A DIRECTORA XERAL DE XUVENTUDE PARTICIPA NA ASAMBLEA XERAL DA REDE ESPAÑOLA DE ALBERGUES XUVENÍS
- Na reunión, á que tamén acudiron responsables do eido da mocidade doutras comunidades autónomas, aprobáronse os orzamentos para o 2017
- Galicia conta con 9 albergues asociados a esta rede grazas á cal a Xunta de Galicia desenvolve programas de intercambio co obxectivo de que os mozos e mozas amplíen os seus coñecementos nun ambiente internacional
Madrid, 6 de febreiro de 2017.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou hoxe na asemblea xeral ordinaria da Red Española de Albergues Juveniles (REAJ) na que se deu conta da situación actual da organización. Nesta reunión tamén estiveron presentes os titulares de Xuventude do resto das comunidades autónomas do país.
Así, entre os temas debatidos durante a sesión, fíxose un repaso aos datos estatísticos, que a data de novembro do ano pasado, xa superaban as pernoctacións do ano anterior. Tamén se destacou o impulso á páxina web, unha ferramenta indispensable de difusión e promoción da REAJ e a súa rede de albergues. Outro dos temas destacados foi o valor engadido do carné de alberguista. Preténdese que sexa un elemento útil para o usuario, non só para hospedarse no albergue, senón para empregalo como complemento nas viaxes e na vida cotiá a partir de importantes descontos. Así mesmo, a REAJ está a traballar en establecer novos contactos con entidades, especialmente colexios maiores e residencias universitarias, ambos espazos nos que hai contacto directo con mozos e mozas e potenciais usuarios deste carné. Por último, aprobáronse os orzamentos da organización para este ano 2017.
A asistencia a esta sesión ten unha gran importancia para o impulso do tecido alberguista galego, xa que a comunidade conta con varias instalacións integradas na REAJ, como os albergues xuvenís de Gandarío (Bergondo), LUG II (Lugo), Residencia xuvenil Altamar (Pontevedra), Residencia xuvenil Florentino López Cuevillas (Ourense), As Corcerizas (Vilar de Barrio, Ourense), Os Biocos (San Xoán de Río, Ourense), Equal (Coles, Ourense), Monte do Gozo en Santiago e Artsurfcamp en Carballo (A Coruña).
Cómpre destacar que a través da REAJ, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado desenvolve programas de intercambios xuvenís, grazas aos cales a mocidade galega benefíciase dunha oportunidade única de experimentar, vivir e colaborar nos albergues doutros países co obxectivo de mellorar os seus coñecementos nun ambiente internacional.
Así mesmo, a Dirección Xeral está á espera de que se resolva o programa Movic, unha iniciativa cofinanciada pola REAJ e polas Comunidades Autónomas que ten como finalidade promocionar e difundir o movemento alberguista e fomentar a mobilidade xuvenil. Galicia presentou a esta convocatoria un proxecto sobre mocidade e conservación do Medio Ambiente que se realizaría no albergue de Gandarío, co obxectivo de fomentar entre a mocidade actitudes de respecto coa natureza, ademais de difundir o alberguismo e as súas potencialidades. Ao abeiro do Movic’17, a REAJ cofinanciará un máximo de 2 proxectos.