LÓPEZ-CHAVES MANTÉN UN ENCONTRO COA NOVA XUNTA DIRECTIVA DA ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DO CASCO VELLO DE VIGO, ONDE TRATARON A SITUACIÓN DO APARCADOIRO MUNICIPAL DE PORTA DO SOL
O delegado da Xunta e presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) requiriu ao Concello que poña unha solución ao peche do aparcadoiro municipal para destinalo a residentes coma pediu hai meses
- No transcurso da reunión falaron tamén de asuntos culturais e sociais que organiza a asociación do barrio histórico
Vigo, 11 de xaneiro de 2017.- O delegado territorial da Xunta e presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ignacio López-Chaves, mantivo esta mañá unha reunión coa nova xunta directiva da Asociación Veciñal e Cultural do Casco Vello tras o proceso de renovación que levou a cabo hai unhas semanas.
No transcurso do encontro, un dos principais problemas que trataron e que lle trasladaron os veciños foi a situación do aparcadoiro municipal da Porta do Sol que nestes momentos se atopa pechado dende hai máis dun ano.
O delegado explicoulles que dende o CCVV xa se lle pediu ao Concello que buscase solucións ao respecto posto que é unha das principais cuestións que abordan os novos residentes que van a vivir aos edificios rehabilitados polo organismo, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e no 10% restante polo goberno local. López-Chaves significou así a “preocupación” dos veciños “pola perda de prazas de aparcamento no centro da cidade” e, sobre todo, “para moitos residentes que se atopan na obriga de irse a outras zonas”, segundo lles comentou o colectivo.
O tamén presidente do CCVV volveu a solicitar ao Concello de Vigo que ofreza unha solución a este problema xa que, agora mesmo e tras a reversión da concesión a finais do ano 2015, o aparcadoiro de Porta do Sol “é municipal e non temos noticias do que se vai a facer”. “Ter un aparcamento pechado no centro de Vigo non axuda para nada a afianzar o traballo do Consorcio e a chegada de nova poboación”, considerou López-Chaves, que falou cos veciños do barrio de varias alternativas e solucións a este problema pero que todas elas pasan por un acordo co goberno local. “Está nas súas mans”, dixo.
Entre as opcións que explicou aos medios, existe a posibilidade de que o Concello saque unha nova concesión do aparcadoiro “cun número de prazas suficientes” para residentes; que faga unha xestión directa do mesmo e o ceda a un colectivo ou á propia asociación veciñal para os residentes ou, por último, que o cedese ao Consorcio para destinalo despois a residentes. Todas estas alternativas, dixo, buscan un único obxectivo: que os veciños e veciñas do Casco Vello teñan aparcamento a prezos razoables. “Existen múltiples solucións pero pasaron 16 meses e soamente hai pouca dilixencia por parte do Concello. O único que non é admisible é que a día de hoxe estea pechado”, considerou o delegado e presidente do organismo.
Por último, e a maiores deste asunto, a nova xunta directiva do colectivo veciñal trasladoulle tamén a López-Chaves outros temas de ámbito cultural e social que se organizan dende a asociación e que buscan a colaboración da Administración autonómica.