Archive | febrero 2, 2017

A XUNTA DESTINA EN 2017 PRETO DE 11 MILLÓNS DE EUROS A FACILITAR O ACCESO DOS CIDADÁNS Á VIVENDA EN ALUGUEIRO

 

  • Distintos programas están dirixidos a ese fin: axudas do plan de vivenda 2013-2016 (prorrogado en 2017), Bono de Alugueiro Social, vivenda de promoción pública en alugueiro e Programa de Vivendas Baleiras

 

 

Santiago, 1 de febreiro de 2017.- Preto de 6.500 familias galegas se beneficiarán en 2017 das axudas da Xunta para o pago do alugueiro das súas vivendas, segundo indicou hoxe no Parlamento o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto. Segundo o responsable do IGVS, este organismo prevé destinar preto de 11 millóns de euros en axudas para o alugueiro.

 

O Plan RehaVita, plan galego de rehabilitación, alugueiro e mellora do acceso á vivenda 2015-2020, indica que a Xunta de Galicia debe destinar unha parte importante dos seus esforzos a fomentar o acceso á vivenda en réxime de alugueiro, en sintonía coas políticas de fomento do arrendamento recollidas no Plan estatal de vivenda.

 

Grazas a isto, é posible, non so garantir o acceso á vivenda ás unidades de convivencia con rendas máis baixas, senón tamén como alternativa de tenza da vivenda para as persoas que necesitan ter mobilidade xeográfica por razóns laborais ou que, simplemente ,se decantan por esta forma de acceso como alternativa á propiedade.

 

O director do IGVS indicou que “o Goberno galego, en materia de apoio ao aluguer de vivendas, ten implantado medidas de fomento como son as axudas ao alugueiro reguladas no plan de vivenda 2013-2016, que se prorroga en 2017, cunha dotación de preto de 3,5 millóns de euros”

 

O Executivo autonómico dispón tamén de medidas cun marcado carácter social como o  Bono de Alugueiro Social, no que se realizou unha convocatoria de 5 millóns de euros publicada no DOG do pasado dia 18 de xaneiro. Para esta convocatoria, ampliáronse os colectivos  que se poden acoller ao mesmo e incrementouse a duración máxima da axuda pasando de 2 a 3 anos.

 

Tamén indicou que a Xunta pretende dinamizar o mercado do alugueiro alí onde existe unha maior demanda deste tipo de vivendas, empregando para iso o Programa de Vivendas Baleiras, en colaboración cos concellos, co que se pretende mobilizar as vivendas baleiras existentes en Galicia, calquera que sexa o seu propietario, para destinalas a alugueiro social.

 

Os concellos encárganse de incorporar as vivendas ao programa e da adxudicación das mesmas, mentres a Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, outorga garantías aos propietarios a través dun seguro multirrisco fogar e un seguro de pago da renda e asistencia xurídica que cubrirá as vivendas incorporadas ao programa durante o tempo que estean alugadas.

 

Actualmente, xa se adheriron ao Programa de Vivendas Baleiras 32 concellos e outros 7 están en proceso de sinatura do convenio de adhesión ao mesmo.

 

A maior parte dos colectivos sinalados como preferentes no acceso ás vivendas do Programa de Vivendas Baleiras poderán percibir o Bono de Aluguer Social por un período de 12 meses ampliable ata os tres anos. O Bono consiste nunha axuda ao aluguer cunha contía de 150, 175 ou 200 euros mensuais, segundo a localidade onde estea situada a vivenda sobre a que se subscriba o contrato de arrendamento.

 

Curso de cata de viños Sede Afundación Vigo

Afundación acolle, a partir de mañá, o curso de cata de viños coordinado polo sumiller e director do Instituto Galego do Viño, Xoán Cannas. A proposta ofrece unha certificación de nivel básico, dirixida a amantes e afeccionados da cultura vitivinícola na procura dun primeiro achegamento ao mundo do viño. Mañá a Sede Afundación Vigo (Policarpo Sanz, 26) acolle a primeira sesión do curso que concluirá o 23 do mesmo mes, e que se desenvolverá en horario de 19.30 a 22.00 h, e ten xa a totalidade das prazas ofertadas cubertas.

Orquesta Sinfónica de Galicia no Teatro Afundación de Vigo

O Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) acollerá mañá, xoves 2 de febreiro, ás 20.30 h, un concerto da Orquesta Sinfónica de Galicia, nesta ocasión dirixida por Dima Slobodeniouk, que contará coa colaboración de Ruslana Prokopenkoao violonchelo, Uxía Martínez Botana no contrabaixo e Abraham Cupeiro no carnyx. Con esta actuación continúa a tempada de música clásica de Afundación na cidade de Vigo. Nela, a agrupación sinfónica interpretará a estrea absoluta de Concerto misterio para violonchelo, contrabaixo, orquestra sinfónica e electrónica en tres movementos de Wladimir Rosinski e a Sinfonía num. 39 en mi bemol maior K543 de Wolfgang Amadeus Mozart.

