Convocan novos paros e unha folga para reclamar uns convenios xustos nos centros de chamadas
Segundo explican dende a CIG-Centros de Chamadas, os paros serán de dúas horas en cada quenda os días 22 e 29 de setembro, mentres que a xornada de folga está fixada para o xoves 6 de outubro. Trátase da primeira ocasión na que as protestas pola situación de bloqueo na negociación do convenio estatal non están convocados só a nivel galego.
“Na Galiza os traballadores/as, xunto coa CIG, levan con mobilizacións dende o mes de decembro de 2015, pero malia que a negociación do convenio estatal permanece aberta dende hai 22 meses será a primeira vez que os sindicatos españois convoquen tamén paros e folga fronte á prepotencia patronal”, sosteñen.
Para a central, esta convocatoria vén a darlle a razón. “Até o de agora tivemos que mobilizarnos en solitario fronte ao bloqueo patronal nun convenio de ámbito estatal; xa era tempo de que o sindicalismo español reaccionase”, indican.
Neste senso, lembran que tiñan aprobado unha convocatoria propia para esas datas, “pero fomos convocados/as a unha reunión no servizo de arbitraxe estatal (SIMA), decidindo adherirnos á folga despois de que a patronal realizase unha nova proposta sen mudar a súa posición. “Con todo na CIG mantemos a nosa intención de realizar unha convocatoria propia a nivel galego, nomeadamente ante unha posíbel desconvocatoria por parte dos sindicatos estatais”.
Deste xeito, os paros dos días 22 e 29 de setembro serán das 00.00 ás 02.00 horas na quenda de noite; das 10.30 ás 12.30 na de maña; e das 16.30 ás 18.30 na quenda de tarde. Para o 6 de outubro está convocada unha xornada de folga de 24 horas de duración.
Finalmente, dende a CIG-Centros de Chamadas fan un chamamento aos traballadores/as para que participen de xeito masivo, como até o de agora, nos paros e na folga.
INAUGURACIÓN EXPOSICIÓN XISELA FRANCO Interior, exterior, durante Ciclo PROBLEMÁTICAS. Artistas no relato incompleto
Artistas no relato incompleto, comisariado por Chus Martínez Domínguez para o Anexo do MARCO
Nesta presentación participarán
– Cayetano Rodríguez Escudero, concelleiro área de Cultura, Concello de Vigo
– Anabel González Penín, directora Unidade de Igualdade, Concello de Vigo
– Xisela Franco, cineasta
– Chus Martínez Domínguez, comisaria da exposición
– Iñaki Martínez Antelo, director do MARCO
Encontro-coloquio:
Pola tarde, ás 19.30, terá lugar no salón de actos un encontro-coloquio aberto ao público, entre Xisela Franco e Chus Martínez Domínguez.
XISELA FRANCO
Interior, exterior, durante
23 setembro 2016 – 8 xaneiro 2017
Anexo (vestíbulo principal)
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, en colaboración coa Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo
Ciclo PROBLEMÁTICAS. Artistas no relato incompleto
Comisaria: Chus Martínez Domínguez
A cineasta Xisela Franco (Vigo, 1978) pertence á nova xeración de creadoras que experimentan de xeito libre, diverso e sen prexuízos as metamorfoses do cinema, indagando na intersección cinema-arte contemporánea. Nesta a súa primeira exposición individual, convida ao público do museo a ser espectador de cine, a contemplar o tempo desde a temporalidade propia, a través dunha proxección en tríptico de oito horas de duración, con planos de cámara estática sobre unha paisaxe costeira.
Interior, exterior, durante é un proxecto fundamental na busca emprendida por Xisela Franco para situarse nas marxes dos procesos creativos e expositivos que acompañan ao cinema e á arte, a través dunha cuestión tan complexa como é o tratamento e representación do tempo. Unha viaxe emocional e poética a través de interferencias persoais e creativas, que documentan simultaneamente a contorna interior e exterior da artista: modos de estar no mundo, de observalo, documentalo e interpretalo. Tempo, lugar e acción na problemática da vida.
A CIG convoca unha xornada de folga no sector das ambulancias en protesta pola parálise patronal na negociación do convenio
O paro desenvolverase este venres, 23 de setembro, e afectará a todo o persoal do transporte sanitario urxente e non urxente de Galiza
A CIG ten convocada unha xornada de folga de 24 horas no sector das ambulancias de Galiza para o vindeiro venres, 23 de setembro, en protesta pola parálise na negociación do convenio colectivo do transporte sanitario. Denuncian que a patronal non só non achega ningunha proposta, senón que se escuda na cuestión económica para “non mover nin unha coma do convenio”.
O argumento económico, explicou en rolda de prensa Xesús Pastoriza, Secretario de Transportes da FGAMT-CIG, derívase das propias actuacións das empresas de ambulancias “que gañaron os contratos concursando á baixa”. O pasado ano, o SERGAS adxudicou os lotes do transporte sanitario urxente e este agosto resolveu o non urxente “e practicamente todas as empresas gañaron con ofertas á baixa temerarias, algunhas ofrecendo até un 12% menos do prezo estipulado”.
