A XUNTA CONVOCA A COMISIÓN DE SEGUIMENTO DO PLAN DE TRANSPORTE METROPOLITANO DE VIGO PARA ABORDAR O PROCESO DE INTEGRACIÓN DO AUTOBÚS URBANO
Á xuntanza, que terá lugar o martes, están chamados os representantes dos 13 concellos que forman parte da área de transporte, incluído Vigo, que asinou o convenio de adhesión o pasado xullo
- O Goberno galego e o Concello de Vigo asinaron o pasado mes de xullo o acordo para a integración do ‘Vitrasa’ ao programa, sen que se teña feito efectiva ata o momento
- Unha vez que o alcalde de Vigo manifestou onte a súa conformidade coa aplicación práctica do convenio asinado, a Xunta agarda que remita, canto antes, os dispositivos de cobro homologados para o funcionamento da tarxeta de Transporte Metropolitano no autobús urbano
Santiago, 13 de xaneiro de 2017.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, vén de convocar a Comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano da Área de Vigo co obxectivo de abordar nese foro o estado do proceso de incorporación do autobús urbano da cidade olívica.
A xuntanza terá lugar o vindeiro martes ás 10.30 horas na Delegación Territorial da Xunta, e á mesma están convocados os alcaldes dos 13 concellos que forman parte da Área de Transporte: Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Soutomaior, ademais de Vigo, que asinou a súa incorporación ao Plan.
Entre os obxectivos do encontro está o de facer balance sobre o funcionamento deste plan social de transporte público posto en marcha pola Xunta de Galicia e 12 concellos en abril do ano 2015.
Xunto con isto, o asunto principal que se abordará na reunión é o proceso de incorporación do autobús urbano ao Plan de transporte metropolitano, tendo en conta que o Concello de Vigo e o Goberno galego asinaron un convenio con ese fin o pasado mes de xullo e esa integración non se fixo efectiva ata o momento.
Logo de que o alcalde da cidade, Abel Caballero, manifestara onte publicamente a súa conformidade coa aplicación práctica do convenio, o Goberno galego trasladará na xuntanza que o proceso está pendente de que o Concello de Vigo e a empresa concesionaria do seu transporte urbano remitan á Xunta os dispositivos de cobro homologados para o funcionamento da tarxeta de Transporte Metropolitano de Galicia no autobús urbano e proceder a súa validación.
A XUNTA IMPULSA OS ESPAZOS XOVES E RESIDENCIAS XUVENÍS COMO FOROS DE PARTICIPACIÓN E EMPODERAMENTO DA MOCIDADE
A iniciativa permite dotar dunha programación regular e ampla de actividades estes centros distribuídos pola xeografía galega durante todo o ano con charlas e obradoiros prácticos, asesoramento de proxectos, organización de eventos de networking ou talleres para o desenvolvemento persoal e profesional da xuventude, entre outras accións
- A responsable das políticas de Xuventude do Goberno galego explicou que con este programa “buscamos consolidar o protagonismo dos mozos e mozas en ámbitos como o asociacionismo, o voluntariado ou o emprendemento”
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2017.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, presentou esta mañá nas dependencias de San Lázaro o programa “Enredos”, unha nova iniciativa que se pon en marcha a través da Rede Galega de Dinamización Xuvenil e da rede de Espazos Xoves e Residencias Xuvenís da Xunta de Galicia coa que se quere consolidar, impulsar e dinamizar estes centros como foros de participación e empoderamento da mocidade.
Con este obxectivo, ao longo de todo o ano 2017 estes centros acollerán unha programación estable cun amplo abano de actividades, como charlas e obradoiros prácticos no ámbito do asociacionismo e a educación non formal, organización de eventos de networking entre entidades xuvenís e de acción voluntaria, desenvolvemento de talleres para o desenvolvemento persoal e profesional dos mozos e mozas, campionatos deportivos ou accións de asesoramento e mentorización de proxectos de participación xuvenil, entre outras. Así, a programación de actividades comezará o vindeiro día 20 de xaneiro e a última será o 22 de decembro. As intervencións desenvolveranse nos doce Espazos Xoves –un venres ao mes de 17:30 a 20:30 horas- e nas tres Residencias Xuvenís –un mércores ao mes de 21:30 a 22:00 horas- que a Xunta ten distribuídas pola xeografía galega.
