Archive | septiembre 22, 2016

A XUNTA INICIA AS OBRAS DE REFORZO DE FIRME NA ESTRADA PO-409, EN SALVATERRA DE MIÑO, COA FIN DE MELLORAR A SEGURIDADE VIARIA

 

  • O treito no que se actúa está comprendido entre os puntos quilométricos 0+140 e 0+720 da estrada que une Salvaterra de Miño e A Rañada
  • As actuacións centraranse na rehabilitación da capa de rodadura do citado tramo para acadar un incremento de seguridade viaria na zona
  • O proxecto tamén inclúe a instalación dunha nova rede de saneamento e o repintando de todas as marcas viarias do treito de actuación

 

Salvaterra, 22 de setembro de 2016.- A secretaria territorial da Xunta en Vigo, Yolanda Lesmes Romero, e o xefe do servizo da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) na provincia, Fausto Núñez, acompañaron hoxe ao alcalde de Salvaterra do Miño, Arturo Grandal, para supervisar o inicio das obras de reforzo de firme na estrada PO-409, entre Salvaterra e A Rañada, coa fin de mellorar a seguridade viaria.

 

Estas actuacións que leva a cabo a Consellería de Infraestruturas e Vivenda foron adxudicadas á empresa Arias Infraestructuras por un importe de máis de 243.000 euros. Os traballos teñen un prazo de execución de 6 meses.

22092016_inicioobrapo-409

O treito no que se actuará está comprendido entre os puntos quilométricos 0+140 e 0+720 da estrada PO-409, que une Salvaterra (PO-403) e A Rañada (PO-510).

O obxecto destes traballos é mellorar a capa de rodadura da estrada para acadar un incremento na seguridade viaria. Así mesmo, preténdese analizar o actual funcionamento da rede de evacuación de augas fecais e pluviais co fin de realizar as actuacións necesarias que permitan a súa evacuación e transporte de forma separativa.

As principais actuacións a executar son a instalación dunha nova rede de saneamento (pluvial e fecal); estendido dunha capa de firme de 5 cm de formigón bituminoso en quente; e o repintado de todas as marcas viarias do treito de actuación.

Pregón Festas do Cristo

A CANTANTE UXÍA DARÁ O PREGÓN DAS ‘FESTAS DO CRISTO’ 2016 ESTE VENRES, DÍA 23, ÁS 9 DA NOITE E O DOMINGO ACTUARÁ EN CONCERTO NA PRAZA DE ANTONIO PALACIOS

uxiaEste venres, día 23, ás 9 da noite, na Praza de Antonio Palacos, a cantante Uxía lerá o pregón das ‘Festas do Cristo’ do Porriño, que este 2016 se desenrolarán ao longo de 25 días, do 8 de setembro ao 2 de outubro.

Uxía nada na parroquia de Sanguiñeda, en Mos, o ano 1962, comeza a cantar dende moi nova. A súa carreira empeza oficialmente en 1985, cando gaña o primeiro premio do Festival de Bergantiños. Pouco tempo despois o grupo Na lúa, un dos grandes referentes do folk galego, produce o seu primeiro disco, Foliada de marzo (Edigal, 1986), que recolle a súa querencia pola música popular e a lírica galaico-portuguesa e co que obten o Premio Galego da Crítica.

Na década dos noventa retoma a súa carreira en solitario apoiándose no músico e compositor portugués Júlio Pereira, con quen edita Entre cidades (Sons Galiza, 1991), un paseo emocional polas cidades do mundo en clave literaria, e Estou vivindo no ceo (Nubenegra, 1995), considerado un dos mellores discos da década polas radios públicas europeas. Editouse en Europa, EE. UU. e Canadá e lévaa a súa primeira xira internacional; primeiro por Europa (Alemania, Austria, Italia, Escocia) e, pouco despois, por Cuba e Arxentina. Tras participar en media ducia de proxectos colectivos e xirar por toda a Península con La sal de la vida (Nubenegra, 1997) xunto a Rasha (Sudán), María Salgado (Castela) e Xesús Pimentel, Uxía publica Danza das areas (Virgin, 2000).

