O CONSELLEIRO DE POLÍTICA SOCIAL PON EN VALOR OS BENEFICIOS DA CONCILIACIÓN LABORAL NO MARCO DUN ENCONTRO CON XÓVENES EMPRESARIOS DE PONTEVEDRA
José Manuel Rey Varela participou esta mañá nun coloquio con emprendedores da cidade do Lérez e onde a conciliación foi un dos eixes principais do debate
Pontevedra, 15 de setembro de 2016.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acudiu esta mañá a un encontro organizado pola Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra, no que debullou xunto cos asistentes as liñas xerais da Consellería de Política Social en materia de conciliación e impulso do autoemprego. Nesta liña, Rey Varela destacou “o importante que é a conciliación para as persoas pero tamén o importante que é a conciliación para as empresas. Ter empregados e empregadas que poidan conciliar máis, repercute tamén nos resultados empresariais”.
O titular de Política Social lembraba o importante papel que vai xogar o tecido empresarial no Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, un órgano colexiado de asesoramento, colaboración institucional e participación social en materia de demografía no ámbito da Comunidade galega. O observatorio, composto polas administracións públicas e organizacións representativas de intereses económicos e sociais, realizará un seguimento permanente da evolución das dinámicas demográficas, das accións desenvolvidas e dos avances acadados; promoverá foros de discusión e debate; elaborará un informe anual sobre a situación demográfica en Galicia e fomentará calquera outra actuación que se considere necesaria en relación coa dinamización demográfica.
Durante o encontro, Rey Varela tamén felicitou a AJE Pontevedra pola súa labor asociativa na defensa dos intereses das persoas que desexan emprender un negocio por conta propia. A asociación “fomenta o talento do novo emprendedor na sociedade e consolida ás empresas proporcionando os medios técnicos, humanos e loxísticos necesarios; nun marco innovador”, concluíu o titular autonómico.