Archive | febrero 10, 2017

A XUNTA INICIA O PROCEDEMENTO DE ADXUDICACIÓN DE SEIS VIVENDAS NO CASCO HISTÓRICO DE VIGO

 

  • Trátase de vivendas rehabilitadas polo Consorcio do Casco Vello de Vigo, encabezado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo

 

 

Santiago, 10 de febreiro de 2016.- A Xunta de Galicia iniciou o procedemento para a adxudicación de seis vivendas de protección autonómica promovidas polo Consorcio do Casco Vello de Vigo, no que o Instituto Galego da Vivenda e Solo participa cun 90 por cento do seu capital.

 

Poderán participar no sorteo das mesmas aquelas persoas que a data do 8 de febreiro de 2017 estiveran inscritos e anotados no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda no réxime concertado e modalidade de compravenda. Os interesados dispoñen dun prazo de 15 días para a presentación da solicitude de inclusión no procedemento de adxudicación.

 

Dúas das vivendas para as que se inicia o procedemento de adxudicación están emprazadas na rúa Ferrería 10-12. Ambas dispoñen dunha superficie de 56,79 metros cadrados ademais dun rocho, e o prezo de venda vai de 90.000 a 95.000 euros.

 

As outras catro vivendas sitúanse en Ferrería 45-47, con superficies dende 55 a 109 metros cadrados e prezo de venda entre 83.000 e 175.000 euros.

 

Emprazamento Características das vivendas Prezo de venda
Ferrería 10-12 1º piso. 56,79 m2 + rocho 90.186 €
Ferrería 10-12 2º piso 56,79 m2 + rocho 95.056 €
Ferrería 45-47 1º A. 55,65 m2 83.475 €
Ferrería 45-47 1º B 76,12 m2 114.180 €
Ferrería 45-47 2º A. 56,65 m2 90.640 €
Ferrería 45-47 2º B. 109,75 m2 175.600 €

 

Standard & Poor´s eleva nun chanzo, de B+ a BB-, o rating emisor de ABANCA

A CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL PUBLICA A VERSIÓN EN LECTURA FÁCIL DA ESTRATEXIA GALEGA SOBRE DISCAPACIDADE 2015-2020

  • É a primeira vez que se valida un documento da administración autonómica neste formato, o que permitirá que sexa accesible a todas as persoas con dificultades de comprensión lectora
  • A adaptación e validación do texto foi realizada en colaboración con FADEMGA Plena Inclusión Galicia e a Asociación ASPAS

 

Santiago, 10 de febreiro de 2017.- A Consellería de Política Social vén de publicar por vez primeira a versión validada en lectura fácil da Estratexia Galega sobre Discapacidade 2015-2020, de xeito que este documento sexa accesible a todas as persoas con dificultades de comprensión lectora.

 

A lectura fácil é un método de adaptación e redacción de textos para facer accesible a información e a cultura ás persoas con dificultades de comprensión lectora. Os documentos que contan con esta versión, están dotados dun logotipo de cor azul escuro creado no ano 1998 pola Asociación Europea de Persoas con Discapacidade Intelectual e as súas Familias (Inclusion Europe). A utilización deste logo esixe o cumprimento de pautas de redacción de textos e deseño dos documentos, recollidas nas “Normas europeas de lectura fácil” de Inclusión Europe.

 

A adaptación do texto foi realizada en colaboración con FADEMGA Plena Inclusión Galicia, entidade que aglutina diversas asociacións de familiares de persoas con discapacidade intelectual de Galicia, e que busca a integración social e laboral deste colectivo. Nesta ocasión, FADEMGA contou coa colaboración de 4 membros con discapacidade intelectual da Asociación ASPAS, quenes participaron na validación (requisito indispensable para que o documento sexa considerado de lectura fácil) da adaptación da Estratexia, a través de reunións diarias nas que puxeron en conxunto as súas suxestións para poñer a disposición de todos os galegos e galegas un documento de vital importancia para as políticas sociais da Comunidade Autónoma.

 

A Estratexia Galega sobre Discapacidade 2015-2020, dirixe os seus esforzos cara os aspectos considerados clave para avanzar na consecución da igualdade real das persoas con discapacidade e a súa inclusión social. Este documento é o resultado dun proceso en que participaron as principais entidades sociais e profesionais neste eido e constitúe a folla de ruta que está a aplicar a Xunta nos vindeiros anos para promover que as persoas con discapacidade poidan gozar dunha vida autónoma e independente.