Nesta época comeza tamén a crear e dirixir a grupos tradicionais de cantareiras, como Cantadeiras do Berbés ou Malvela, para quen compón e produce os primeiros traballos discográficos. No ano 2005 crea un dos seus proxectos máis destacados, o Festival Internacional da Lusofonía “Cantos na maré”.

O seu quinto disco en solitario faise agardar. Eterno navegar (Harmonia Mundi, 2008), incluido entre os mellores na categoría de world music pola BBC. O sexto álbum decide gravalo en Brasil, nos estudios da editora Biscoito Fino con Jaime Alem (director musical de Maria Bethânia) como produtor. Meu canto (Fol Música, 2011), que conten relecturas de algúns temas históricos da súa carreira xunto con outros inéditos.

Uxía comeza tamén a participar moi activamente en proxectos con música en galego para nenos. Así, produce o disco A nena e o grilo (OQO, 2010) con Magín Blanco, colabora en María Fumaça (Galaxia, 2012) e Xiqui xoque, fiú, fiú! (Galaxia, 2014) e edita os discos Rosalía pequeniña (Galaxia/Sonárbore, 2013).

No ano 2015 crea o selo discográfico Damadriña Edicións, co que autoproduce Baladas da Galiza imaxinaria (Damadriña, 2015) xunto ao músico galego Narf.

Antes do pregón, tamén diante do Concello, actuará o Trío Musical 3.com e, logo do remate da lectura por parte de Uxía, ás 11 da noite, na Praza de San Sebastián, chegará un dos momentos máis agardados destas Festas do Crito, o concerto do grupo Treixadura.

Os seguidores de Uxía e todos os amantes da música terán a oportunidade de escoitala en diercto o domingo, día 25, dende as 10 e media da noite, no concerto que ofrecerá na mesma Praza de Antonio Palacios.

A XUNTA ADXUDICA MÁIS DE 16.000 METROS CADRADOS DE SOLO EN SEIS PARQUES EMPRESARIAIS NAS PROVINCIAS DA CORUÑA, OURENSE E PONTEVEDRA

O Consello de Administración da empresa pública Xestur tamén aprobou a concesión de varias obras nos parques de Quiroga e Taboada en Lugo

 

  • Oito parcelas foron adxudicadas en compravenda, con bonificacións por importe de máis de 600.000 euros

Santiago, 22 de setembro de 2016.- A Xunta, a través do Consello de Administración da empresa pública Xestur acordou adxudicar un total de 16.774 metros cadrados de superficie empresarial nos parques de A Sionlla, Mos, Xinzo de Limia, Ortigueira, Carballo e Melide. O importe total da venda é de 1.075.349 euros, despois de aplicar unha bonificación de 636.469 euros.

 

PARQUE EMPRESARIAL Nº PARCELAS ADXUDICADAS SUPERFICIE

m2

A Sionlla 2 4.286
Mos 1 2.001
Xinzo de Limia 1 3.017
Ortigueira 2 2.776
Carballo 1 3.614
Melide 1 1.080
TOTAL 8 16.774

 

Obras en Quiroga e Taboada

Así mesmo, o consello de Xestur tamén adxudicou os contratos para a realización de obras encomendadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) nos parques empresariais de Quiroga e Taboada, na provincia de Lugo, licitadas no pasado mes de agosto.

 

No caso de Quiroga urbanizarase o polígono D do parque empresarial dado que no mesmo existe demanda de solo e as parcelas urbanizadas están esgotadas.

 

As obras consistirán fundamentalmente na prolongación dun vial xa existente ata o límite do parque empresarial, resultando 11 parcelas destinadas ao asentamento de empresas. A ampliación contará cunha superficie de 15.736 metros cadrados.

 

O importe de adxudicación desta obra é de 196.473,23 euros máis IVE, cun prazo de execución de dous meses.

 

Polo que respecta ao parque empresarial de Taboada, a obra consistirá na electrificación interna e remate do alumeado público, que inclúe as obras correspondentes á eliminación do tendido aéreo de media tensión que afecta ao polígono e posterior construción das infraestruturas necesarias para substituílo, así como a construción dun novo tendido de baixa tensión que garanta o subministro aos veciños afectados.

