Archive | noviembre 15, 2016

Iniciación curso Torneiro-Fresador con prácticas en empresa

torneiroA Concellería de Emprego ven de poñer en marcha, logo dun longo e dificultoso proceso, un ‘Curso de Torneiro-Fresador’ de 100 horas de duración, que empezará este mesmo mércores, día 16 de novembro, e rematará o vindeiro 21 de decembro.

Coma sinala a concelleira, Soledad Girón, o curso de Torneiro-Fresador é, sen dúbida, o máis demandado, tanto é así que so foi posible atender 12 das máis de medio cento de solicitudes presentadas, “polo cal xa estamos proxectando facer outro nos vindeiros meses”.

Os asistentes a este curso, organizado integramente polo Concello, que se impartirá no Multiusos de Torneiros de 4 e media da tarde a 9 da noite, terán 70 horas teóricas, os luns, mércores e venres, e 30 horas prácticas, os martes e xoves, nunha empresa radicada no Porriño.

Ademais, dende o pasado día 10, organizado tamén pola Concellería de Emprego e impartido por persoal especializado da Fundación Laboral da Construción, deu comezo un curso sobre Prevención de Riscos Laborais.

No mesmo, que terá unha duración total de 60 horas, ata a súa finalización o 15 de decembro do mes que ven, participan 25 alumnos, que reciben a formación, tamén no Centro de Torneiros, de 9 da mañá a 2 da tarde.

Xuntanza alcaldesa cos deputados Guillermo Meijón e Dolores Galovart

alcaldesa-e-deputadosA alcaldesa recibiu este luns aos deputados por Pontevedra no Congreso, Guillermo Meijón e Dolores Galovart, para tratar dos temas máis importantes que afectan na actualidade a O Porriño e que poden ser expostos polos dous parlamentarios na Cámara baixa.

Eva García de la Torre, subliñou como “esencial” a eliminación do paso a nivel do tren do centro da vila e obtivo o compromiso dos deputados de expor unha pregunta ao ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, en que punto está o estudo e o proxecto da ‘Saída Sur de Vigo’ que contempla a eliminación do paso ferroviario polo centro do concello. Meijón e Galovart insistirán, ademais, na inclusión dunha partida orzamentaria para acometer esta iniciativa nos vindeiros Presupostos Xerais do Estado para 2017.

Neste eido, García de la Torre expuxo a necesidade de que a variante contemple a creación de apeadeiros nos polígonos industriais porriñeses.

A alcaldesa tamén indicou a importancia de que os Presupostos Xerais contemplen a cesión ao Concello do Porriño do treito da estrada N-120, ao seu paso pola parroquia de Cans. Neste sentido, Eva García de la Torre insistiu na necesidade “irrenunciábel” de que a devandita cesión sexa coa correspondente partida orzamentaria para acometer a humanización correspondente de xeito que “esta zona pase a ser unha rúa máis da vila”.

Eva García de la Torre tamén pediu aos deputados que preguntasen ao Goberno cal é a evolución do número e contía das multas que se puxeron na popularmente coñecida como ‘Autovía Vigo-O Porriño’ entre 2010 e 2016.

A rexedora salientou que “xa está ben de ter aos veciños da zona sur da provincia coma petos, so para recadar sen xustificación, cando en Fomento saben que hai que cambiar canto antes o trazado desta estrada para que non se perda nin unha vida nin os cartos dos contribuíntes”.