 

Para acadar este obxectivo, a Estratexia susténtase nunha serie de liña transversais con vocación de impregnar o conxunto de actuacións que se desenvolven ao seu abeiro e que son a accesibilidade; a participación; a investigación, a innovación e a calidade; e a igualdade de xénero.

 

Más 1 de 4 Imprimir todo En una ventana nueva ‘Zenit’ Els Joglars Afundación Vigo e Pontevedra

O Teatro Afundación Vigo acollerá martes 14 e o mércores 15 de febreiro ás 20.30 h a obra Zenit: la realidad a su medida de El Joglars. O xoves 16 de febreiro, ás 20.30 h, será a quenda da Sede Afundación Pontevedra. As entradas para estes espectáculos están dispoñibles a través das canles habituais da entidade en Ataquilla.com ou ben no 902 504 500.

‘Osiño’ Teatro Afundación de Vigo

Afundación presenta a obra de teatro Osiño, da compañía teatral Trompicallo, no Auditorio Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13). As representacións serán os días 13, 14, 15, 16 e 17 de febreiro con dúas funcións diarias en horario de 10.00 h e 12.00 h da mañá.

Máis de 4.200 alumnas e alumnos de educación infantil de 62 centros escolares de Vigo e comarca acudirán a ver esta obra de monicreques en galego.

A XUNTA SALIENTA QUE SÓ CONTEMPLA UNHA ALTERNATIVA NA EXECUCIÓN DA AUTOVÍA DO MORRAZO: GARANTIR A MÁXIMA SEGURIDADE, POÑER EN VALOR O CASTRO DE MONTEALEGRE E PROTEXER A PAISAXE

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, compareceu esta tarde no Parlamento de Galicia 

  • Menéndez destaca que estas obras, que afectan a unha superficie mínima do castro, están a permitir a documentación destes restos arqueolóxicos,  grazas á unha escavación á que se están a destinar todos os recursos dispoñibles
  • Indica que o trazado elixido é o único que garante a seguridade viaria ao tempo que minimiza o impacto ambiental e sobre o Castro
  • Remarca que se vai traballar no deseño dun conxunto de actuacións para a posta en valor do castro unha vez rematen as escavacións

 

Santiago, 9 de febreiro de 2017.- O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, salientou hoxe que a Xunta de Galicia só contempla unha alternativa na execución da Autovía do Morrazo: garantir a máxima seguridade viaria, poñer en valor o Castro de Montealegre e protexer a paisaxe mediante unha minimización do impacto ambiental.

 

En resposta a unha pregunta parlamentaria, Francisco Menéndez destacou que grazas as obras de desdobramento do Corredor do Morrazo estase a realizar unha escavación do Castro de Montealegre que está a permitir “un importantísimo labor de investigación en campo e en laboratorio que permitirá afondar no coñecemento das características propias deste asentamento e da propia cultura castrexa”.

 

O director da Axencia Galega de Infraestruturas lembrou que o ámbito do castro afectado por las obras é mínima, xa que a súa existencia foi considerada para proxectar o desdobramento. A este respecto, sinalou que a execución das obras realízase de acordo coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e se adoptaron as medidas preventivas recomendadas para reducir o impacto sobre os restos arqueolóxicos.

 

Ademais, apuntou que a importante investigación que se está a realizar sobre os limitados ámbitos do castro afectados pola Autovía, xunto cos labores previstos para mellorar, acondicionar e recuperar a paisaxe tradicional no resto de terreos do castro, “vai permitir pór á disposición da cidadanía este ben patrimonial, posibilitando no futuro continuar coa súa escavación e utilización como un recurso cultural”.

 

Así mesmo,  Menéndez asegurou que a Xunta de Galicia vai traballar para o deseño dun conxunto de actuacións para a posta en valor do castro, en función dos resultados da investigación que se está a financiar con cargo ás obras de desdobramento do Corredor do Morrazo.

 

A única alternativa para a Autovía do Morrazo

O director da Axencia Galega de Infraestruturas insistiu en que o trazado da Autovía do Morrazo é o único que garante a seguridade viaria ao tempo que minimiza o impacto ambiental e sobre o Castro de Montealegre.
Fronte a isto, indicou que a proposta de non desdobrar o Corredor no seu primeiro treito ata pasar o Castro de Montealegre contravén os principios de seguridade viaria, posto que suporía crear “un estrangulamento inaceptable na zona máis complicada en canto a pendentes e precisamente no treito con maior tráfico”.

A XUNTA GARANTE A SEGURIDADE NA PONTE DA BARCA, EN PONTEVEDRA, ONDE ACTUOU DE FORMA INMEDIATA TRAS O ÚLTIMO TEMPORAL

  • A Axencia Galega de Infraestruturas xa avaliou toda a cuberta e, nestes momentos, estanse rematando de asegurar voadizos, madeiras e ancoraxes
  • Un equipo de persoal da AXI estará operativo nas vindeiras horas por mor da previsión de fortes ventos coa fin de controlar que non se produzan desprendementos
  • O Executivo autonómico tivo acceso esta mañá ao informe dos Bombeiros de Pontevedra despois de reclamarllo ao Concello
  • Ese informe identifica como un dos factores de risco o sistema eléctrico da ponte, cuxo mantemento é responsabilidade municipal

 

Santiago, 9 de febreiro de 2017.- A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, garante a seguridade na ponte da Barca, en Pontevedra, onde actuou de forma inmediata tras o último temporal.

 

Os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) xa revisaron toda a cuberta e nestes momentos estase rematando de asegurar voadizos, madeiras e ancoraxes. Ademais, un equipo de persoal da AXI estará operativo ao longo das vindeiras horas por mor da previsión de fortes ventos coa fin de controlar que non se produzan desprendementos.

 

A Consellería de Infraestruturas manterá o vindeiro martes unha xuntanza coa empresa que realizará o proxecto de rehabilitación da ponte. As accións fundamentaranse nunha tese doutoral realizada sobre o estado da madeira da ponte na que se conclúe que non existe risco de ruína, pero si hai zonas que non se atopan en bo estado.

 

O Goberno galego lamenta que o Concello de Pontevedra non lle trasladara de xeito áxil o informe no que se detalla a problemática da infraestrutura, a pesar de que no mesmo se alertan de problemas de seguridade para as persoas.

 

O Executivo autonómico tivo acceso esta mañá ao informe dos Bombeiros de Pontevedra despois de reclamarllo ao Concello. Neste documento identifícase como un dos factores de risco o sistema eléctrico da ponte, cuxo mantemento é responsabilidade municipal.

 

A Xunta lembra a importancia do diálogo e a colaboración entre Administracións cando se trata de resolver problemas e mellorar a calidade de vida dos cidadáns.

 

Sinatura convenio creación Área Comercial e humanización da rúa Antonio Palacios e Cans

antonio-palaciosO Goberno local do Porriño ven de dar un importante paso para confirmas as expectativas dun ambicioso plan que abrangue a rúa Antonio Palacios e a parroquia de Cans.

Este xoves, a alcaldesa, Eva García de la Torre, e o concelleiro de Urbanismo, Marcelino Coto, subscribiron un convenio entre un “importante grupo inversor” e o Concello que ten coma obxectivo, como salientou Marcelino Coto, “acometer unha reforma integral” nesta parte da vila.

O concelleiro sinala a relevancia desta decisión, “xustificada polo interese público”, que suporá a eliminación do tráfico pesado do casco urbano e a “humanización de Antonio Palacios, con novas beirarrúas, alumeado, ou faixas verdes e de esparexemento, que fará posible que esta rúa pase a ser unha grande avenida”.

Coto lembra que en neste entorno están o Colexio Hermanos Quiroga, o IES Pino Manso, o CEIP Fernández López, unha gardería da Galiña Azul, o Pavillón e a Piscina Municipal, e que a reforma significará unha “mellora substancial na seguridade e na calidade de vida” das veciñas e veciños da contorna, en particular, e de todas as porriñesas e porriñeses, en conxunto.

O convenio abrangue, ademais, a radicación nunhas parcelas que conforman unha superficie de máis de 25.000 metros cadrados no que se abrirá unha grande área comercial e de lecer, con novos espazos dotacionais que, subliña Marcelino Coto, “creará numerosos postos de traballo, tanto directos coma indirectos”.

Logo da sinatura do convenio, o seguinte paso é promover unha reforma puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana que, remata Coto, está en xa en marcha.