigo no seu escrito, suporía a conservación dos trámites e dos traballos de elaboración do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo, así como o mantemento do propio contido do plan anulado, e á súa vez, das distintas situacións xurídicas derivadas ou nadas ao seu abeiro. Pensamos desde SOS PXOM que iso suporía unha aberración xurídica e desembocaría, tarde ou cedo, en novos problemas de legalidade e de inseguridade xurídica.
Para SOS PXOM a razón da estimación do recurso de casación estribou no incumprimento flagrante do trámite de Avaliación Ambiental Estratéxica ao non estar debidamente xustificada a inviabilidade de devandito trámite sobre a imprescindible avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente.
Para SOS PXOM, como salienta o Consello Consultivo de Galicia, non nos atopamos ante un vicio de legalidade (anulabilidade), senón de nulidade radical. SOS PXOM comparte a visión de que se produciu un vicio de nulidade da Lei 30/92 que implica a nulidade de pleno dereito do PXOM de 2008.
SOS PXOM desexa facer fincapé na necesidade de que o Concello de Vigo abandone as manobras de prestidixitación urbanística e se poña ao choio para redactar un novo PXOM. Non podemos perder máis tempo.
A Plataforma de Afectados pola Anulación do PXOM e en Defensa da Legalidade Urbanística – SOS PXOM considera que os atallos xurídicos e as argucias legais non serven para nada e en consecuencia non pode ser amparada legalmente -baixo ningún concepto- a emisión, mediante nova decisión da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, da pretendida declaración de inviabilidade da Avaliación Ambiental Estratéxica do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Vigo e por iso hai que ser extremadamente escrupulosos na redacción e aprobación do futuro PXOM que a cidade necesita.
En Vigo a 3 de setembro de 2016
Equipo de Comunicación de SOS PXOM