Afundación presenta na súa Sede de Vigo a mostra «Percorrendo a nosa arte. Esencia dunha colección»
A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) presenta mañá unha renovada exposición en torno á súa colección de arte, titulada «Percorrendo a nosa arte. Esencia dunha colección» e que se articula no Espazo Colección da Sede da entidade en Vigo. A rolda de prensa terá lugar ás 11.30 h no devandito espazo e contará coa presenza de Marité Cores, coordinadora da Área de Cultura de Afundación, e de Paloma Vela, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, quen realizará un percorrido informativo pola mostra.
Esta renovada proposta expositiva conta, ademais, cunha completa programación didáctica complementaria, que abrangue desde visitas para estudantes de todos os ciclos educativos (desde infantil ata universidade), ata familias e adultos que concerten previamente unha reserva para «Os xoves da colección».