A XUNTA E A VALEDORA DO POBO AMPLÍAN A COLABORACIÓN FRONTE AOS DESAFIUZAMENTOS PARA REFORZAR A ATENCIÓN ÁS FAMILIAS EN RISCO DE DESALOXO POR IMPAGO DO ALUGUEIRO

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vzquez, asinar un convenio en materia de vivenda coa Valedora do Pobo, Milagros Otero.
Ethel Vázquez e Milagros Otero asinaron hoxe un novo convenio destinado a priorizar a atención por parte do Goberno galego ás persoas que acudan á Valedora do Pobo por problemas relacionados co dereito á vivenda
- A conselleira salienta a importancia de establecer unha canle de comunicación directa coa Valedora do Pobo para “garantir unha resposta áxil e proporcionarlles a aquelas persoas que teñen dificultades solución rápidas e eficaces”
Santiago, 6 de setembro de 2016.- A Xunta e a Valedora do Pobo ampliarán a súa colaboración fronte aos desafiuzamentos co obxectivo de reforzar a atención ás familias que afrontan un risco de desaloxo da súa vivenda habitual por non pode pagar o alugueiro. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez Mourelle, e a Valedora do Pobo, Milagros Otero, asinaron hoxe un novo convenio priorizar a atención por parte do Goberno galego ás persoas que acudan a esta institución por problemas relacionados co dereito á vivenda.
En virtude deste acordo, a Xunta recibirá información directa e prioritaria sobre aqueles procedementos de desafiuzamentos por execución hipotecaria e que teñen que ver coa falta de pago das rendas do aluguer dos que teña constancia a Valedora do Pobo. O convenio dá continuidade ao marco de colaboración que veñen mantendo ambas institucións desde maio do ano pasado, co que a Valedora facilitaba información sobre os diferentes casos que lle chegan de afectados por execucións hipotecarias.
Ethel Vázquez remarcou que “o convenio que hoxe firmamos consolida este maior ámbito da colaboración e de movemento de información para os supostos de impago de renda de aluguer” e puxo o acento na importancia de establecer unha “canle de comunicación directa” entre a Xunta e a Valedora do Pobo para garantir “unha resposta áxil e proporcionarlles a aquelas persoas que teñen dificultades solucións rápidas e eficaces” en relación coa vivenda.
Segundo sinalou, para o Goberno galego, esta é unha materia “absolutamente prioritaria”, xa que é imprescindible garantir o dereito constitucional á vivenda e ofrecer solucións a aquelas persoas e familias que poidan estar en risco de perder o seu fogar.
O acordo que se renovou hoxe garante para os afectados a mellor atención e información sobre os seus dereitos e sobre as medidas postas en marcha pola Xunta ás que poden acollerse como o conxunto de 12 programas e actuacións do Goberno galego destinados a atallar os desafiuzamentos e a apoiar ás persoas en risco de exclusión residencial.
Vázquez Mourelle destacou que o Executivo autonómico “pretende, sobre todo, dar unha resposta áxil, proporcionar a aquelas persoas que teñen dificultades solucións rápidas e eficaces ás súas necesidades de vivenda, para isto, a Valedora do Pobo comprométese a trasladarnos a información da que dispón correspondente a consultas que teña recibido nesta materia”.
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda destacou que “a Xunta examinará os datos ofrecidos para dirixirnos ás familias afectadas co fin de atendelas de xeito inmediato e ofrecerlle a posibilidade de acollerse a aquelas medidas que resulten máis axeitadas a cada caso”.
En definitiva, “Xunta e Valedora do Pobo ratificamos a nosa aposta e a nosa vontade de seguir traballando conxuntamente na loita contra os desafiuzamentos; para evitar que en Galicia haxa familias que poidan quedar sen fogar por motivos económicos”.
O PROGRAMA DE VOLUNTARIADO AMBIENTAL DA CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL REVALORIZA O PARQUE NATURAL DO MONTE ALOIA (TUI)
- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou hoxe as actividades que se están a desenvolver en dito entorno e agradeceu a implicación dos 18 voluntarios e voluntarias no coidado e difusión dos valores medioambientais
Tui (Pontevedra), 6 de setembro de 2016.- O Parque Natural do Monte Aloia acolle durante este mes de setembro a grupos de cidadáns voluntarios que, dirixidos e coordinados polos técnicos de Medio Ambiente, colaboraron en labores como limpeza e posta en valor de rutas, eliminación de plantas alóctonas ou información aos visitantes. En total son 18 as persoas voluntarias que participaron nas tres quendas de Tui.
Esta iniciativa forma parte do programa de Voluntariado Ambiental na Rede de Parques Naturais de Galicia que organizan de forma conxunta as Consellerías de Medio Ambiente e Política Social. Ademais das quendas no Monte Aloia, o programa tamén se desenvolveu no mes de xullo nas Fragas do Eume, O Invernadoiro e O Xurés, en agosto en Corrubedo e en setembro haberá actividade voluntaria en Enciña da Lastra. Ademais, este mesmo programa tamén permitiu a celebración de dous Campos de Traballo internacionais, un en Corrubedo entre o 20 e o 31 de xullo e outro no Xurés (Muíños) do 16 ao 27 de agosto.
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou hoxe as actividades de voluntariado no Monte Aloia e agradeceu a implicación dos voluntarios no coidado e difusión dos valores medioambientais do parque. Cecilia Vázquez, destacou que “este programa permite canalizar, a través do voluntariado, a participación activa dos cidadáns no coñecemento e conservación do noso medio ambiente natural, así como axudar nas tarefas de recuperación dos ecosistemas dos nosos Parques Naturais”.
Os voluntarios teñen cuberta a manutención, o aloxamento, o material necesario para a actividade e contan cun seguro de accidentes e de responsabilidade civil. Ao finalizar a súa participación neste programa, as persoas voluntarias poden obter un certificado acreditativo da acción voluntaria desenvolvida, que será inscrita como experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.