Ambas administracións autonómicas repasaron as súas principais actuacións neste eido, como a Historia Social Única, o servizo de teleasistencia avanzada ou as súas estratexias de envellecemento activo Castela e León lidera a atención á dependencia no estado e en Galicia “temos avanzado moito no que a atención á dependencia se refire, pero sempre é positivo mirar cara referentes que emprenden accións que repercuten no beneficio dos seus cidadáns”, declarou Rey Varela Valladolid, 20 de xaneiro de 2017.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo na xornada de hoxe unha reunión de traballo coa consejera de Familia e Igualdad de Oportunidades de Castela e León, Alicia García Rodríguez, á que tamén asistiron por parte da Xunta de Galicia o Secretario Xeral de Política Social, Javier Abad Pardo, e a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez. O obxectivo deste encontro era o de poñer en común as principais liñas de actuación en materia de dependencia e benestar social de ambos gobernos autonómicos, intercambiar coñecementos e experiencias innovadoras para mellorar a atención ás persoas dependentes e “que ambas comunidades autónomas sexamos capaces de chegar a acordos para mellorar as vidas das persoas que viven nos nosos territorios”, declarou Rey Varela. O responsable das políticas socias da Administración galega lembrou que a poboación maior de 55 anos en Galicia representa un 36% da poboación total e a esperanza de vida media é unha das máis elevadas de España. Este feito, unido ao proceso de cambio no que se atopan os diversos perfís dos maiores, pon en evidencia a existencia de novas realidades e necesidades. Por elo, “dende a responsabilidade que temos como gobernos autonómicos, temos a obriga de seguir avanzando na atención ás persoas en situación de dependencia, e debemos asumir estas novas realidades como oportunidades de mellora a nivel social”, afirmou o conselleiro. Deste xeito, a reunión tamén serviu para coñecer as principais medidas que nesta materia desenvolve Castela e León e para estudar a posibilidade de implantar o seu sistema de traballo en Galicia. Cómpre destacar que Castela e León é unha comunidade referente que lidera a atención á dependencia e que ademais, é a que máis emprego xera neste campo. “En Galicia temos avanzado moito no que a atención á dependencia se refire, pero sempre é positivo mirar cara referentes que emprenden accións que repercuten no beneficio dos seus cidadáns”, declarou Rey Varela. Así mesmo, destacou “o alto grao de colaboración que hai en Castela e León entre todas as administracións públicas, sen dúbida, un exemplo a seguir, porque redunda no benestar de todos os cidadáns”. Ao fío disto lembrou que en Galicia no 2016, Política Social puxo a andar a Axenda Social Única co obxectivo de que todas as administracións, autonómica, provincial e local, se unan en prol de axudar a quen o precisa. Galicia e Castela e León asinaban en 2010 dun Protocolo General de Colaboración, que incluía un apartado específico destinado á dependencia, para garantir a coordinación de ambas administracións cando persoas dependentes se trasladan de xeito temporal ou permanente dunha comunidade a outra para poder seguir recibindo as prestacións e atencións adecuadas. Durante o encontro, avaliouse o funcionamento deste protocolo, un balance que a xuízo dos dos responsables en materia social resultou positivo. Innovación e calidade Ambas administracións están a introducir innovación en materia de calidade. Neste sentido, o conselleiro de Política Social compartiu a experiencia en materia de establecemento de cartas de servizos do sistema para a autonomía e a atención á dependencia, así como a aplicación de melloras nas organizacións que se atopan nos niveis de compromiso da calidade. Pola súa banda, Castela e León informou sobre o proxecto “En mi casa”, que busca mellorar a calidade de vida das persoas maiores en xeral, tanto aquelas que están en centros residenciais como as que viven nos seus domicilios e precisan apoio para levar unha vida independente. Para elo, os participantes contarán cun proxecto de vida e cun profesional de referencia para facer efectivos os desexos destas persoas. Así mesmo, Galicia e Castela e León compartiron as melloras que realizaron en materia de xestión dos expedientes, especialmente aquelas melloras informáticas dirixidas á coordinación coas corporacións locais. Dentro destas melloras técnicas, atópase a configuración da Historia Social Única de carácter electrónico. Prevención de dependencia e envellecemento activo No referente ás políticas de prevención da dependencia e da promoción do envellecemento activo, Galicia e Castela e León comparten ser dúas comunidades que deseñaron unha estratexia e planificación neste ámbito. Ambas estratexias parten de principios e fundamentos similares, como son que a persoa é responsable do seu propio proceso de envellecemento e a posta en marcha de modelos innovadores de cara á construción de experiencias que favorezan un envellecemento activo e saudable e unha vida autónoma. Partindo destes principios, ambas comunidades acordaron estudar a aplicación e desenvolvemento das medidas que se contemplan, facendo fincapé nas experiencias innovadoras. Teleasistencia avanzada José Manuel Rey Varela tamén destacou a coincidencia tanto de Galicia como de Castela e León pola súa aposta polo valor da innovación na atención á dependencia. Neste sentido, ambas comunidades compartiron na reunión os avances en materia de teleasistencia avanzada para a atención ás persoas dependentes. No caso galego, o conselleiro indicou que preto de 6.000 maiores se poderán beneficiar deste servizo grazas a un investimento de 1,8 millóns de euros, o que se traduce nunha subida do 27% da partida con respecto ao ano pasado. En Castela e León, a Junta está a desenvolver unha plataforma de atención socio-sanitaria ao doente crónico e ás persoas en situación de dependencia, que permitirá aumentar as capacidades dos servizos públicos e dos profesionais a través do uso das tecnoloxías da información e comunicación. Por último, ambas comunidades amosaron a súa satisfacción polos acordos adoptados en materia de dependencia na Conferencia de Presidentes co acordo de constituír unha comisión para analizar o sistema de dependencia en orde a determinar a súa situación actual, a súa sustentabilidade e financiamento por parte do Estado.

