MARCO Vigo: inauguración XISELA FRANCO

XISELA FRANCOunnamed

Interior, exterior, durante

PROBLEMÁTICAS. Artistas no relato incompleto

Ciclo de exposicións comisariado por Chus Martínez Domínguez

Datas     23 setembro 2016 – 8 xaneiro 2017

Lugar     Anexo [vestíbulo principal]

Horario             Martes a sábados (festivos incluídos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00

Domingos, de 11.00 a 14.30

Produción         MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, en colaboración con

Coincidindo coa xornada inaugural, o venres 23 de setembro ás 19.30 terá lugar no salón de actos unencontro-coloquio aberto ao público entre a cineasta Xisela Franco e a comisaria do proxecto, Chus Martínez Domínguez.

Proxecto gañador convocatoria axudas de produción ARTISTAS 2015

O proxecto de Xisela Franco foi seleccionado como a proposta gañadora da convocatoria de axudas de produción ARTISTAS 2015, unha iniciativa conxunta da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e o MARCO. A convocatoria tiña como obxecto a realización dunha exposición individual como parte da programación do Anexo do MARCO en 2016, concretamente o ciclo Problemáticas comisariado por Chus Martínez Domínguez.

Esta convocatoria de apoio á produción enmárcase no proxecto de visibilización ARTISTAS, que a Unidade de Igualdade ven desenvolvendo dende o ano 2011. Unha iniciativa destinada a apoiar ás mulleres que desexan comezar a súa andaina no campo da arte, facilitando a súa incorporación ao espazo artístico profesional, buscando novas redes de difusión, promovendo e dando visibilidade aos seus traballos, dadas as maiores dificultades que teñen respecto aos seus compañeiros. Esta é a primeira ocasión na que o proxecto se concreta en axudas á produción.

 

A cineasta Xisela Franco (Vigo, 1978) pertence á nova xeración de creadoras que experimentan de xeito libre, diverso e sen prexuízos as metamorfoses do cinema, indagando na intersección cinema-arte contemporánea. Nesta a súa primeira exposición individual, convida ao público do museo a ser espectador de cine, a contemplar o tempo desde a temporalidade propia, a través dunha proxección en tríptico de oito horas de duración, con planos de cámara estática sobre unha paisaxe costeira.

Interior, exterior, durante é un proxecto fundamental na busca emprendida por Xisela Franco para situarse nas marxes dos procesos creativos e expositivos que acompañan ao cinema e á arte, a través dunha cuestión tan complexa como é o tratamento e representación do tempo. Unha viaxe emocional e poética a través de interferencias persoais e creativas, que documentan simultaneamente a contorna interior e exterior da artista: modos de estar no mundo, de observalo, documentalo e interpretalo. Tempo, lugar e acción na problemática da vida.

 

Xisela Franco

Interior, exterior, durante

Interior, exterior, durante é unha película-instalación de 8 horas de duración que mostra un día de contemplación dunha paisaxe costeira galega dende o balcón dunha casa. No visual, unha fiestra ao exterior feita de imaxes meditativas do ámbito dun destino vacacional xunto ao mar, Baiona e a súa ría, presentado en forma de tríptico. No son, o off suxire un espazo fóra de campo que humaniza as estampas marítimas con gravacións cotiás do interior do fogar onde un bebé, a filla da autora, evoluciona na súa aprendizaxe cognitiva dende os 0 aos 3 anos. Se no visual se sucede un día completo, no sonoro desprégase un arquivo cronolóxico de momentos da crianza. O íntimo e o interior do fogar rodean a paisaxe exterior. O invisible dá sentido ao visible, e o audio confróntase coa imaxe para abrazala e outorgarlle concreción e sentido.

A película foi realizada expresamente para o MARCO e instálase nun espazo-cuarto onde se dispoñen dúas fontes sonoras: unha próxima ao fondo da sala onde se sitúa a ventá, o balcón, que reproduce o son ambiente da paisaxe exterior; e outra máis próxima ao centro do cuarto, que alude ao interior do fogar que acolle e educa a un novo ser.

