LÓPEZ-CHAVES COÑECE A ACTIVIDADE INVESTIGADORA DO CETMAR, QUE PARTICIPOU NUS 300 PROXECTOS E SERVIZOS NOS ÚLTIMOS ANOS

  • 07022017_visita-cetmarO delegado da Xunta valorou o labor deste centro a prol da conservación e aproveitamento sustentable do medio mariño e dos seus recursos con actividades desenvolvidas nos ámbitos da investigación, o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica, a formación e a cooperación internacional
  • O Centro Tecnolóxico do Mar – Fundación Cetmar conta cuns 40 traballadores e traballadoras, dos que o 80% son mulleres
  • O centro traballa na actualidade en arredor de cincuenta iniciativas, das que 13 se executan neste ano 2017, cinco en 2018 e dúas estenderanse ata o ano 2020

 

Vigo, 07 de febreiro de 2017.- O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitou esta mañá o Centro Tecnolóxico do Mar–Fundación Cetmar, onde estivo acompañado pola directora do centro, Paloma Rueda, o seu secretario xeral, Fernando San Quintín, e pola secretaria territorial da Delegación viguesa, Yolanda Lesmes.

 

Tras unha explicación técnica de todas as actividades e iniciativas que levan a cabo no Cetmar, López-Chaves percorreu as instalacións da man dos técnicos e investigadores do mesmo ademais de coñecer algúns dos proxectos nos que están a traballar. Deste xeito, valorou o labor e traballo destes investigadores a prol da conservación e aproveitamento sustentable do medio mariño e dos seus recursos con actividades desenvolvidas nos ámbitos da investigación, o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica, así como da formación e da cooperación internacional.

 

O centro conta cuns 40 traballadores e traballadoras, dos que o 80% son mulleres. Dende o ano 2009 participou nuns 300 proxectos e servizos que contaron cun financiamento total autonómico, nacional e europeo duns 130 millóns de euros. Desta cantidade ao Cetmar correspondéronlle 28 millóns de euros polas tarefas asignadas en cada unha das iniciativas.

 

Os investigadores do Cetmar  traballan na actualidade en arredor de cincuenta iniciativas, das que 13 se executan neste ano 2017, cinco en 2018 e dúas estenderanse ata o ano 2020. Ademais destas, o centro teñen previsto participar en 32 novos proxectos e servizos con financiamento nacional, europeo e internacional.

 

Proxectos destacados

No apartado de loita contra a contaminación destacan proxectos finalizados como Arcopol, Arcopol+ e Arcopol Platform, coordinados por Cetmar e desenvolvidos con financiamento do Programa de Cooperación Transnacional Espazo Atlántico. A través da cooperación con Francia, Portugal, Reino Unido e Irlanda estas iniciativas proporcionaron resultados que se incorporaron ao Plan Territorial de Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Camgal). Ademais Arcopol Platform foi recoñecido pola Comisión Europea como mellor proxecto atlántico do 2016 no ámbito do medio mariño e costeiro.

 

A xestión dos residuos procedentes do mar foi o obxectivo de iniciativas como Nada pola borda, 3R-FISH e Pescal. Por outra banda, no eido de valorización dos produtos o Cetmar participa en proxectos como LIFE iSEAS, encamiñado á mellora da aplicación real no sector pesqueiro das solucións innovadoras na xestión e redución dos descartes.

 

No eido da innovación socioeconómica destaca o proxecto Primefish, unha iniciativa mundial na que participa o Cetmar dentro dun consorcio formado por 14 centros de investigación europeos e dous centros con sede en Canadá e Vietnam. Este proxecto estará en vigor ata febreiro de 2019 e xerará coñecementos para a industria pesqueira e acuícola sobre os resultados económicos nestes eidos e tendencias en produtos, consumidores ou mercados. Nesta área tamén destacan proxectos como Mareframe, que abarca estratexias innovadoras de xestión baseadas na participación do sector, a responsabilidade e a co-xestión. Outro proxecto é Climefish, que busca ferramentas para a xestión de pesquerías multi-específicas ou a predición do impacto do cambio climático, entre outros aspectos.

 

No ámbito da innovación tecnolóxica, está en vigor o proxecto Columbus, que busca aproveitar a investigación mariña da Unión Europea, garantindo a utilización dos coñecementos xerados por parte dos usuarios finais. Outros proxectos que se realizaron nesta área foron o RAIA, RAIAco e RAIA.TEC para o desenvolvemento dun Observatorio Oceánico constituído por unha infraestrutura transfronteiriza de observación do océano e por unha rede de oceanografía operacional baseada na monitorización e na predición do océano.

 

Ademais o Cetmar desenvolve iniciativas de cooperación internacional en países de África e América Latina, fundamentalmente destinadas a apoiar o desenvolvemento da pesca artesanal e a acuicultura rural a pequena escala e a impulsar a investigación pesqueira co apoio do Goberno central, autonómico e da Unión Europea. Neste eido destacan iniciativas como Marenda, que está en desenvolvemento e busca apoiar ao sector do transporte marítimo nos países atlánticos de África Occidental, mediante o un mecanismo para o intercambio de bases de datos de información portuaria, protección do medio ambiente mariño e actuación en caso de emerxencia.

 

O Cetmar

O Centro Tecnolóxico do Mar–Fundación Cetmar constituíuse no ano 2001 promovido pola Xunta de Galicia e a Administración central, a través da Secretaría de Estado de Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación. Nese mesmo ano foi declarada de interese galego. Ao longo da súa traxectoria o centro colaborou en iniciativas con 67 países da man de máis de 600 institucións, entidades e centros de investigación.

 

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: