O GRUPO POPULAR SALIENTA O ANUNCIO DA XUNTA DE NEGOCIAR COS SINDICATOS UNHA OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO DE 3.000 PRAZAS PARA O PRESENTE ANO 2017
- “A Xunta continúa a traballar tratando de manter o equilibrio entre a prestación de servizos e a creación de emprego”, indicou o deputado Jacobo Moreira
Santiago, 8 de febreiro de 2017.- O deputado do Grupo Popular, Jacobo Moreira, salientou hoxe que a Xunta negociará coas organizacións sindicais a aprobación neste ano dunha oferta de emprego público de arredor de 3.000 prazas para reforzar especialmente os servizos de sanidade, educación e sociais.
Ademais, Jacobo Moreira indicou que entre as medidas que se tomarán neste ano figura a reanudación do pago do complemento específico nas pagas extras ao conxunto dos empregados públicos da Administración galega, unha medida pactada coas organizacións sindicais e que beneficiará ao persoal da Xunta, da sanidade, o ensino, as universidades e o ensino concertado.
MANTER O EQUILIBRIO
“A Xunta continúa a traballar tratando de manter o equilibrio entre a prestación de servizos e a creación de emprego, ao tempo que a intenta conxugar coa pronta restitución dos dereitos dos empregados públicos afectados durante a crise económica, sen poñer en risco os obxectivos de estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade en materia de emprego público”, indicou.
Jacobo Moreira lembrou que a Xunta de Galicia foi recuperando progresivamente algunha das medidas adoptadas durante a crise económica. En concreto, procedeuse á recuperación da totalidade da paga extra e adicional do 2012, e os permisos por asuntos particulares e vacacións en función da antigüidade.
“Para o resto dos permisos e vacacións así como sobre as retribucións en todos os supostos de incapacidade temporal estase a aplicar en Galicia o máximo que permite a normativa básica estatal, ao igual que sucede coa taxa de reposición de efectivos, que na Comunidade galega acada o limite máximo que permite a Lei de orzamentos estatal”, explicou.