Se o espectador visita a obra a primeira hora da mañá, atoparase probablemente cun amañecer dourado sobre o que a nena balbuce, chora ou emite sons previos á linguaxe verbal. Se se visita a exposición ao mediodía, o sol estará a chegar ao seu cénit e a claridade do ceo azul quedará envolvida co son da nena articulando as súas primeiras palabras. O fóra de campo evoca momentos cotiáns da intimidade familiar relacionados coa aprendizaxe da linguaxe, escenas entre unha nai e unha filla nas que tamén a miúdo aparece o pai. Se o público-espectador entra na película ao final do día, probablemente se tope coa posta de sol, avermellado “solpor”, ou fragmentos do anoitecer, mentres a pequena fala xa con soltura.

Unha viaxe ao interior dos sentimentos de Xisela Franco que utiliza a imaxe e o son como medios de expresión onde articular as súas propias experiencias. A cámara utilizada como escritura para ensaiar o pulso da vida.

http://www.marcovigo.com/content/xisela-franco-interior-exterior-durante

 

PROBLEMÁTICAS. Artistas no relato incompleto

Ciclo de exposicións comisariado por Chus Martínez Domínguez

Lugar: Anexo (vestíbulo principal)

O 29 de abril estreouse un novo ciclo expositivo no Anexo do MARCO, un lugar que dende 2015 foi convertido en sala de proxectos. Seguindo un dos signos distintivos do MARCO, a liña de programación pon especial énfase na produción propia, tanto no que se refire ás obras en si —novas producións realizadas especificamente para este espazo— como ao comisariado —ciclos de exposicións con periodicidade anual. Nesta ocasión, e ao longo de 2016, a crítica de arte e comisaria Chus Martínez Domínguez presenta o ciclo ‘PROBLEMÁTICAS. Artistas no relato incompleto’.

Tomando como punto de partida as circunstancias e realidades problemáticas que se producen na interacción entre as artistas e o sistema da arte, este ciclo achega, a través de catro proxectos específicos, diferentes cuestións da teoría e a práctica artística, concretando as investigacións, conceptos e poéticas sobre as que xiran os traballos de cada unha das participantes.

Un programa articulado nas propostas de Mónica Cabo (Oviedo, 1978), Pascuala Campos de Michelena/Ana Gallego Palacios (Xaén, 1938/Cáceres, 1975), Xisela Franco (Vigo, 1978) e Carolina Bonfim (São Paulo, Brasil, 1982), creadoras de distintas xeracións procedentes das artes visuais, a arquitectura e o audiovisual, que tecerán relatos e accións particulares arredor da representación, a identidade, a política e o territorio, desde unha perspectiva non exenta de humor e crítica, de subversión e memoria. Apenas algunhas cuestións dun longo discurso sobre o traballo das artistas que sempre parece disposto, ou imposto, nun estadio inacabado, en construción e reivindicado.

O Anexo do MARCO convértese na metáfora idónea dos espazos nos que demasiadas veces operan as creadoras; nas marxes, na resistencia, nos cantos do sistema. Este proxecto, non obstante, quere volver preguntar e insistir neses lugares, transformalos en relatos guionizados polas propias artistas, enfrontándose a eles como un escenario no que propor novas realidades, reaccionando fronte aquelas circunstancias que as limitan, condicionan e vulneran. Reflexións transversais en forma de accións dende unha actualidade na que a cuestión de xénero segue a ser problemática.

 

PROBLEMÁTICAS.

Artistas no relato incompleto

Programación e calendario

Mónica Cabo

29 abril – 26 xuño 2016

Pascuala Campos de Michelena/Ana Gallego Palacios

8 xullo – 11 setembro 2016

Xisela Franco

23 setembro 2016 – 8 xaneiro 2017

Carolina Bonfim

20 xaneiro – 26 marzo 2017

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: