Archivo | septiembre 13, 2016

A XUNTA DE GALICIA ASINA UN CONVENIO DE COLABORACIÓN CO CONCELLO DE VEDRA PARA A POSTA EN MARCHA DUN CENTRO SOCIAL

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinou esta mañá o documento co rexedor coruñes, Carlos Martínez Carrillo

01

  • Ao abeiro deste acordo, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar achegará ao Concello de Vedra unha cantidade máxima de 100.000 euros durante as anualidades 2016, 2017 e 2018

 

Vedra (A Coruña), 13 de setembro de 2016.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá a Casa do Concello de Vedra para asinar un convenio de colaboración co alcalde do municipio coruñés, Carlos Martínez Carrillo. O acordo referendado hoxe ten como finalidade o financiamento das obras de rehabilitación da antiga escola unitaria situada no lugar de Cibrán, parroquia de San Xián de Sales, para Centro Social. Estas obras serán realizadas polo Concello de Vedra. Nas súas verbas, Rey Varela destacou que “a optimización dos recursos locais e autonómicos permiten que as administracións adquiran o compromiso de acadar unha política social axeitada que se adapte as necesidades de cada municipio”.  

Ao abeiro do convenio, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar achegará ao Concello de Vedra unha cantidade máxima de 100.000 euros durante as anualidades 2016, 2017 e 2018 (data na que o convenio quedará sen vigor).

 

A sinatura deste convenio entre Política Social e o Concello de Vedra, dá cumprimento ás competencias do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar de garantir o acceso de todos os galegos e galegas a uns servizos sociais públicos de calidade; incrementar os niveis de cobertura, intensidade e calidade de atención dos distintos servizos e prestacións; e realizar unha distribución efectiva dos servizos e prestacións a fin de dar resposta ás necesidades reais da poboación.

 

Festas do Cristo 2016

ARRANCAN AS ‘FESTAS DO CRISTO 2016’ CUN PROGRAMA QUE ABRANGUE CONCERTOS, TEATRO, FESTIVAIS, CONCURSOS, DANZA, TÍTERES, OBRADOIROS, CONCURSOS E UNHA AMPLISIMA PROPOSTA DEPORTIVA

festadocrsto

Perante 25 días, do 8 de setembro ao 2 de outubro, O Porriño acolle as Festas do Cristo 2016, que este ano teñen unha completa programación que abrangue Concertos, coma os de Mago de Oz,Treixadura, Uxía-que será, ademáis a encargada de ler o pregón o venres día 23, as 9 da noite na Praza Antonio Palacios-, Los Limones, Paula Madero, o Ballet de Mirian Pino, Argonats,  ou a Banda Musical de Arcade.

Tamén haberá numerosas festas por toda a vila, entre elas a da Auga, o sábado 17 ás 6 da tarde; Festa Medieval, Festa na rúa por barrios, ao longo de toda a duración do Cristo; teatro, verbenas, obradoiros, animación de rúa, exposicións; Festival de Jazz&Blues, o Concurso ‘Tes talento?, xigantes e cabezudos, gaiteiros e a danzas das asociacións do Porriño, o monólogo de Luis Lago ou as marionetas de Titiricircus e a Compañía Tanxarina.

O Cristo 2016 complétase con unha amplísima proposta deportiva, co Trofeo de Balonmán ‘Festas do Cristo’,nas categorías cadete xuvenil e sénior; o Campionato Galego de BTT; a Marcha Urbana do Club Patín Porriño; o VI Torneo de Fútbol Festas do Cristo; O Torneo de Futbolín Rías Baixas; Minitenis; Ximnasia Rítmicfa, Atletismo, Kung Fu e ciclismo,coa Festa da Bicicleta, o XXXIX Criterium Festas do Cristo, a tradicional carreira nocturna, e o plato forte, a saída e chegada no Porriño da última etapa da XI Volta Ciclista a Galicia, que fará do 18 de setembro de 2016 un día histórico para a vila.

REY VARELA SINALA QUE A AMPLIACIÓN DA RESIDENCIA DE MAIORES DE MUÍÑOS “É UN DOS FROITOS DA COORDINACIÓN ENTRE A XUNTA DE GALICIA E OS ENTES LOCAIS”

José Manuel Rey Varela asinou un convenio de colaboración co alcalde de Muíños (Ourense), Plácido Álvarez Dobaño

 

11,00 h.-   O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinará un convenio de colaboración co alcalde de Muiños, Plácido Álvarez Dobaño, para a xestión do centro de día. No despacho do conselleiro. foto xoán crespo 13/09/16

11,00 h.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinará un convenio de colaboración co alcalde de Muiños, Plácido Álvarez Dobaño, para a xestión do centro de día. No despacho do conselleiro.
foto xoán crespo
13/09/16

  • Grazas á reforma e ampliación da residencia, esta pasará a ter 59 prazas

 

Santiago, 13 de setembro de 2016.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinou esta mañá un convenio de colaboración co Concello de Muíños, representado polo seu alcalde, Plácido Álvarez Dobaño, para o financiamento das obras de reforma e ampliación da residencia de maiores, situada no lugar de Mugueimes, onde se presten servizos das carteiras de promoción da autonomía e de atención á dependencia. Rey Varela destacou este fito para os maiores do concello ourensán como “un dos froitos da coordinación entre a Xunta de Galicia e os entes locais para coordinar a atención social dos cidadáns galegos”.

 

Na xuntanza, o conselleiro e o alcalde de Muíños debateron acerca do estado deste centro social que o concello comezou a construír en 2006 e que leva funcionando desde 2014. Para esta obra, a Xunta de Galicia concedeu o 90,86% do total do orzamento. En 2013, grazas ao Plan de Desenvolvemento Rural Sostible xestionado por AGADER, a O Goberno galego volveu a colaborar na adquisición de equipamento mobiliario. No momento actual e a través deste convenio, a Xunta de Galicia a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, adquire o compromiso de colaborar co concello ourensán para a reforma e ampliación da residencia de 40 a 59 prazas.

 

Ao abeiro do convenio, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar achegará ao Concello de Muíños unha cantidade máxima de 150.000 euros durante as anualidades 2016, 2017 e 2018 (data na que o convenio quedará sen vigor).

 

Deste xeito e a través da sinatura do convenio, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar dá cumprimento ás súas competencias de garantir o acceso de todos os galegos e galegas a uns servizos sociais públicos de calidade; incrementar os niveis de cobertura, intensidade e calidade de atención dos distintos servizos e prestacións; e realizar unha distribución efectiva dos servizos e prestacións a fin de dar resposta ás necesidades reais da poboación.