 

Así mesmo, rematará o alumeado público do parque empresarial coa instalación dos báculos e luminarias que quedaron pendentes en fases anteriores, así como a instalación dun cadro que garanta o servizo. Ademais, contémplase a construción dun aparcamento paralelo á LU-212.

 

O investimento previsto en Taboada é de 106.514,52 máis IVE, cun prazo de execución de tres meses a contar dende o inicio das obras.

 

Mellora do subministro de auga aos veciños de Casal na parroquia de Budiño

manuel-carreraInformamos das obras de mellora do subministro de auga a un cento de veciños do barrio de Casal, na parroquia de Budiño, logo das obras para conquerir que, como viñan esixindo dende hai máis de 10 anos, a auga chegase con presión sufciente ás casas coma para poder usar o quecedor con normalidade ou poder abrir duas billas ao tempo.

A DIRECTORA XERAL DE XUVENTUDE DESTACA A IMPORTANCIA DE INICIATIVA XOVE PARA “POTENCIAR O TALENTO XUVENIL” NA SÚA VISITA AO PROXECTO DE VOLUNTARIADO AMBIENTAL NO MONTE BRANCO

Este proxecto ten como obxectivo concienciar á mocidade da comarca da importancia de protexer os enclaves naturais

  • Cecilia Vázquez destacou que grazas a este programa, “danse as maiores facilidades burocráticas para que que a xuventude galega poida organizar, emprender e impulsar actividades onde os actores principais son eles mesmos, sen intermediarios”

 

Ponteceso (A Coruña), 22 de setembro de 2016.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou en Ponteceso o proxecto de voluntariado ambiental no Monte Branco, sufragado polo programa de participación xuvenil Iniciativa Xove da Consellería de Política Social, que desenvolven os cinco mozos e mozas do grupo informal ‘As píllaras das dunas’.

 

Este proxecto ten como obxectivo concienciar á mocidade da comarca da importancia de protexer os enclaves naturais, ademais de fixar alternativas para un desenvolvemento sostible en zonas como é a do Monte Branco e os seus arredores, de gran interese ecolóxico e paisaxístico. As actividades que levan a cabo este grupo son as de control de especies invasoras e percorridos para observar a flora e fauna existentes. Ademais, tamén realizarán de obradoiros para aprender a utilizar os recursos dun xeito sostible .

 

Para Cecilia Vázquez, “Iniciativa Xove é unha ferramenta que permite descubrir e potenciar o talento xuvenil”. A directora xeral tamén destacou que “este é o primeiro programa de participación xuvenil de todo o Estado no que poden participar tanto asociacións formalmente constituídas como grupos informais de mozos e mozas”. Deste xeito, engadiu, “danse as maiores facilidades burocráticas para que que a xuventude galega poida organizar, emprender e impulsar actividades onde os actores principais son eles mesmos, sen intermediarios”.

 

Con este programa preténdese fomentar a participación da mocidade co propósito de estimular o liderado, a creatividade e o talento xuvenil e, sobre todo, permitir poñer en practica as súas ideas relacionadas cos temas do seu interese. “Iniciativa Xove non lle di aos mozos e mozas o que teñen que facer, se non que lles pide propostas para logo apoialas”, destacou Cecilia Vázquez.

 

Este programa sufraga ata o 100% das iniciativas e proxectos de interese presentados polos mozos e mozas, cun investimento máximo por cada actividade de 5.000 euros. Todas as entidades e grupos aos que se lle conceda a axuda e o solicitasen, reciben un anticipo do 80% sobre o total da cantidade concedida. Isto permítelles financiar o proxecto sen ter que adiantar contías eles mesmos, o que evita que a posible falta de liquidez das persoas novas constitúa un impedimento para a posta en marcha das súas ideas.