Como exemplo, expuxo o caso da área de Ferrolterra, onde a UTE que resultou gañadora ofertou unha rebaixa de 300.000 euros no custe total do servizo. “Agora as empresas din que non lles dá para cubrir os custes económicos, pero iso non é culpa nin das condicións do convenio nin dos traballadores e traballadoras”. De feito, AmbuPadrón (na área de Compostela) veuse obrigada a vender a AmbuIbérica “porque non podía afrontar os gastos do servizo” .
Neste senso, Pastoriza tamén apuntou á responsabilidade da administración galega por tolerar que se presenten ofertas á baixas e adxudicar os contratos e este tipo de empresas, “cando sabe que logo tentarán trasladar esta rebaixa ás condicións do seu persoal”.
Xunto a isto, tanto Pastoriza como Néstor Torea, delegado da CIG no sector, denuncian a elevada atomización que se está a producir no sector, xa que para un mesmo contrato poden concorrer multitude de empresas distintas agrupadas nunha unión temporal, chegando a existir casos de UTEs integradas por seis compañías distintas para o mesmo contrato. Esta división, ademais, dificulta a coordinación do persoal (cada un dunha empresa distinta) e “polo tanto, tamén repercute na calidade do servizo que se presta aos usuarios e usuarias”.
Demandas da parte social
As principias reivindicacións da parte social céntranse en catro puntos:
-Restrición do contrato de prácticas. As empresas do sector, indicou Pastoriza, están recorrendo habitualmente a este tipo de contratación que lles permite ter a un traballador ou traballadora durante dous anos cun salario rebaixado no 40%. Este tipo de contratación fomenta a temporalidade, crea dúas escalas salariais entre o persoal e supón un ataque á profesionalización do sector. Ademais, engade Pastoriza, “é un magnífico instrumento da patronal para debilitar a capacidade reivindicativa dos traballadores/as”.
– Limitación no convenio da realización das horas extraordinarias. Un exceso de xornada que afecta especialmente ao persoal cos contratos máis precarios e, polo tanto, con peores salarios.
– Creación da terceira paga extraordinaria, ao igual que xa aparece recollido en boa parte dos convenios colectivos.
– Ligado aos dous puntos anteriores, “e aínda que non é a nosa principal reivindicación”, demándase un incremento salarial “que permita aos traballadores e traballadoras levar un soldo digno sen verse na obriga de ter que facer horas extras a esgalla”.
-Finalmente, outra das cuestións nas que a CIG pon especial acento refírese á prevención de riscos e á saúde laboral. “Este é un sector no que se rexistra un elevado número de lesións músculo-esqueléticas que até agora non están recoñecidas como enfermidades profesionais e polo tanto non son atendidas como tal”.
Mobilizacións na xornada de folga
Coincidindo coa xornada de folga, que afecta tanto ao transporte sanitario urxente como ao non urxente, o persoal vai realizar mobilizacións nas distintas áreas e concentracións nos hospitais de referencia. No caso concreto da Coruña, esta programada unha caravana de vehículos que sairá ás 11:00 horas da explanada do edificio de sindicatos.
Pastoriza advertiu que esta xornada de paro “non é o final, senón o inicio das accións de protesta. É un primeiro aviso de que estamos dispostos a mobilizarnos en defensa dun convenio digno”.
A XUNTA PUBLICA HOXE NO DOG A LICITACIÓN DAS OBRAS DE MELLORA DA TRAVESÍA ENTRE CHAPELA E VIGO, NA ESTRADA PO-323
- A data límite para a presentación de ofertas é o vindeiro día 17 de outubro e o prazo de execución é de 18 meses
- As obras consistirán na primeira fase de reurbanización da estrada ao longo de 1 km e incluirán a renovación das beirarrúas, que serán ampliadas para facilitar o tránsito de peóns nesta zona do Mercado Municipal e da alameda
- Tamén se actuará na intersección, onde se atopa o acceso a Pescanova, para facilitar a saída dos camións
- Este proxecto contempla a mellora da totalidade dos servizos urbanos: a rede de abastecemento, saneamento, alumeado e canalizacións eléctricas
Santiago, 21 de setembro de 2016.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a licitación das obras de mellora da travesía que vai de Chapela a Vigo, a PO-323, na rúa de Vigo, por un importe de máis de 2,3 millóns de euros. No seguinte enlace ao DOG pódese consultar información relativa á citada resolución: goo.gl/aUWsW6
Estas actuacións teñen un prazo de execución de 18 meses e a data límite para a presentación de ofertas é o vindeiro día 17 de outubro.
As obras consisten no redimensionamento e reurbanización das beirarrúas adaptándoas ás normas de accesibilidade,
As obras consistirán na primeira fase de reurbanización da estrada ao longo de 1 km e incluirán a renovación integral das beirarrúas, que serán ampliadas para facilitar o tránsito de peóns nesta zona que é moi concorrida, no contorno do Mercado Municipal e da alameda.
Este proxecto contempla a mellora da totalidade dos servizos urbanos: a rede de abastecemento, saneamento, alumeado, canalizacións eléctricas. Ademais tamén se actuará na intersección, onde se atopa o acceso a Pescanova, para facilitar a saída dos camións.
Cómpre lembrar que se trata dunha actuación, moi demandada e de grande importancia tanto para os veciños da rúa de Vigo, que contarán con beirarrúas máis anchas para facer os seus desprazamentos de xeito máis cómodo e seguro; como para os vehículos que cada día se achegan ata o mercado, que verán mellorado o acceso e reforzada a seguridade.