REY VARELA REITERA A COLABORACIÓN CON CRUZ VERMELLA GALICIA, CUXO LABOR BENEFICIA A MÁIS DE 165.000 GALEGOS E GALEGAS
O conselleiro de Política Social mantivo unha reunión de traballo con representantes da entidade

O conselleiro de Poltica Social, Jos Manuel Rey Varela, manter un encontro cos responsables de Cruz Roja en Galicia.
- No 2016, o departamento autonómico investiu máis de 2,2 millóns de euros en diversos programas que desenvolve a organización na comunidade
Santiago, 12 de decembro de 2016.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo hoxe un encontro no seu despacho de San Caetano coa presidenta de Cruz Vermella Galicia, Carmen Colmeiro, e outros representantes da organización para trasladar ao titular autonómico as súas actuacións e demandas en materia de inclusión, maiores e infancia. No encontro tamén estiveron presentes a nova directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García, e o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado.
Na actualidade, o departamento social da Xunta de Galicia mantén numerosas vías de colaboración coa entidade, á que neste ano achegou máis de 2,2 millóns de euros destinados aos programas de teleasistencia, familias acolledoras, persoas sen teito, avós coidadores e ao concerto de prazas de atención a menores en Verín e ao centro de Alzheimer en Viveiro. No transcurso do encontro, Rey Varela salientou que “o movemento humanitario que inspira á Cruz Vermella e o benestar de todos os galegos e galegas motiva a nosa colaboración coa entidade”.
Pola súa banda, os representantes da organización destacaron que Cruz Vermella executa máis de 88 proxectos anualmente dos que se benefician máis de 165.000 persoas; e conta con 39 asembleas locais, máis de 5.600 voluntarios, 35.000 socios e 500 traballadores.
O conselleiro de Política Social agradeceu o labor diario de Cruz Vermella en prol dos que máis o precisan na nosa comunidade e destacou que no camiño da consecución da mellora da calidade de vida de todos os galegos e galegas, sempre atoparán á Xunta de Galicia.