 

O DIRECTOR XERAL DE INCLUSIÓN SOCIAL DESTACA O LABOR DE LOITA CONTRA A EXCLUSIÓN QUE LEVA A CABO A FUNDACIÓN JUANSOÑADOR PARA “DIGNIFICAR A VIDA DAS PERSOAS MÁIS NECESITADAS”

 

  • A Coruña O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, realizará unha visita á sede da Fundación JuanSoñador 22/09/2016 Foto Moncho Fuentes / AGN A Coruña

    A Coruña
    O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, realizará unha visita á sede da Fundación JuanSoñador
    22/09/2016
    Foto Moncho Fuentes / AGN A Coruña

    Sinala que a Xunta seguirá apoiando a esta fundación e enumera a gran cantidade de actuacións que a fundación pon á disposición das persoas: acreditación de esforzo de integración, curso de español básico, itinerarios persoais de inserción laboral, emprego no fogar, coidado para bebés, curso de persoas maiores, curso de cociña, informática e internet útil, uso de dicionario, limpeza de superficies, galego útil, alfabetización ou hixiene alimentaria para manipulador de alimentos, entre outros

 

A Coruña, 22 de setembro de 2016.- O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado visitou hoxe a sede herculina da Fundación JuanSoñador. Alí, o responsable da carteira de Inclusión salientou o labor desta asociación “que ten como finalidade facer realidade o dereito das persoas máis necesitadas a unha vida máis digna, centrando a súa actividade nos menores, familias e inmigrantes en situación de risco ou exclusión social”. Do mesmo xeito, Parrado destacou a gran labor da fundación no ámbito social, resaltando os programas que realiza en Galicia para contribuír ao benestar das persoas que máis o precisan.

 

Nesta liña, o director xeral sinalou que a Xunta de Galicia seguirá apoiando a esta fundación no seu obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas que máis o precisan. Deste xeito enumerou a gran cantidade de actuacións e cursos que a fundación pon á disposición das persoas. Concretamente, no exercicio 2016-2017 destaca a acreditación de esforzo de integración, o curso de español básico, itinerarios persoais de inserción laboral, emprego no fogar, coidado para bebés, curso de persoas maiores, curso de cociña, informática e internet útil, uso de dicionario, limpeza de superficies, galego útil, alfabetización ou hixiene alimentaria para manipulador de alimentos, entre outros.

  

Dentro das accións que desenvolve a fundación JuanSoñador, Arturo Parrado salientou o proxecto Teranga, que favorece a plena inserción sociolaboral das persoas migrantes para aumentar a súa calidade de vida, atendéndoas de forma integral e velando pola efectividade dos seus dereitos e deberes, fomentando o traballo en rede con outras entidades e potenciando a interculturalidade como modelo de cidadanía.

 

O CONCELLO COLOCA AS PLACAS DAS RÚAS ADICADAS, HAI ANOS, POLA CORPORACIÓN LOCAL A DON NICANOR OCAMPO E OS IRMÁNS PÉREZ LEIRÓS

rua-nicanor-ocampoAs placas que nomean as rúas adicadas a Nicanor Ocampo e aos Irmáns Pérez Leirós xa están penduradas, dende o xoves pasado, no seu lugar. O concelleiro de Urbanismo, Comercio e Industria, Marcelino Coto, recuperou as mesmas antes de que se perdesen,e cumprindo un acordo, de hai varios anos, aprobado polo Pleno da Corporación do Porriño, ordenou a súa colocación.

A rúa adicada a Nicanor Ocampo pasa preto do lugar onde viviu hai anos, comunicando a Avenida de Galicia e Ramiranes; pola súa banda, a travesía que leva o nome dos Irmáns Pérez Leirós, va de Tarela á Avenida de Antonio Palacios.

Marcelino Coto lembrou a importancia que Nicanor Ocampo, veterinario de profesión tivo para O Porriño. “Don Nicanor non so destacou no seu campo de traballo, senón que tivo unha importancia sobresaínte no desenrolo económico, empresarial e cultural da nosa vila”, sinala Coto, quen lembra a súa capacidade de traballo, a súa adicación ao Porriño dende importantísimos cargos en diferentes empresas privadas, a labor a prol da radicación no concello de destacadas firmas e, a adicación á “nosa vida social e cultural, coma presidente, durante moitos anos, do Círculo Recreativo Cultural.

Polo que atingue aos irmáns Pérez Leirós, o concelleiro salienta “un espírito emprendedor exemplar”, grazas ao cal, partindo de cero, fundaron e desenrolaron “un importantísimo grupo industrial que se espallou dentro e fora do noso concello creando ducias de postos de traballo”.