Cecilia Vázquez explicou que con este programa, que se pon en marcha a través da Rede Galega de Dinamización Xuvenil e da rede autonómica de espazos e residencias xuvenís, “buscamos consolidar o protagonismo dos mozos e mozas en ámbitos como o asociacionismo, o voluntariado ou o emprendemento”. Nesta liña, salientou o espírito innovador e a cada vez maior participación da xuventude galega en programas como Iniciativa Xove, Voluntariado Xuvenil, Galeuropa ou Erasmus+, apuntando que “só fai falla botar unha ollada á prensa diaria para poder comprobar que detrás de moitos dos proxectos máis innovadores nos ámbitos social, empresarial, artístico ou deportivo; atópanse os mozos e mozas da nosa comunidade autónoma”.
Ademais, a responsable das políticas en materia de xuventude do Goberno galego explicou que o que se pretende con esta nova acción “é consolidar os Espazos Xoves e Residencias Xuvenís como lugares de referencia para o tecido asociativo xuvenil e as entidades de acción voluntaria, impulsalos como polos de innovación social e captación de talento novo, transformalos en lugares inclusivos e abertos as iniciativas e inquedanzas promovidas polos mozos e mozas galegos e dinamizalos como foros de participación e empoderamento xuvenil”.
Actividades
As accións programadas están adaptadas ás características e dinámicas previas de cada un dos centros, e incluirán a difusión dos recursos que tanto os espazos como as residencias xuvenís teñen a disposición da súa contorna; o asesoramento e mentorización de proxectos de participación xuvenil; a execución de actividades no ámbito da educación non formal orientadas á adquisición por parte dos mozos e mozas de habilitades e competencias clave; a creación de espazos para o intercambio de experiencias e inquedanzas entre a xuventude, así como de espazos que favorezan o traballo en rede entre entidades xuvenís e de acción voluntaria; e actividades de lecer saudable orientadas ao fortalecemento do vínculo entre os usuarios e usuarias do centro e a súa contorna.
A programación de “Enredos” desenvolverase nos Espazos Xoves situados nas localidades de Curtis, Lalín, Noia, Pontevedra, Betanzos, Carballo, Chantada, Ourense, Tui, Vilagarcía, Vilalba e Viveiro, así como no Centro Residencias Xuvenil LUG (Lugo), Residencia Florentino L. Cuevillas (Ourense) e Residencia Altamar (Vigo).
Convocada folga indefinida en Alonarti Envases polo despido dun afiliado da CIG
A central denuncia que se trata dun intento de amedrentar o persoal de cara á negociación do convenio
Vigo – 12 Xan 2017
O cadro de persoal de Alonarti Envases, empresa dedicada á fabricación de envases para a industria farmacéutica e cosmética con sede no Porriño, vén de convocar folga indefinida polo despido disciplinario dun afiliado da CIG. Dende a central denuncian que se trata dun intento da dirección de amedrentar os empregados/as de cara á inminente negociación dun novo convenio colectivo.
A maioría dos traballadores/as de Alonarti decidiron este martes en asemblea apoiar o paro indefinido que dará comezo o vindeiro martes 18 de xaneiro ás 6.30 horas para rexeitar o despedimento disciplinario dun afiliado da CIG. Dende a central denuncian que con esta decisión a empresa pretende darlle un “toque de atención” ao cadro de persoal -integrado por un cento de persoas- ante a inminente negociación dun novo convenio colectivo.
