ARTURO PARRADO CLAUSURA OS CURSOS DE CÁRITAS DIOCESANA QUE APOIAN A INCLUSIÓN SOCIAL DOS SEUS PARTICIPANTES
- O director xeral de Inclusión Social entregou os diplomas dos cursos de camareira de andares, operacións auxiliares de comercio, auxiliar de servizos domésticos e atención a persoas maiores
- A Consellería de Política Social colabora con financiamento destas accións formativas
Santiago, 8 de febreiro de 2017.- O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, asistiu á clausura e entrega de diplomas da dos cursos financiados pola Dirección Xeral a través de Cáritas Interparroquial de Santiago. No transcurso da entrega de distincións, o titular autonómico subliñou a importancia da inclusión social para acadar unha sociedade na que todas as persoas teñan os mesmos dereitos e as mesmas oportunidades.
O acto tivo lugar nas dependencias de Cáritas na capital galega e nel se entregaron os diplomas dos cursos de camareira de andares, operacións auxiliares de comercio, auxiliar de servizos domésticos e atención a persoas maiores. Arturo Parrado felicitou aos participantes nestas actividades formativas polo seu traballo e esforzo. “Un esforzo que tamén debemos facer e facemos como administración pública. Estamos ao carón das persoas que peor o están a pasar para que poidan vivir mellor e cunha maior calidade de vida”, declarou Parrado.
Deste xeito, o titular autonómico lembrou que a Consellería de Política Social continúa a traballar man a man con Cáritas Diocesana de Santiago no 2016-2017, grazas a unha achega que supera os 375.000 euros.