cousas-castelaoDurante todo o curso a peza teatral ‘Cousas’, baseada na coñecida obra do médico, debuxante, pintor, político e escritor Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, será representada, na adaptación proposta por ‘Os Quinquilláns Teatro’, en máis de 40 localidades de toda Galicia.

Esta cifra aumenta día a día ao sumárense novos lugares que queren levar a montaxe aos centros de ensino e, así, achegarlle ao alumnado dunha maneira diferente a lectura desta obra de referencia. Os Quinquilláns xa percorreron Galicia o curso pasado coa peza O espantallo amigo, de Xosé Neira Vilas, que viron case 20.000 rapaces e rapazas de toda Galicia.

No caso de O Porriño, o vindeiro mércores, día 25, as alumnas e alumnos de galego dos institutos da vila, poden disfrutar desta montaxe, ao mediodía, na representación que se vai facer no Centro Recreativo e Cultural.  

Nesta proposta teatral inténtase ser fiel ao mesmo espírito co que Castelao creou as cousas, eses pequenos relatos que ilustraba cun debuxo. Na esencia da obra está a sociedade galega, o retrato dunha época que está afastada no tempo, pois trasládanos aos anos vinte do século pasado, pero que ten moito de global e de atemporal.

A montaxe provoca en moitos momentos o riso, posto que Castelao manexaba coma ninguén a retranca, a comedia, a farsa, pero tamén está moi presente a tristura e a traxedia, sentimentos variados que se desprenden das páxinas da obra e tamén da representación teatral.

Aparecen en escena relatos tan coñecidos como «O pai do Migueliño», que recrea a dureza da emigración, unha temática que tristemente segue a resultar actual; ou o «Rifante» que despois de coñecer o éxito non soubo xestionar unha época mala e cría que a vergoña era peor que a fame, un tema, o da caída económica, que resulta familiar en tempos de crise. E así outros moitos relatos que aparecen en escena mesturados con pinceladas sobre o propio Castelao, para facer así unha representación dinámica, educativa e entretida.  

60 minutos para achegar ao público máis novo, e non só, a unha das obras sobranceiras da literatura galega, e tamén ao seu autor, Castelao, un dos grandes renovadores da nosa prosa e tamén un dos que mellor entendeu e representou o pobo galego.

‘Cousas’ é a creación máis orixinal que nos deixou o autor. Con este libro publicado por primeira vez no ano 1926, o xenial Castelao  inventa un xénero novo e persoal. A través destas breves narracións consegue expresar a realidade esencial do pobo galego. Emoción e sentimento únense a un senso do humor extraordinario que fai da súa lectura unha experiencia única e agora tamén da súa representación en escena.

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: