CECILIA VÁZQUEZ ACODE Á POSTA EN MARCHA DE DOUS PROXECTOS IMPULSADOS A TRAVÉS DE INICIATIVA XOVE POR ESTUDANTES DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO
-
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, inaugurará o proxecto do grupo informal Estudantes de odontoloxía, no marco do programa de participación xuvenil Iniciativa Xove. Na facultade de Medicina e Odontoloxía (rúa de San Francisco, s/n).
foto xoán crespo
30/09/16Un deles, do grupo informal Xuristas en acción, ten como obxectivo analizar o papel que xoga a Xuventude no modelo de xestión pública. O outro consiste na celebración de xornadas de vocación odontolóxica por parte de estudantes de Odontoloxía
- Iniciativa Xove é unha ferramenta que permite descubrir e potenciar o talento xuvenil e coa que a xuventude galega pode organizar, emprender e impulsar actividades
Santiago, 30 de setembro de 2016.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou hoxe na posta en marcha de dous proxectos do programa de participación xuvenil Iniciativa Xove impulsados por estudantes da Universidade de Santiago.
O primeiro deles, promovido polo grupo informal Xuristas en acción, ten como obxectivo analizar o papel que xoga a xuventude no modelo de xestión pública. As actividades deste proxecto céntranse na realización de encontros con profesionais destacados no ámbito da función pública, que darán paso a unha mesa de traballo onde os mozos e mozas debaterán sobre o seu papel na política actual.
Por outra banda, a directora xeral tamén participou no proxecto do grupo informal de estudantes de odontoloxía de Santiago, que levan a cabo unhas xornadas de vocación odontolóxica. Con esta iniciativa, os seus promotores pretenden dunha parte aumentar con talleres prácticos as horas de experiencia para exercer a profesión e, por outra, achegar aos alumnos e alumnas de bacharelato a realidade da súa carreira.
Para Cecilia Vázquez, “Iniciativa Xove é unha ferramenta que permite descubrir e potenciar o talento xuvenil”. A directora xeral tamén destacou que “este é o primeiro programa de participación xuvenil de todo o Estado no que poden participar tanto asociacións formalmente constituídas como grupos informais de mozos e mozas”
Deste xeito, “danse as maiores facilidades burocráticas para que a xuventude galega poida organizar, emprender e impulsar actividades onde os actores principais son eles mesmos, sen intermediarios”.
Con esta liña de axudas preténdese fomentar a participación da mocidade, co propósito de estimular o liderado, a creatividade e o talento xuvenil e, sobre todo, permitir poñer en práctica as súas ideas relacionadas cos temas do seu interese, xa que “Iniciativa Xove non lle di aos mozos e mozas o que teñen que facer, senón que lles pide propostas para logo apoialas”, destacou Cecilia Vázquez.
Este programa sufraga ata o 100% das iniciativas e proxectos de interese presentados polos mozos e mozas, cun investimento máximo por cada actividade de 5.000 euros. Todas as entidades e grupos aos que se lles conceda a axuda e o solicitasen, reciben un anticipo do 80% sobre o total da cantidade concedida. Isto permítelles financiar o proxecto sen ter que adiantar contías eles mesmos, o que evita que a posible falta de liquidez das persoas novas constitúa un impedimento para a posta en marcha das súas ideas.