#SonRías2017 | Amparanoia e SES, primeiras confirmacións
- O Festival volverá encher Bueu de festivaleiros os días 3, 4 e 5 de agosto coa súa particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado
- As entradas están xa á venda na web sonriasbaixas.info, cun prezo especial de 22,50 € máis gastos os tres días de concertos, coa acampada incluída
- A última edición do Festival conquistou o pasado verán a 16.500 persoas, que supuxeron para Bueu unha inxección económica de 1.200.000 euros
Bueu, 25 de xaneiro de 2017.- Amparanoia e SES, dúas mulleres con propostas musicais eclécticas e poderosas, protagonizan o primeiro avance do cartel da XV edición do Festival SonRías Baixas, que encherá de novo Bueu de festivaleiros os días 3, 4 e 5 de agosto de 2017. A compositora granadina Amparo Sánchez recalará en Galicia co proxecto musical que a lanzou á fama, Amparanoia, e coa maleta chea de cancións fronteirizas e coloridas que forman parte da banda sonora vital de toda unha xeración. Compartirá escenario coa bergantiñana María Xosé Silvar, SES, un auténtico fenómeno social que conquista ao público coa súa actitude rebelde e coa súa persoal mistura de música de raíz, rock, blues e canción de autor latinoamericana. A organización advirte que axiña dará novos nomes e recorda que as entradas están xa á venda na web sonriasbaixas.info, cun prezo especial de 22,50 € máis gastos os tres días de concertos, acampada incluída.
Amparo Sánchez retoma o proxecto musical que a lanzou á fama, Amparanoia, no 20 aniversario do seu primeiro álbum: El poder de Machín. E faino cunha xira que porá a cantar e a bailar ao público con temas que forman parte da banda sonora vital de toda unha xeración. Cancións fronteirizas e coloridas, como «Que te den» ou «La fiesta», cheas de ritmos latinos, mexicanos, árabes, flamencos ou rumberos. Revolucionaria musical, estandarte internacional da fusión, premiada pola BBC, Amparo Sánchez é unha artista sempre comprometida que se caracterizou pola enerxía do seu directo, pola alegría que transmiten as súas letras e pola súa valentía á hora de mesturar diferentes tipos de sons: blues, soul, boleros, rancheiras, rumbas, música popular suramericana… En El poder de Machín, que cumpre agora 20 anos, mostra o seu lado máis latino e bohemio acompañada por artistas como Manu Chao ou Víctor Coyote. E, aínda que 20 anos non son nada, si son o mellor motivo para mirar o pasado sen nostalxia… Con alegría!
Unha onda ecléctica que vai do rock ao blues pasando pola canción de autor latinoamericana. Esa é a marca da casa de María Xosé Silvar, SES, un auténtico fenómeno social que chega ao SonRías Baixas 2017 cun novo disco debaixo do brazo. Opoñerse á extinción é o cuarto álbum desta cantora bergantiñana, unha forza da natureza que conta cunha potente voz e cun estilo inconfundible cos que conquista a unha tropa de seguedoras e seguedores que converten en himnos as súas cancións, sempre enerxéticas e combativas. SES é puro xenio, inconformismo e paixón. E agora atrévese, ademais, a deixarlle máis espazo á cantareira que hai no seu interior e a introducir novas sonoridades. Este verán encherá o escenario do SonRías Baixas coas súas cancións de amor e de denuncia e coa súa honestidade, lucidez e rabia.
Obxectivo: mellorar a experiencia do público asistente
A particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado é unha das principais marcas de identidade do SonRías Baixas, que xa é toda unha referencia do verán en Galicia e no resto do Estado. Co slogan “de Festivaleiros para Festivaleiros” por bandeira, a organización artella cada ano unha completa programación musical que combina nomes consagrados e novas propostas e ofrécellela aos seus seguidores a uns prezos moi asequibles.
Este pasado verán, 16.500 persoas achegáronse ata a localidade do Morrazo para gozar coa música, a gastronomía e o audiovisual programados polo Festival, na que foi a edición máis exitosa e multitudinaria da súa historia e supuxo para Bueu unha inxección económica de 1.200.000 euros, chegándose ao pleno de ocupación hoteleira en toda a comarca e a bares e restaurantes da zona sen existencias. A maioría dos proveedores do Festival son da comarca e máis de 300 persoas traballan no evento, a maior parte, xente da vila.
A organización traballa agora, xunto co Concello, para mellorar a experiencia do público asistente, tanto dentro como fóra do Festival. Hostaleiros, comerciantes, institucións e organización esfórzanse por xestionar a enorme cantidade de xente que se achega á vila nos días que dura o evento, coa intención de que se sintan como na casa.