A XUNTA PROMOVE UN NOVO CONCURSO DE SOLO EMPRESARIAL CON BONIFICACIÓNS DE ENTRE O 30 E O 50%
- A empresa pública Xestur ofrece 1,4 millóns de metros cadrados desde 12.5 euros o metro
- Preto da metade do solo ofertado ten prezos por debaixo de 50 euros o metro cadrado, unha vez aplicada a bonificación
Santiago, 31 de xaneiro de 2016.- A Xunta, a través da empresa pública Xestur, vén de convocar un novo concurso de solo empresarial a prezo bonificado que ofertará unha superficie total de 1.4 millóns de metros cadrados. Os interesados poderán presentar ofertas de adquisición deste solo ata o 18 de marzo.
Neste proceso de venda de solo bonificado, que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda propón a comezos de cada ano, ofrecésense un total de 441 parcelas de solo empresarial cunha superficie total de 1.409.500,99 metros cadrados e bonificacións sobre o prezo de venda do 30 ou 50 por cento, segundo os parques empresariais.
- Bonificación do 50%: parques de Xinzo de Limia, Pereiro de Aguiar, Central de Transportes, Vilamarín, Ortigueira, Cedeira, Carballo, Barreiros, Cervo, Foz, As Gándaras, Guitiriz, Muimenta, Viveiro e Arbo.
- Bonificación do 30%: parques de Arzúa, Melide, Ordes, Boiro, Sigüeiro, Santa Comba, Negreira, Silleda, Lalín, A Sionlla, Reigosa, Mos e Morás
O Goberno galego ofrece solo en compravenda a partir de 12,50 euros por m2. O 24 % das parcelas incluídas no concurso teñen prezos por debaixo dos 35 euros o m2, unha vez aplicada a bonificación, e outro 23 por cento sitúase por debaixo dos 50 euros por m2.
Unha vez rematado o concurso de compravenda, as parcelas non adxudicadas poderanse vender directamente, nas mesmas condicións, prezo e bonificación que as fixadas para o concurso. Os adquirentes de solo empresarial bonificado quedan obrigados a construír as súas instalacións e obter a licenza de actividade no prazo máximo de tres anos dende a sinatura da escritura de compravenda.
Dende que en 2015 puxo en marcha o programa de bonificacións de solo empresarial, a Xunta de Galicia leva adxudicados preto de 730 metros cadrados de solo empresarial, o que supera en preto do 20 por cento o vendido conxuntamente nos anos 2007 e 2008 en que se adxudicaron 607.000 metros cadrados en total.
Actualmente, 24 das empresas que adquiriron solo bonificado xa teñen rematada a construción das súas instalacións nas parcelas adquiridas e outras 31 están en proceso de edificación. Un total de 170 empresas adquirentes de solo bonificado están realizando actuacións previas á súa implantación: redacción de proxectos, obtención de licencias de construción ou construción de instalacións, incluídas as que xa están operando nas parcelas mercadas.
Ademais da adxudicación en compravenda, o IGVS e Xestur adxudican solo empresarial en dereito de superficie, polo que as empresas adxudicatarias pagan un canon anual moi reducido: 1,5% do prezo da parcela os dous primeiros anos, 2,5% o terceiro e cuarto ano e 3,5% a partir do quinto ano. Isto significa que en Galicia hai solo empresarial dispoñible dende 0,38 euros por metro cadrado e ano.
Resulta evidente que cos prezos de venda e de dereito de superficie do solo empresarial que ofrece a Xunta o custe do mesmo non é motivo suficiente para a deslocalización de empresas galegas.
SOLO INCLUÍDO NO CONCURSO DE VENDA CONVOCADO POR XESTUR
PARQUE EMPRESARIAL | NÚMERO DE PARCELAS | SUPERFICIE TOTAL m2 | PREZO POR METRO CADRADO DENDE € |
A Sionlla
(Santiago de Compostela) |
98 | 407.343,50 | 80,50 |
Negreira | 8 | 15.585,00 | 34,50 |
Santa Comba | 1 | 1.910,00 | 36,40 |
Sigüeiro (Oroso) | 1 | 3.279,00 | 49,00 |
Boiro | 1 | 2.831,00 | 56,70 |
Ordes | 2 | 8.945,00 | 20,50 |
Melide | 5 | 10.971,00 | 42,00 |
Arzúa | 2 | 5.083,00 | 42,00 |
Carballo | 81 | 219.047,00 | 30,56 |
Cedeira | 36 | 38.677,00 | 34,17 |
Ortigueira | 46 | 54.471,00 | 27,00 |
Viveiro | 19 | 44.501,76 | 35,00 |
Muimenta (Cospeito) | 1 | 2.704,00 | 12,50 |
Guitiriz | 1 | 4.834,00 | 22,50 |
As Gándaras (Lugo) | 22 | 142.721,00 | 47,50 |
Foz | 2 | 6.120,00 | 27,62 |
Cervo | 16 | 29.388,17 | 20,00 |
Barreiros | 8 | 10.398,00 | 25,00 |
Central de Transportes de San Cibrao das Viñas | 4 | 40.187,60 | 34,52 |
Vilamarín | 13 | 20.220,41 | 33,12 |
Pereiro de Aguiar | 16 | 23.065,02 | 40,00 |
Mos | 22 | 148.776,00 | 98,72 |
A Reigosa (Ponte Caldelas) | 13 | 128.905,67 | 55,28 |
Lalín | 3 | 8.555,00 | 63,00 |
Silleda | 4 | 12.974,66 | 44 |
Arbo | 16 | 18.007,20 | 30 |
TOTAL | 441 | 1.409.500,99 |