As entradas están á venda a través das canles habituais da entidade, en Ataquilla.com ou ben no teléfono 902 504 500, para todas aquelas persoas que non adquirisen o abono para a tempada que supón un aforro do 20 % con respecto ás entradas individuais. Ademais, as persoas con 35 anos ou menos gozarán da oportunidade de conseguir as entradas na billeteira media hora antes de cada concerto a un prezo reducido coa finalidade de promover este tipo de espectáculos entre o público máis novo.

A CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL CONVOCA A SEGUNDA EDICIÓN DO PROGRAMA FORMATIVO LÍDERES DE FUTURO

  • O conselleiro de Pol’tica Social, JosŽ Manuel Rey Varela, acompa–ado da directora xeral de Xuventude, Participaci—n e Voluntariado, Cecilia V‡zquez, presentar‡ en rolda de prensa unha nova edici—n de ÔL’deres de futuroÕ.

    O conselleiro de Pol’tica Social, JosŽ Manuel Rey Varela, acompa–ado da directora xeral de Xuventude, Participaci—n e Voluntariado, Cecilia V‡zquez, presentar‡ en rolda de prensa unha nova edici—n de ÔL’deres de futuroÕ.

    O obxectivo é potenciar o liderado da xuventude nos ámbitos profesional, social e cultural

  • O programa vai destinado a un total de 20 mozos e mozas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos
  • Líderes de Futuro terá un enfoque práctico e estará dividido en 4 módulos de aprendizaxe intensivo que terán lugar ao longo do ano

 

Santiago, 1 de febreiro de 2017.- A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, convoca a segunda edición do programa formativo Líderes de Futuro a través do cal se desenvolverán accións orientadas á mellora de competencias e habilidades da mocidade galega. Unha iniciativa que foi presentada esta mañá polo conselleiro José Manuel Rey Varela e pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez.

 

Así as cousas, o titular da carteira autonómica de políticas sociais aseguraba na rolda de prensa que “os mozos e mozas galegos son o noso principal activo xa que representan o futuro da nosa economía, da nosa cultura e da nosa demografía. Por iso é vital realizar programas como o que hoxe presentamos na súa segunda edición”. “Líderes de Futuro pretende facilitar o contacto entre mozos e mozas líderes na nosa comunidade autónoma, construíndo unha rede que favoreza a colaboración en proxectos de impacto social positivo”, engadiu Rey Varela. Pola súa banda, Cecilia Vázquez, explicou que o obxectivo desta acción é “potenciar o liderado da xuventude galega nos ámbitos profesional, social e cultural, así como mellorar as súas habilidades no desempeño de liderar un proxecto que facilite a súa empregabilidade a través do desenvolvemento de habilidades persoais e directivas.”

 

Líderes de Futuro vai dirixido a un total de 20 mozos e mozas galegos/as con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos que formen parte das entidades inscritas no censo de Entidades Xuvenís ou no Rexistro de Acción Voluntaria da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, ou aqueles que a título individual teñan participado nalgún dos programas de dita Dirección Xeral e amosen aptitudes para liderar proxectos innovadores na súa contorna.

 

O programa terá un enfoque práctico no que se aprenderá a través da análise de realidades concretas. Tendo en conta esta premisa, os estudos de casos, as simulacións, o traballo en grupo e as discusións abertas ocupará a maior parte das sesións. Para adaptarse á vida cotiá dos participantes, óptase por un formato de ensinanza áxil, que permite a compatibilización da rutina académica ou laboral dos mozos e mozas. Deste xeito, Líderes de Futuro estará dividido nos seguintes módulos: participación e empoderamento xuvenil (do 3 ao 5 de marzo), innovación e emprendemento no ámbito da sociedade civil (do 31 de marzo ao 2 de abril), emprendemento e modelos de negocio disruptivos (do 5 ao 7 de maio) e liderado social: características e competencias (do 8 ao 10 de setembro).

 

Paralelamente a estas sesións intensivas, tamén se poderán realizar actividades complementarias que fortalezan os contidos de cada un dos módulos, como visitas a empresas, entidades sociais e institucións públicas; participación en programas de mobilidade europea; ou encontros con personalidades relevantes do ámbito político, económico ou social.

 

A participación no programa será gratuíta e dará dereito á expedición do certificado de experiencias de educación non formal

 

Inscricións no programa

Os/as interesados/as poderán inscribirse de xeito gratuíto no programa entre o 1 e o 15 de febreiro a través do formulario dispoñible en http://xuventude.xunta.es. Para a selección dos candidatos teranse en conta os proxectos xuvenís ou de acción voluntaria xestionados polo solicitante no período 2010-2016, a motivación de interese da entidade xuvenil ou de acción voluntaria da que forme parte, e o curriculum vitae.