A XUNTA AMPLÍA ATA O 31 DE OUTUBRO O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE OFERTAS NO CONCURSO PÚBLICO DE ADQUISICIÓN DE SOLO DESTINADO Á CONSTRUCIÓN DE 1.600 VIVENDAS PROTEXIDAS EN SAN PAIO DE NAVIA

 

  • A ampliación do prazo será valido para terreos nos que non existan vivendas nin construcións anexas

 

  • A Consellería de Infraestruturas e Vivenda dispón de oito millóns de euros para a adquisición de terreos destinados á ampliación do solo residencial neste barrio de Vigo

 

Santiago, 28 de setembro de 2016.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de ampliar ata o 31 de outubro o prazo para a presentación de ofertas para a adquisición de solo destinado á ampliación do polígono residencial de San Paio de Navia, en Vigo, de acordo coa resolución que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia.

 

Con esta ampliación do prazo preténdese facilitar a presentación de ofertas por parte dos propietarios interesados en facelo, tendo en conta o gran número, casuística e tipo de consultas realizadas polos titulares durante o tempo transcorrido dende a publicación da oferta, nas que manifestan a dificultade de obter noutros organismos a documentación que precisan presentar ante a Xunta.

 

Segundo a devandita resolución, a ampliaicón do prazo ata o 31 de outubro será válido para presentar ofertas sobre terreos que carecen de elementos susceptibles de ser valorados e terreos con elementos a valorar unilateralmente pola administración, é dicir, fincas nas que non existan vivendas nin construcións anexas ás mesmas como garaxes, alpendres, etc. No caso de fincas con vivendas e construcións anexas, o prazo de presentación de ofertas rematou o pasado 1 de setembro. A resolución tamén amplía os prazos para a aceptación das ofertas.

 

Os titulares de terreos que acepten a oferta deberán presentar ante o Instituto Galego da Vivenda e Solo un escrito no cal figuren os seus datos persoais e os que permitan identificar a propiedade e coñecer a súa superficie. Para tal efecto, deberanse indicar a referencia catastral e, de ser o caso, os datos rexistrais.

 

No caso de existir, tamén deberán presentar unha relación de elementos presentes nos terreos, como peches, arborados, pozos, emparrados, etc., xunto coa valoración segundo os prezos de ditos elementos que se inclúen na Resolución publicada no DOG do 30 de xuño de 2016.

 

A oferta pública de adquisición de solo prevé un investimento total de oito millóns de euros en 2016. Os terreos valóranse a 126 euros por metro cadrado, ao que haberá que sumar o valor dos elementos existentes nas fincas, como peches, arborado, etc. Este valor é o prezo indicado para a expropiación na resolución do 23 de abril de 2008. Os terreos que non se poidan adquirir por compravenda serán adquiridos a través dun posterior expediente de expropiación.

 

O concurso público de adquisición de solo foi convocado pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda o pasado 30 de xuño a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

Informe ambiental

Por outra parte, a ampliación de San Paio de Navia xa conta co informe ambiental. A  Resolución do 20 de setembro, da consellería de Medio Ambiente, formula o informe ambiental estratéxico da modificación puntual do plan parcial de San Paio de Navia. O Goberno galego rematou esta tramitación en só dous meses e unha semana, por debaixo dos tres meses previstos inicialmente polo departamento autonómico.

 

O procedemento empregado foi o da avaliación ambiental estratéxica simplificada, que incorpora a nova Lei do solo de Galicia para este tipo de plans. Nesta tramitación, a Xunta estudou en profundidade todos os factores que puideran ter algunha repercusión sobre o medio ambiente.

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: