Archive | diciembre 18, 2016

Presentación de Cociñando sen muros | Recadación para os bombeiros de Lesbos

  • unnamed-1Oito cociñeiros elaborarán tapas solidarias no evento “Cociñando sen muros” en favor da asociación PROEM-AID (Professional Emergency Aid ) o vindeiro luns no Pazo da Cultura de Pontevedra a partir das 20.00 horas
  • Ademais haberá actuacións musicais a cargo de Nicolás Pastoriza, o cociñeiro Pepe Solla e o sumiller Juanjo Figueroa Treus, nunha maridaxe especial entre gastronomía e música. O fotógrafo Óscar Vifer presentará a súa exposición “Dinghy” sobre a súa viaxe aos campos de refuxiados de Grecia.

Pontevedra, 14 de decembro de 2016.-  O salvamento e rescate das persoas que chegan á Illa de Lesbos é o obxectivo principal da ONG Proem-AID (Professional Emergency AID), entidade que promove o evento solidario “Cociñando sen muros” que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra o vindeiro luns, 19 de decembro a partir das 20.00 horas.
A falta de financiamento foi o motivo principal do replegamento da actividade da ONG na Illa de Lesbos en agosto deste ano. Ata ese momento Proem-AID contou con 80 voluntarios axudando no rescate de máis de 50.000 persoas dende novembro de 2015. Ademais de realizar tarefas de salvamento, colaboran activamente con outras entidades sociais despregadas na zona para a asistencia de persoas dentro dos campos ou a sensibilización ao medio acuático.
Para axudar a paliar esta falta de medios económicos e permitir que os voluntarios de Proem-AID poidan voltar a realizar a súa labor en Lesbos, oito cociñeiros do Grupo NOVE se uniron no evento “Cociñando sen muros”, unha noite gastronómica onde os asistentes poderán desfrutar dun restaurante efémero con algunhas da mellores figuras da cociña nacional.
Os cociñeiros Pepe Solla (Casa Solla), Javier Olleros (Culler de Pau), Iñaki Bretal (Eirado da Leña), Eduardo Prado (Casa Prado), Álvaro Villasante (Paprica), Héctor López (Restaurante España), Antonio Botana (Pandemonium) e Roberto Filgueira (O Balado) elaborarán tapas deseñadas para a ocasión a un prezo simbólico de 5 euros. Todos os fondos recadados se destinarán íntegramente a cubrir os gastos dos operativos desprazados en Lesbos coma o transporte, o equipamento das embarcacións empregadas para o rescate, o aloxamento e a manutención diaria do equipo a partir do mes de xaneiro.
A música será outro dos pratos fortes da velada. O músico vigués Nicolás Pastoriza protagonizará o concerto da noite no que estará acompañado do chef Pepe Solla e do sumiller Juanjo Treus realizando unha maridaxe especial e única entre música e gastronomía.
Por outra banda, o fotoperiodista Óscar Vifer exporá a fotografías do seu traballo “Dinghy” tomadas durante a súa estancia na Illa de Lesbos que reflicten a crueza da situación dos campos de refuxiados e a labor desempañada polos voluntarios de Proem-AID.
Tódalas persoas que non poidan asistir pero queiran colaborar poderán realizar os seus donativos a través da Fila Cero habilitada na conta da asociación ES49 1491 0001 2021 75491022.
O evento conta coa colaboración do Concello de Pontevedra, Mahou, Bodegas Pazo Pondal, CIFP Carlos Oroza e a Despensa Vinoteros.

Manuel Puga é o novo Presidente da Fundación Penzol e substitúe no cargo a Afonso Zulueta de Haz

KODAK Digital Still Camera

KODAK Digital Still Camera

No día de onte reuniuse na Casa Galega da Cultura de Vigo o padroado da Fundación Penzol para programar as actividades do novo ano e dar conta das realizadas en 2016. Nesta ocasión a orde do día contiña un punto especial, a elección dun novo presidente debido ós problemas de saúde de Afonso Zulueta de Haz que leva un tempo imposibilitado para desenvolver o seu cargo.

Ante esta situación, o Padroado, por unanimidade, elixiu para o seu relevo a Manuel Puga Pereira (Redondela, 16 de xullo de 1951) quen agradeceu a confianza depositada na súa persoa e quixo ter unhas palabras de recoñecemento ó seu predecesor. Na súa intervención transmitiu que para el era unha honra, pero tamén un motivo de preocupación por ter o desafío de estar á altura dos anteriores presidentes e da institución.

Manuel Puga é licenciado en Ciencias Biolóxicas e Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela e Doutor en Ciencias. A súa vida profesional desenvolveuse nos primeiros anos na USC para despois incorporarse ó mundo industrial onde foi Director xeral dos Laboratorios Farmacéuticos ICI-Farma e AstraZeneca. No ano 2006 é nomeado Presidente do Consello Social da USC, cargo que desempeñou ata 2014, e consecuentemente membro, entre outras entidades, do Consello Galego de Universidades, do Consello de Dirección da ACSUG ou do comité de honra da Fundación Camilo José Cela.

Foi presidente da Fundación Galicia-Empresa (2002-2007) e preside dende 2014 a Academia de Farmacia de Galicia e a Fundación Julian Francisco Suárez Freire. Dende 2014 forma parte como Vogal Profesional da Comisión Avaliadora da ACSUG no eido do coñecemento de Ciencias da Saúde. E tamén é conselleiro da Editorial Galaxia.

Escribiu múltiples artigos e tamén os libros Ernestina Otero: pedagoga, Redondela eRedondela e os redondeláns na obra de Diego San José. Tamén é autor da publicación das primeiras monografías de medicamentos en galego no Colexio Farmacéutico de Pontevedra.

O Padroado mostrou a súa satisfacción pola aceptación do cargo e acordou nomear a Afonso Zulueta Presidente de Honra.

A Fundación Penzol creouse en 1963 en Vigo coa idea de dotar a cidade dunha biblioteca que entón non tiña. O seu benfeitor, Fermín Penzol, doou o seu arquivo e biblioteca que co tempo se foi arrequecendo con outras achegas. Neste momento a Fundación Penzol conta con 45,000 libros impresos dende o s.XV, 160 libros manuscritos, 287 diplomas en pergameo e papel, 80 documentos de cartografía histórica, 150 metros lineais de documentos de arquivos e uns 2,500 títulos de publicacións periódicas dende o s.XIX. Situada na Casa Galega da Cultura, é punto de encontro de investigadores, alumnado e persoas interesadas pola cultura galega, pois esa foi a idea coa que se fundou e coa se segue traballando dende hai máis de cincuenta anos, agora baixo a presidencia de Manuel Puga que conta con Francisco Domínguez que segue como Director da Penzol.