O CONSORCIO CASCO VELLO DE VIGO ACORDA O INICIO DO PROCESO DE VENDA DE 6 VIVENDAS DE PROTECCIÓN AUTONÓMICA NA RÚA FERRERÍA
O delegado territorial da Xunta e presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ignacio López-Chaves, presidiu esta mañá o Consello de Administración do organismo, onde se deu luz verde a este acordo
- As vivendas están ubicadas nos números 10-12 e 45-47 da rúa Ferrería e contarán con superficies que van dende os 56 aos 110 metros cadrados
- As obras de rehabilitación, que tiveron un investimento superior aos 940.000 euros, están moi avanzadas e remataranse nos vindeiros meses
- O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) autorizará o inicio do procedemento de selección de adxudicatarios para proceder despois ao sorteo público ante notario
- As persoas interesadas en participar neste procedemento deben estar inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia, no apartado de Vivenda de Promoción Privada de Réxime Concertado, na casiña de compra
- O Consello de Administración tamén adxudicou o aluguer dun novo local comercial no número 5 da rúa Ferrería para comercio de produtos alimenticios ao por maior.Vigo, 26 de xaneiro de 2017.- Esta mañá celebrouse a reunión ordinaria do Consello de Administración do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), presidida polo delegado territorial da Xunta e presidente do CCVV, Ignacio López-Chaves, e nela se deu luz verde ao acordo administrativo polo que se inicia o proceso de venda de 6 novas vivendas de protección autonómica (VPA) rehabilitadas polo Consorcio na rúa Ferrería.
Coma informou López-Chaves en rolda de prensa, os pisos están ubicados nos números 10-12 (2 vivendas) e 45-47 (4 vivendas) de dita rúa e contarán con superficies que van dende os 55 aos 110 metros cadrados. Serán de 1, 2 e 3 dormitorios e as súas obras de rehabilitación “están moi avanzadas”. Segundo as estimacións previstas, estarán rematadas para os meses de primavera chegando o investimento dos traballos aos 940.000 euros.
Concretamente, as vivendas dos números 10-12 serán de 1 dormitorio cunha superficie útil de 56,79m2 cada unha ademais de ter rocho. O inmoble contará tamén cun patio exterior para a entrada de luz natural e terá un baixo comercial duns 37 m2 nun mesmo e unitario edificio. A actuación foi proxectada polos arquitectos Antonio Cominges Carvallo e Harald Binkele e a adxudicación da mesma se fixo por 270.000 euros.
Mentres, no que respecta ás vivendas dos números 45-47, as superficies oscilarán entre os 55 e os 110 metros cadrados. Así, haberá un dúplex de 3 dormitorios, 1 vivenda con dúas habitacións e, por último, 2 pisos con 1 dormitorio. Os traballos de rehabilitación permiten tamén un local comercial duns 63 m2 nun mesmo edificio que contou cun investimento de 670.000 euros. O proxecto, da arquitecta Eva María Castro Álvarez, tamén contempla a existencia dun xardín posterior para conseguir luminosidade ademais de respectar e protexer as lareiras de acordo coa normativa.“Queremos converter a zona alta do Casco Vello nunha zona residencial”, considerou o delegado, matizando que o obxectivo a lograr coa vindeira fase de compravenda destas 6 novas vivendas é “fixar poboación”. Neste senso, lembrou que a día de hoxe xa residen nos inmobles rehabilitados polo CCVV máis de 150 persoas nas 99 vivendas recuperadas e entregadas aos seus adxudicatarios a través de 6 sorteos levados a cabo polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).
Pasos a darO IGVS autorizará agora o inicio do procedemento de selección de adxudicatarios para proceder despois ao sorteo público e ante notario que, coma en ocasións anteriores, celebrarase na Delegación da Xunta en Vigo.
Deste xeito, as persoas que estean interesadas en participar neste procedemento deben estar inscritas –ou facelo a partires de agora- no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia, no apartado de Vivenda de Promoción Privada de Réxime Concertado, na casiña de compra. Para isto, a persoa interesada deberá cubrir o modelo de solicitude normalizado e xuntar os documentos que nel se indiquen. Poderá conseguir o impreso na páxina web do web do IGVS. Unha vez teña toda esta documentación, deberá presentala no rexistro da Xunta.
A partires de aquí, todos os inscritos deberán estar atentos aos anuncios públicos que determinen o inicio do procedemento de selección de adxudicatarios para optar a algunha destas vivendas. A apertura do procedemento será debidamente publicada co obxecto de que todas as persoas inscritas no Rexistro e que estean interesadas na adquisición dunha destas 6 vivendas dispoñibles poidan solicitar a súa inclusión no sorteo dentro do prazo máximo de 15 días hábiles dende o seguinte á publicación de dita apertura.
Novo local comercial na rúa FerreríaO Consello de Administración celebrado hoxe tamén adxudicou o aluguer dun novo local comercial no número 5 da rúa Ferrería para comercio de produtos alimenticios ao por maior e detalle, lugar de encontro de novos clientes e punto físico de distribución de mercancías. A superficie útil do local é de 17,87 m2 e terá unha renda mensual duns 122 euros.
Este novo baixo comercial alugado ven a sumarse aos máis de 22 locais rehabilitados polo CCVV nos últimos anos e que xa contan con actividade empresarial na zona alta do casco histórico.