UN TOTAL DE 500 MOZOS E MOZAS PARTICIPARON NO PROGRAMA ÁGORA XOVE DA CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL
A directora xeral de Xuventude, Cecilia Vázquez, acudiu á celebración do último foro que se celebrou en Betanzos
- A iniciativa creou espazos que facilitaron a participación da mocidade galega na vida social, económica e cultural da comunidade autónoma
- O Ágora Xove celebrado hoxe centrouse no voluntariado, polo que os asistentes puideron participar no intercambio de experiencias e boas prácticas con entidades de acción voluntaria
- O programa Ágora Xove púxose en marcha este ano por primeira vez e os seus foros chegaron ás localidades de Vilalba, Santiago de Compostela, Palas de Rei, Vigo, Ourense, A Estrada e Betanzos
Betanzos (A Coruña), 28 de outubro de 2016.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, clausurou hoxe en Betanzos o programa Ágora Xove, unha iniciativa da Consellería de Política Social coa que se crean espazos que facilitan a participación da mocidade galega na vida social, económica e cultural. En total, celebráronse sete foros en diferentes localidades nos que participaron un total de 500 rapaces e rapazas e 100 relatores.
A temática e o programa de actividades de cada un dos foros foi deseñado en función do ámbito territorial no que se desenvolveu. Deste xeito, o ÁgoraXove de Betanzos celebrado hoxe contou cunha temática baseada no voluntariado.
Ágora Xove-Voluntariado constituiuse como un espazo de encontro entre os mozos e mozas da comarca de Betanzos e as entidades de acción voluntaria que traballan no seu ámbito territorial máis próximo. Ao mesmo tempo facilitou o intercambio de experiencias e boas prácticas entre as propias entidades de acción voluntaria e posibilitou novas liñas de colaboración entre elas.
O encontro deu comezo coa celebración dunha mesa redonda sobre voluntariado e educación non formal que contou cos relatorios de Ana Vázquez, membro do Grupo de Investigación Esculca da Universidade de Santiago de Compostela, e Mercedes Casanova, presidenta provincial de Cruz Vermella en A Coruña.
O Ágora Xove de Betanzos tamén contou cunha biblioteca humana, un novo formato grazas ao cal os participantes poderán ter contacto directo coas persoas que traballan en distintos ámbitos da acción voluntaria; e cun focus group que abordou os retos e desafíos no eido.
Cecilia Vázquez, destacou que “con iniciativas como esta, pretendemos establecer espazos de encontro, de coñecemento, de información e tamén de formación en habilidades, co obxectivo de fomentar a participación da mocidade”. Así mesmo, definiu os Ágora Xove como “espazos abertos para a creación de oportunidades mediante o intercambio e posta en común de ideas novidosas”.
O programa Ágora Xove púxose en marcha este ano por primeira vez e os seus foros chegaron ás localidades de Vilalba, Santiago de Compostela, Palas de Rei, Vigo, Ourense, A Estrada e Betanzos.