Ao mesmo tempo, anunciaron que coincidindo coa folga desenvolverán concentracións ás portas da compañía no polígono porriñés das Gándaras durante os cambios de cada unha das tres quendas de traballo (6.30, 14.30 e 22.30 horas). “Non podemos permitir que a empresa amedrente deste xeito os traballadores/as co obxectivo de lograr un convenio máis vantaxoso para os seus intereses”, sosteñen.
A convocatoria do paro indefinido foi promovida polos representantes da CIG no comité de empresa de Alonarti Envases, integrado por sete delegados/as da central nacionalista e dous da UGT, sindicato que decidiu non sumarse á folga
15 ao 17 xaneiro – 48 horas de PECHE pola Absolución de Diego
Asemblea Aberta de Coia
Domingo 15 de xaneiro
13:00 horas na Parroquia do Cristo da Victoria
Peche solidario en Coia para reclamar a absolución do activista Diego Lores
O colectivo reuniu máis de 1.500 sinaturas en apoio deste referente social acusado sen probas durante a loita veciñal da rotonda do Bernardo Alfageme. Este martes será xulgado.
A Asemblea Aberta de Coia inicia este domingo un peche solidario para reclamar a absolución do activista Diego Lores, que será xulgado o día 17 pola denuncia falsa por agresión dun axente municipal. O colectivo fai un chamamento a sumarse a esta nova acción en apoio da súa inocencia, coa que queren desmontar o que consideran unha montaxe policial que busca criminalizar a loita veciñal e social en Vigo, da que Lores é un dos seus referentes.
Un acto comunitario de 48 horas que terá lugar na Parroquia do Cristo da Victoria e que contará con charlas, obradoiros, actuacións musicais e a proxección da curta #MoitoPeixeRompeARede, onde se rememora a loita veciñal da rotonda do Bernardo Alfageme que levou á imputación sen probas do activista. O peche finalizará coa veciñanza acompañando até os xulgados a Lores, que enfronta unha pena de 3,5 anos de prisión e 30.356 euros de responsabilidade civil. Unha acusación da que a propia Fiscalía recoñeceu en dúas ocasións que non existen probas.
Durante as últimas semanas, máis de 1.500 persoas de todo o Estado asinaron a favor da absolución de Diego, no marco dunha campaña realizada pola Asemblea de Coia en diferentes concellos galegos. “Diego sempre foi unha das caras máis visibles da loita da rotonda de Coia, polo que cremos que o seu procesamento non é casual. Pretenden que pague por toda a veciñanza, para que quede claro que sucede coas voces disonantes”, denuncian desde o colectivo veciñal.
Consideran que a instrución do procedemento contra Lores estivo marcada por contradicións e incongruencias por parte da Policía Local, que mantén a acusación particular malia carecer de probas. Como exemplo da criminalización, recordan que desde que comezaron as protestas pacíficas en 2014 contra o proxecto “megalómano e esperpéntico” do Bernardo Alfageme, sufriron xa numerosas multas, detencións e a condena do activista Xurxo Romero.
PROGRAMA DO PECHE
DOMINGO 15:
13:00 | Rolda de prensa na igrexa
14:00 | Xantar común
17:00 | Contacontos: Bea Campos e Davide González (Migallas teatro)
18:00 | Obradoiro: “Quérennos soas, téñennos en común”, coa participación de persoas de loitas veciñais en Málaga, Xixón, Compostela…
19:30 | Concerto: Mini e Mero
21:30 | Cea común
LUNS 16:
10:30 | Faladoiro:“Barrios: distintos lugares, mesma historia” co alumando do IES Alexandre Bóveda e coa presenza de Emiliano Tapia (Buenos Aires, Salamanca) e Emilio Suárez (Coia, Vigo)
14:00 | Xantar común
17:00 | Obradoiro: elaboración de barcos de papel
19:00 | Proxección de #MoitoPeixeRompeARede e coloquio
21:30 | Cea común
MARTES 17:
9:30 | Marcha colectiva até os xulgados acompañando a Diego Lores con parada na rotonda
10:00 | Concentración diante do Xulgado
10:30 | Xuízo de Diego Lores